DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Venres, 3 de xullo de 2026 Páx. 37688

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2026 pola que se fan públicos a composición e o funcionamento da Mesa de Contratación Permanente desta universidade e se delegan nela determinadas competencias.

O artigo 326 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP), que configura as mesas de contratación como órganos de asistencia ao órgano de contratación, co exercicio das funcións recollidas no referido artigo, establece que os membros da mesa serán nomeados polo órgano de contratación.

Por outra banda, o Real decreto 817/2009, do 8 de maio, polo que se desenvolve parcialmente a Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, regula determinados aspectos relativos ás mesas de contratación, tanto no relativo á súa composición como á designación con carácter permanente ou específico dos seus membros, publicidade dos seus integrantes, quórum para a súa constitución, etc.

Así mesmo, o artigo 114 do Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo (DOG do 22 de febreiro), establece que o órgano de contratación da Universidade de Vigo será a reitora ou o reitor, ao estar facultada/o para asinar, en nome e representación daquela, toda clase de contratos.

Por todo o antedito, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na normativa citada, e de conformidade co disposto no artigo 326.4 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e no artigo 21 do Real decreto 817/2009, do 8 de maio, acórdase ditar a resolución seguinte:

Primeiro. Composición da Mesa de Contratación

Desígnanse con carácter permanente os membros da Mesa de Contratación da Universidade de Vigo que se sinalan a seguir:

– Presidencia: será exercida pola persoa que ocupe a Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade, que poderá ser substituída nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade pola persoa titular de calquera dos outros vicerreitorados.

– Vogal: o/a presidente/a do Consello Social ou persoa en quen delegue.

– Vogal: a persoa que ocupe a xefatura de servizo da Asesoría Xurídica.

Substitutos: letrado/a dela.

– Vogal: o/a xefe/a de servizo de Control Interno.

Substitutos: xefe/a de sección do Servizo de Control Interno ou xefe/a da Área de Control Interno.

– Vogal: o/a xefe/a da sección de Contabilidade.

– Secretario: o/a xefe/a do Servizo de Xestión Económica e Contratación.

Substitutos: xefe/a de sección de Contratación de Subministracións, CPI e Administrativos Especiais ou xefe/a de sección de Contratación de Obras, Servizos e Privados.

Esta designación enténdese sen prexuízo das que de xeito específico se poidan efectuar para adxudicar determinados contratos.

Segundo. Normas de funcionamento da Mesa de Contratación

A Mesa de Contratación reunirase, logo de convocatoria, coa periodicidade que requiran os diferentes expedientes de contratación. Para a súa valida constitución deberán estar presentes a maioría absoluta dos seus membros, entre os cales teñen que estar, necesariamente, a representación da Asesoría Xurídica e do Servizo de Control Interno. Os seus acordos adoptaranse por maioría de votos.

De maneira supletoria, o funcionamento da Mesa rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, subsección 1ª, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Terceiro. Modificación dos pregos

Os pregos de cláusulas administrativas particulares deberán recoller a nova composición establecida nesta resolución; non obstante, a composición concreta da Mesa determinarase en cada acta das sesións dela en que se aborden asuntos relacionados con cada expediente.

Cuarto. Delégase na Mesa de Contratación Permanente a competencia de selección dos candidatos nos procedementos a que se refire o artigo 326.2.e) da LCSP.

Quinto. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta resolución.

Sexto. Publicación e data de efectos

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no perfil do contratante da Universidade de Vigo, e entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa dentro do prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpor contra esta resolución un recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación, ante o mesmo órgano que a ditou. Nese caso non caberá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente citado en canto non se dite resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto nos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 26 de xuño de 2026

Carmen García Mateo
Reitora da Universidade de Vigo