A Orde do 26 de decembro de 2025 (DOG núm. 13, do 21 de xaneiro de 2026) estableceu, para o ano 2026, a convocatoria de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques e entre as súas finalidades estaban as de realizar investimentos:
– Que melloren a hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo dos traballadores, sen aumento de capacidade (procedemento PE120B sen aumento de capacidade).
A devandita orde establece no seu artigo 4 que o importe fixado na devandita convocatoria, así como as aplicacións ás que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Tendo en conta que este ano, pola alta demanda deste tipo de axudas, o crédito orzamentario non foi suficiente para atender as solicitudes que cumpren cos requisitos, é por ese motivo polo que procede ampliar o crédito orzamentario para a concesión das axudas para a liña de investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo sen aumento de capacidade.
Por todo o anterior, e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único.
Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 26 de decembro de 2025 en:
137.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.723A.770.0 (código de proxecto 2024.00147) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, polo que o importe total da convocatoria de 2026 para o procedemento PE120B sen aumento de capacidade que contaba cun crédito de 2.500.000 euros ascenderá a 2.637.000 euros.
Segundo. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única.
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
