A Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, regula no capítulo III do título I o dereito de acceso á información pública. O seu artigo 24.1 dispón que, fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso se poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter potestativo e previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa. E, conforme a disposición adicional cuarta da mesma lei, a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderalle, nos supostos de resolucións ditadas polas administracións das comunidades autónomas e o seu sector público, e polas entidades locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as comunidades autónomas. E engade que contra as resolucións ditadas polas asembleas lexislativas e as institucións análogas ao Consello de Estado, Consello Económico e Social, Tribunal de Contas e Defensor do Pobo no caso desas mesmas reclamacións só caberá a interposición de recurso contencioso-administrativo.
Na Comunidade Autónoma de Galicia foi aprobada a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Conforme o seu artigo 33.3, a Comisión da Transparencia é o órgano independente ao cal lle corresponde a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da dita lei. Este último precepto remite, en relación co procedemento para a tramitación e resolución destas reclamacións, á regulación contida nos números 2, 3 e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro.
A Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modificou a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro. En virtude desta modificación, o artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, na redacción vixente, prevé que a Comisión da Transparencia de Galicia está adscrita ao Consello Consultivo de Galicia e que a súa presidencia lle corresponde ao presidente ou presidenta do dito órgano consultivo.
Neste novo contexto normativo cómpre aprobar o modelo normalizado de reclamación perante a Comisión da Transparencia de Galicia fronte ás resolucións de acceso á información pública, co fin de facilitar a presentación electrónica destas reclamacións.
O modelo normalizado estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, á cal tamén se poderá acceder a través dunha ligazón desde a propia páxina web da Comisión da Transparencia de Galicia.
Na súa virtude, e no uso das facultades que me foron conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobación do modelo normalizado de reclamación
Apróbase o modelo normalizado de reclamación perante a Comisión da Transparencia de Galicia fronte ás resolucións de acceso á información pública, que figura no anexo desta resolución.
Este modelo estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, á cal tamén se poderá acceder a través dunha ligazón desde a páxina web da Comisión da Transparencia de Galicia.
O procedemento de reclamación habilitarase na Guía de procedementos e servizos, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia co código AP900B. «Reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública».
Segundo. Presentación das reclamacións utilizando o modelo normalizado
As reclamacións poderán presentarse por vía electrónica a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos que estean obrigados a relacionarse electronicamente coa Administración de acordo coa normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as reclamacións presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, e poderán utilizar o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Terceiro. Documentación complementaria
1. Xunto coa reclamación, as persoas interesadas poderán achegar a seguinte documentación:
a) Solicitude de información pública.
b) Resolución administrativa que se impugna, se é o caso.
c) Outra documentación que fundamente a súa reclamación.
2. No caso de que se interpoña a reclamación en nome doutra persoa, deberá acreditarse a representación nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. A documentación complementaria que se achegue poderá presentarse por vía electrónica.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados a relacionarse electronicamente coa Administración de acordo coa normativa reguladora do procedemento administrativo común. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da reclamación na sede electrónica da Xunta de Galicia, deberán indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da reclamación e o número de expediente, se se dispón del.
Cuarto. Comprobación de datos
1. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, para a tramitación da reclamación consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa reclamante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade reclamante.
d) NIF da entidade representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no modelo normalizado e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Quinto. Notificacións
1. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, as notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse por medios electrónicos cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.
2. No caso de presentar a reclamación no modelo normalizado, a persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). De optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. As notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal
Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
Sexto. Trámites administrativos posteriores á presentación da reclamación na sede electrónica da Xunta de Galicia
No caso de que a reclamación se presente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia empregando o modelo normalizado, a dita sede electrónica da Xunta de Galicia permitiralles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas non obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sétimo. Publicación
Esta resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026
Andrés Lago Louro
Presidente da Comisión da Transparencia de Galicia
e do Consello Consultivo de Galicia
