DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 2 de xuño de 2026 Páx. 31835

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 29 de maio de 2026 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros de educación infantil 0-3, nos centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, nos centros de reforma xuvenil e protección de menores e nos centros educativos de educación especial de titularidade privada, durante a folga convocada para o día 3 de xuño de 2026 polos sindicatos CIG-Ensino, CUT e SNEP.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no caso de folga no ámbito da comunidade autónoma (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 20 de xuño).

O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para que fixen o persoal preciso para a súa prestación, unha vez oído o Comité de Folga.

As organizacións sindicais CIG-Ensino Confederación Intersindical Galega, Central Unitaria de Traballadores (CUT) e Sindicato Nacional de Ensino Privado de Galicia (SNEP), comunicaron a convocatoria de folga na totalidade dos centros do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia incluídos nos ámbitos funcionais do XIII convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3, do XVI convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade e do V convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores. Na dita comunicación indícase que a folga terá lugar o día 3 de xuño de 2026 en xornada parcial desde as 9.00 ás 15.00 horas.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

No ámbito da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade, se realizan outras funcións como son a vixilancia e coidado das persoas usuarias que acoden aos centros docentes, que inclúen alumnado menor de idade e persoas con discapacidade. Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa (DOG do 15 de xullo), dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente privado e o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros da persoa titular da dirección ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que a substitúa, xa que tales membros están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade ou respecto de calquera outra que poida afectar o conxunto dos bens que integran un centro docente. A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal compete respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idade cando non corresponda.

Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación, así, cando un centro docente asume o servizo de cociña ou comedor, non pode desatendelo. O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores que, como se dixo, non pode ser paralizado, inclúe a actividade básica de coidar a integridade física, a hixiene e saúde daqueles que por teren diminuídas as súas capacidades necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución). O alumnado dos centros de educación especial teñen unhas necesidades relativas á súa atención aínda máis reforzadas, polo que debe haber unha presenza mínima de persoal sanitario, persoal coidador, de limpeza e de comedores ou cociña.

No ámbito da Consellería de Política Social e Igualdade, a atención educativa e asistencial dos nenos e nenas de 0-3 anos ten carácter esencial para a comunidade. O mesmo carácter esencial teñen a atención ás persoas con discapacidade e a reforma e protección xuvenil.

O seguimento desta folga, sen a determinación anticipada dunha prestación mínima, podería xerar un prexuízo tanto para os nenos e nenas usuarios como para as súas familias e para o persoal do centro que non a secunde.

O servizo da escola infantil é esencial para que moitas familias poidan conciliar a súa vida persoal e laboral sen ter que deixar os seus fillos e fillas a cargo da rede familiar ou social de apoio que, en na maior parte das ocasións, está constituída por persoas maiores de especial vulnerabilidade.

Ademais do anterior, e non menos importante, está o papel que a escola infantil desempeña máis aló da perspectiva dun servizo de conciliación, e que en realidade é a esencia, a finalidade e o obxectivo desta etapa educativa: o coidado, a educación e o correcto desenvolvemento de nenos e nenas nesta etapa fundamental. Unha das principais razóns de ser da escola infantil é dar acubillo, apoio e amparo principalmente a eses nenos e aqueles outros con necesidades de atención específica (NEAE), que precisan dunha estimulación temperá en colaboración cos equipos de atención temperá das consellerías de Sanidade e Política Social e Igualdade.

Abondan os documentos e estudos en que se fai referencia á etapa da educación infantil como decisiva na formación de adultos máis competentes de modo xeral (Unesco, Unicef, OMS, ONU, ECDC, Asociación Española de Pediatría, Save de Children e diversas ONG). Todos eles coinciden en que, ademais do impacto emocional e social, os centros educativos posibilitan a oferta doutros recursos que permiten cubrir necesidades de alimentación e apoio social, especialmente importantes nun momento de crise socioeconómica e de aumento de situacións de estrés no fogar (aumento de desemprego, problemas económicos, violencia intrafamiliar, etc.).

Por outra banda, resulta esencial garantir a efectividade do dereito á igualdade de oportunidades e de trato, así como o exercicio real e efectivo de dereitos por parte das persoas con discapacidade en igualdade de condicións respecto do resto da cidadanía, erradicando calquera tipo de discriminación.

No tocante á prestación de servizos nos centros de reforma xuvenil e protección de menores, o seu carácter esencial deriva da necesidade de salvagardar o interese superior do menor.

Na súa virtude, de acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, vistas as propostas das consellerías afectadas e en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga na totalidade dos centros do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia incluídos nos ámbitos funcionais do XIII convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3, do XVI convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade e do V convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 3

O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal na dita situación.

Artigo 4

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos docentes.

Disposición derradeira única. Efectos da orde

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Para a xornada de folga a que fai referencia esta orde, terán a consideración de servizos mínimos na xornada comprendida entre as 9.00 e as 15.00 horas os que se relacionan a seguir:

1. Nos centros docentes afectados pola folga convocada:

– A dirección ou membro do equipo de dirección e un subalterno ou subalterna en cada centro escolar. En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros.

– O 20 % do persoal de comedores, dos ATS, do persoal limpeza, dos coidadores e do persoal médico.

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados, será feita pola dirección do centro respectivo e publicarase no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

2. Nos centros de asistencia e educación infantil:

Dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos nenos e nenas, desde a apertura ata o peche dos centros. Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá, ademais, unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento.

3. Nos centros e servizos de atención ás persoas con discapacidade:

3.1. Os servizos mínimos designaranse coa mesma intensidade con que os servizos esenciais se ven atendidos nun domingo ou nun día festivo, e para o caso de que se trate de centros que permanezan absolutamente pechados tales días, atenderase ás quendas establecidas para os sábados.

3.2. Os servizos de atención diúrna ocupacional e atención diúrna terapéutica que unicamente teñen actividade de luns a venres terán que ter as seguinte ratios de persoal de atención directa:

Nos servizos de atención diúrna ocupacional, unha ratio de persoal de atención directa de 0,10 e de 0,14 no servizo de atención diúrna ocupacional con outras discapacidades concorrentes.

Polo que respecta ao servizo de atención diúrna terapéutica, a ratio de persoal de atención directa é de 0,14 nas áreas de discapacidade intelectual e dano cerebral adquirido, e de 0,20 nas áreas de discapacidade física, parálise cerebral e trastorno do espectro autista.

Nos servizos de supervisión e apoios puntuais en equipamentos especiais é necesario garantir unha persoa coidadora por quenda.

3.3. Os centros que teñan servizo propio de comedor deberán ter o persoal mínimo para garantir o servizo de comida.

Nos servizos de transporte de uso para a atención de usuarios de centros de atención a persoas con discapacidade manteranse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 8.00 ata as 10.30 horas e os de saída, desde as 14.00 ata as 15.30 horas nos servizos de media estancia.

3.4. Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense:

– 10 coidadores/as en quenda de mañá.

– 1 médico/a en quenda de mañá.

– 1 traballador/a social en quenda de mañá.

– 1 psicólogo/a en quenda de mañá.

– 1 logopeda en quenda de mañá.

– 1 terapeuta ocupacional en quenda de mañá.

– 1 educador/a social en quenda de mañá.

– 2 monitores/as en quenda de mañá.

– 1 técnico/a de mantemento en quenda de mañá.

– 1 persoal tecepción/administración en quenda de mañá.

– 1 técnico/a de xestión farmacéutica en quenda de mañá.

2.5. Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Souto de Leixa:

– 5 coidadores/as en quenda de mañá.

– 1 enfermeiro/a, en quenda de mañá.

– 1 técnico/a de xestión farmacéutica en quenda de mañá.

– 1 limpador/a en quenda de mañá.

– 1 oficial/a primeiro/a cociña en quenda de mañá.

– 1 persoal recepción en queda de mañá.

– 2 monitores/as en quenda de mañá.

4. Nos centros de reforma xuvenil e protección de menores os servizos mínimos fixados serán os seguintes: o número de persoal axustarase ao mínimo que se establece no Decreto 329/2005, do 28 de xullo.