A Xunta de Galicia impulsou no ano 2024 un Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal, motivado por unhas taxas de incidencia e prevalencia moi significativas. A execución das medidas contidas no dito plan iniciouse no ano 2025 con resultados positivos; porén, é preciso reforzar as medidas necesarias para reducir as cifras de incapacidade e, neste sentido, o Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 8 de abril de 2026, aprobou, no punto único da orde do día (Debate anual sobre política xeral, doc. núm. 54101, 12/DEBA-000002), entre outras, a seguinte resolución:
21ª. Resolución:
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para pór en marcha un procedemento común entre as unidades de Inspección e Control de Saúde Laboral para a valoración de pacientes en situación de incapacidade temporal.
Por tanto, a experiencia acumulada evidencia a necesidade de afondar en aspectos como a xestión das propostas de alta emitidas polas mutuas e a autorización de probas diagnósticas e procedementos terapéuticos polas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social.
– Propostas de alta médica emitidas polas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social.
Os datos actuais reflicten unha baixa eficacia nas propostas de alta formuladas polas mutuas en relación coa súa resolución definitiva. A modo de exemplo, no mes de xaneiro, dun total de 2.855 propostas, apenas o 40,18 % derivaron nunha alta efectiva do proceso, unha porcentaxe inferior á media do resto de comunidades autónomas.
Máis concretamente, en xaneiro de 2026, dos 1.137 procesos finalizados tras unha proposta de mutua, unicamente 81 foron resultado da confirmación directa por parte das unidades de Inspección e Control da Saúde Laboral. Ante esta situación, resulta imprescindible modificar a Instrución do 1 de abril de 2019, que establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal. O obxectivo desta reforma é axilizar o procedemento, dotándoo de maior carácter resolutivo e executivo, ao mesmo tempo que se reforza o papel das unidades de Inspección e Control da Saúde Laboral (UICSL).
O procedemento de xestión das propostas de alta está regulado no artigo 6 do Real decreto 625/2014, do 18 de xullo. Esta norma establece que as propostas de alta médica deben dirixirse ás unidades de Inspección Médica do Servizo Público de Saúde, que as remitirán de inmediato aos facultativos ou servizos médicos responsables do proceso. No caso de que a Inspección non reciba resposta ou discrepe dela, poderá acordar a alta médica efectiva.
O obxecto da presente modificación é delimitar os supostos en que a Inspección exerce esta potestade. Dado que non se trata dunha facultade discrecional, cómpre precisar que se acordará a alta médica de forma inmediata sempre que as propostas das mutuas estean debidamente motivadas e completas. Pola contra, se a proposta fose insuficiente, a Inspección deberá convocar a persoa interesada a un recoñecemento médico presencial antes de ditar unha resolución motivada sobre a procedencia da alta. Deste xeito, a Inspección poderá acordar a alta ou non facelo e quedar a resolución supeditada á concorrencia dos requisitos detallados nesta instrución a cuxa verificación queda vinculada a potestade da Inspección.
– Probas diagnósticas e procedementos terapéuticos realizados polas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social.
Malia que a asistencia sanitaria por continxencias comúns –e as profesionais xestionadas polo INSS– corresponde ao Servizo Galego de Saúde, as mutuas poden solicitar a autorización á Inspección de Servizos Sanitarios para realizar probas ou tratamentos co obxectivo de evitar demoras innecesarias na recuperación.
Grazas ao Plan de mellora da Consellería de Sanidade, estas probas xa se integran na historia clínica electrónica do paciente (IANUS), o que optimiza recursos, evita duplicidades e axiliza a xestión. Como mostra desta sinerxía, no ano 2025 incorporáronse preto de 1.300 probas diagnósticas realizadas por entidades colaboradoras.
Co fin de afondar nesta eficiencia, cómpre modificar a instrución vixente para implementar un sistema de autorización única. Deste xeito, as mutuas non terán que tramitar unha solicitude individual por cada actuación, senón que unha soa autorización habilitará todas as probas e os procedementos terapéuticos necesarios para a curación do traballador.
Finalmente, a Inspección de Servizos Sanitarios concederá a dita autorización logo de verificar dous requisitos imprescindibles: a existencia do consentimento informado da persoa doente, conforme a Lei 3/2005, do 7 de marzo, e que a actuación se realice nun centro sanitario con autorización sanitaria en vigor.
Para facer efectiva esta axilización procederase á modificación da Instrución do 1 de abril de 2019 (publicada mediante a Resolución do 5 de abril de 2019, da Secretaría Xeral Técnica), co fin de dotala dun carácter máis resolutivo e executivo.
Xa que logo, modifícanse as instrucións décimo terceira e décimo cuarta da Instrución do 1 de abril de 2019 pola que se establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal polos/as inspectores/as médicos/as e subinspectores/as sanitarios/as, controladores da xestión da incapacidade temporal, das unidades de Inspección e Control de Saúde Laboral desta consellería, que queda coa seguinte redacción:
Décimo terceira. Propostas de alta das mutuas colaboradoras coa Seguridade Social
Unha vez recibida a proposta de alta médica na UICSL e valoradas as súas condicións formais pola Inspección de Servizos Sanitarios, remitirase ao/á médico/a controlador/a do proceso a través do programa informático XesIT, para que se pronuncie e admita a proposta de alta da MCSS ou, en caso contrario, elabore un informe para a UICSL en relación coa situación clínica que xustifica a permanencia do/da traballador/a en situación de IT.
O persoal inspector das UICSL valorará este informe xunto coa información dispoñible na historia clínico-laboral e na historia clínica electrónica IANUS, así como o informe emitido polos servizos médicos das MCSS.
As UICSL deberán dar contestación a todas as propostas de alta emitidas polos servizos médicos das mutuas, no prazo dos cinco días hábiles seguintes contados desde a data de recepción da proposta de alta médica dos servizos médicos das MCSS.
Enviarase copia da resolución ao INSS para os efectos do seguimento do cómputo de tempos de resposta.
No caso de que o facultativo controlador non emitise un pronunciamento a través do programa XesIT no prazo sinalado anteriormente, a Inspección de Servizos Sanitarios da UICSL adoptará a resolución que proceda conforme os criterios seguintes:
• Cando a proposta de alta dos servizos médicos das mutuas estea debidamente motivada, conteña un diagnóstico actualizado, a valoración da avaliación clínica do proceso e a fundamentación obxectiva da aptitude laboral do/da traballador/a, e se lle xunten os informes e as probas complementarias que acrediten suficientemente a recuperación da capacidade de traballo, incluído o recoñecemento médico do/da traballador/a, a Unidade de Inspección e Control da Saúde Laboral acordará a alta médica efectiva e inmediata sen que o silencio do facultativo ou do servizo médico poida interpretarse como confirmación da situación de incapacidade temporal.
• Cando a documentación achegada polos servizos médicos das mutuas non resulte suficiente para acreditar a recuperación da capacidade laboral, ben por insuficiencia da xustificación clínica, ben pola concorrencia de elementos que xeren incerteza razoada sobre o estado de saúde do/da traballador/a, a Unidade de Inspección e Control da Incapacidade Temporal convocará a persoa interesada ao recoñecemento médico ante a Unidade de Inspección e Control da Saúde Laboral. Posteriormente, a Unidade de Inspección e Control da Saúde Laboral resolverá motivadamente sobre a procedencia da alta ou a continuación do proceso de incapacidade temporal en vista do resultado do recoñecemento e do conxunto da documentación que conste no expediente. A incomparecencia inxustificada do/da traballador/a ao recoñecemento convocado/a habilitará a Unidade de Inspección e Control da Saúde Laboral para resolver cos elementos de xuízo dispoñibles, incluída a proposta de alta formulada pola mutua.
Décimo cuarta. Autorización de probas diagnósticas e/o procedementos terapéuticos por solicitude das MCSS
Corresponde ao Servizo Galego de Saúde a asistencia sanitaria dos/das pacientes en situación de IT por continxencias comúns, así como de pacientes en situación de IT por continxencias profesionais nas cales a entidade xestora sexa o INSS.
As MCSS poderán solicitar ao SPS, a través da Inspección de Servizos Sanitarios, a autorización para realizar probas diagnósticas e/o procedementos terapéuticos, co fin de non prolongar innecesariamente os procesos de IT debido á demora nas listas de espera do SPS.
A Inspección de Servizos Sanitarios emitirá unha única autorización de todas as probas diagnósticas e procedementos terapéuticos e rehabilitadores que gardan relación directa co proceso de incapacidade temporal e que figuren concreta e individualmente relacionados na solicitude presentada pola mutua colaboradora, incluídas aquelas que fosen prescritas polo/a médico/a do Servizo Público de Saúde que asiste o/a traballador/a e non fosen realizadas xa logo de comprobar que o centro sanitario en que se van realizar conta coa autorización sanitaria correspondente, e que existe consentimento informado do/da paciente conforme a Lei 3/2001 na redacción dada pola Lei 3/2005.
Se como consecuencia dos resultados obtidos resultase necesario realizar novas probas ou procedementos non incluídos na autorización inicial, a mutua deberá formular nova solicitude de autorización conforme o procedemento anterior.
Os resultados serán postos á disposición do/da facultativo/a do Servizo Público de Saúde a través dos servizos de interoperabilidade do Sistema Nacional de Saúde, para a súa incorporación na historia clínica electrónica do/da paciente.
A modificación da instrución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
Natalia Lobato Mosquera
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade
