DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Xoves, 9 de xullo de 2026 Páx. 38634

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación de dous postos de traballo de secretario/a-interventor/a da Deputación Provincial de Lugo como postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada pola Deputación Provincial de Lugo para a clasificación de dous postos de traballo denominados secretario/a-interventor/a como reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base nos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. A Deputación Provincial de Lugo achegou a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (número 2026/16117612) a solicitude de clasificación de dous postos de traballo denominados secretario/a-interventor/a como reservados a PFHN e xuntou a esta petición a seguinte documentación:

– Memoria xurídica e económica xustificativa da clasificación de dous postos de secretario/a-interventor/a da Deputación Provincial de Lugo como reservados a PFHN.

– Certificación relativa aos recursos do último orzamento aprobado pola entidade local, correspondente ao exercicio 2026, polo importe de 135.236.715,15 euros.

– Certificación acreditativa dos acordos plenarios de aprobación inicial da modificación puntual da relación de postos de traballo e da modificación puntual do cadro de persoal para o ano 2026, adoptados na sesión ordinaria do Pleno da Deputación Provincial de Lugo do 31 de marzo de 2026, en que figuran os dous novos postos de traballo de secretario/a-interventor/a como reservados a PFHN.

Os citados acordos foron sometidos ao trámite de información pública mediante anuncios publicados no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 75, do 4 de abril de 2026, sen que se presentasen alegacións nin reclamacións durante os correspondentes prazos de exposición ao público.

– Anuncio publicado no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 103, do 8 de maio de 2026, relativo á aprobación definitiva da modificación puntual da relación de postos de traballo e da modificación puntual do cadro de persoal para o ano 2026 da Deputación Provincial de Lugo, unha vez transcorrido o trámite de información pública sen que se presentasen reclamacións.

Á vista da documentación achegada, considérase completo o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 92.bis, número 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante, LRBRL), dispón que o Goberno regulará mediante real decreto as especialidades da creación, da clasificación e da supresión de postos reservados a PFHN.

En desenvolvemento deste precepto ditouse o Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).

Segundo. O artigo 6.2 do Real decreto 128/2018 establece que debe ser a relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local onde queden reflectidas a denominación e as características esenciais dos postos de traballo reservados.

Terceiro. A creación e a clasificación dos postos de traballo reservados de asistencia nas deputacións provinciais veñen xustificadas polo preceptuado no artigo 36.1.b) da LRBRL, que consagra como unha das competencias propias destas entidades a asistencia e a cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión, e debe garantir en todo caso nos municipios de menos de mil habitantes a prestación dos servizos de secretaría e intervención.

Ademais, o artigo 16 do Real decreto 128/2018 regula os servizos de asistencia, indicando que as funcións reservadas a PFHN en entidades locais eximidas as exercerán –entre outras formas– as deputacións provinciais, que incluirán nas súas relacións de postos de traballo os postos reservados a PFHN necesarios para garantir o cumprimento de tales funcións, e finaliza indicando que corresponde á Comunidade Autónoma efectuar a clasificación dos citados postos, por proposta das entidades respectivas, e a súa provisión axustarase ao establecido regulamentariamente.

Cuarto. A clasificación destes postos de asistencia corresponde á Comunidade Autónoma, de acordo co sinalado no artigo 16.2 do Real decreto 128/2018, por proposta das entidades respectivas, e a súa provisión axustarase ao establecido no citado real decreto.

A Deputación Provincial de Lugo xustifica a creación destes dous postos de traballo reservados con base na insuficiencia de persoal actualmente adscrito ao seu Servizo de Asistencia Xurídica, Técnica e Económica aos concellos ante o incremento da demanda de asistencia dos concellos no exercicio das funcións reservadas, especialmente por parte dos de menor poboación, así como a crecente necesidade de apoio en materia económico- financeira para levar e desenvolver a contabilidade financeira e de execución do orzamento e a formación e rendición das contas.

Quinto. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados a PFHN e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción deste acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar os seguintes postos de traballo como reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional na Deputación Provincial de Lugo, coas seguintes características:

Entidade local: Deputación Provincial de Lugo.

Posto: secretario/a-interventor/a.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 27.

Entidade local: Deputación Provincial de Lugo.

Posto: secretario/a-interventor/a.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 27.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Dirección Xeral de Administración Local no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante a sección do contencioso-administrativo do tribunal de instancia competente, no prazo de dous meses contados desde da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local