Visto o expediente administrativo electrónico número 5593/2025, relativo ao Proxecto de expropiación de bens e dereitos para a execución do PEID da rolda interior (tramo 6º) e do parque Támega-Preguiza.
Visto que o día 19.6.2023, mediante a Resolución da Alcaldía número 2023/1106 publicada no Boletín Oficial da provincia de Ourense número 154, do 6 de setembro, se delegou na Xunta de Goberno Local, entre outras materias, a aprobación dos instrumentos de plan de desenvolvemento do Plan xeral non expresamente atribuídos ao Pleno, así como os instrumentos de xestión urbanística e dos proxectos de urbanización, e a resolución dos expedientes de expropiación.
Visto que a devandita delegación comprende as facultades de dirección e de xestión, así como a de resolver os procedementos administrativos oportunos mediante a adopción de actos administrativos que afecten a terceiros, resulta conveniente avocar a esta alcaldía o exercicio da competencia para resolver o presente expediente, atendendo ás especiais circunstancias concorrentes, derivadas da relevancia estratéxica da actuación urbanística proxectada e da necesidade de impulsar de forma coordinada, eficaz e áxil a tramitación do procedemento expropiatorio, para poder levar a cabo a licitación do proxecto incluído na senda financeira Feder do que o Concello foi beneficiario, o cal é necesario licitar canto antes para cumprir os prazos.
Por todo iso, en virtude do disposto no artigo 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no 21.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de acordo cos artigos 43, 44, 45, 114 a 118, 120 e 121 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro,
RESOLVO:
Primeiro. Avocar, para este suposto concreto, a competencia delegada na Xunta de Goberno Local, para coñecer e resolver o procedemento de expropiación correspondente ao expediente administrativo electrónico 5593/2025, relativo ao Proxecto de expropiación de bens e dereitos para a execución do PEID da rolda interior (tramo 6°) e do parque Támega-Preguiza, de conformidade co disposto nos artigos 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e 116 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro. Así pois, esta alcaldía-presidencia asume a tramitación e resolución dos actos administrativos decisorios que correspondan no devandito procedemento, incluído o acto de aprobación do proxecto de expropiación.
Segundo. No exercicio da competencia avocada, aprobar inicialmente o Proxecto de expropiación de bens e dereitos para a execución do PEID da rolda interior (tramo 6º) e do parque Támega-Preguiza, correspondente ao expediente administrativo electrónico 5593/2025, co alcance, documentación e determinacións que resultan do proxecto incorporado ao expediente, e cos efectos propios da aprobación do proxecto expropiatorio no procedemento de taxación conxunta, sen prexuízo do seu sometemento a información pública e da notificación individualizada das taxacións nos termos legalmente procedentes, prevista no artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación cos artigos 291 e seguintes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
Terceiro. Publicar esta resolución no Boletín Oficial da provincia, sen prexuízo de que produza efectos desde o mesmo día da súa sinatura, de conformidade co disposto no artigo 44.2 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.
Cuarto. Notificarlles a presente resolución ás persoas interesadas no procedemento, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Quinto. Dar conta da presente resolución á Xunta de Goberno Local, para os efectos de que quede coñecedora do seu contido, de conformidade co establecido no artigo 38.d) do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.
Sexto. Contra este acto de avocación non cabe recurso ningún, sen prexuízo de que poida impugnarse o acto administrativo que se dite en execución deste, conforme o artigo 10.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Este decreto asínao para os efectos de fe pública e non de legalidade a secretaria interina, de acordo co previsto no artigo 3.2.h) do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.
Verín, 6 de xullo de 2026
Gerardo Seoane Fidalgo
Alcalde
