DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 30 de xullo de 2026 Páx. 42050

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2026 pola que se lle dá publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico do Instituto Enerxético de Galica (Inega) á Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) para a realización de tarefas correspondentes ao control da execución do contrato centralizado da biomasa subscrito no marco de Redexga, con apoio do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

Antecedentes:

Primeiro. O artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público regula a figura da encomenda de xestión para a realización de actividades de carácter material ou técnico entre órganos ou entidades do sector público, e establece a necesidade de determinar o seu obxecto, alcance, prazo e condicións de execución.

No ámbito autonómico, o artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevé a encomenda de xestión intrasubxectiva como instrumento de colaboración interna por razóns de eficacia ou insuficiencia de medios, sen que implique cesión da titularidade da competencia.

Segundo. A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, establece o principio de autoprovisión de medios dentro do sector público autonómico, e promove o uso eficiente dos recursos dispoñibles.

Terceiro. De conformidade co Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, a Consellería de Economía e Industria exerce as competencias en materia de planificación enerxética e xestión da contratación centralizada da Redexga.

Cuarto. A Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega), medio propio da Administración autonómica, ten atribuída a xestión da Rede de enerxía da Xunta de Galicia (Redexga), conforme o Decreto 66/2013, do 18 de abril, polo que se crea a Rede de enerxía da Xunta de Galicia e se regula a organización e competencias para a contratación da subministración enerxética dentro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e correspóndelle o seguimento e control da execución dos contratos centralizados de subministración enerxética, incluída a biomasa.

Quinto. A Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), igualmente medio propio, dispón da capacidade técnica a través do CIS-Madeira para a realización de ensaios e análises de biocombustibles sólidos.

Sexto. O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia conta con competencias específicas en calibración e control metrolóxico e pode prestar apoio técnico especializado.

Sétimo. Nos pregos da contratación centralizada de biomasa establécese a necesidade de realizar controis de calidade e cantidade conforme as normas UNE-EN ISO 17225, os cales poden ser efectuados por organismos competentes.

Oitavo. O Inega non dispón de medios técnicos suficientes para a execución material dos ensaios e controis requiridos, polo que resulta procedente acudir a medios propios da mesma consellería por razóns de eficacia.

Noveno. Tanto as axencias Inega e XERA como o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia están adscritos á Consellería de Economía e Industria a través do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Consideracións xurídicas e técnicas:

Primeira. Ao concorreren razóns de eficacia e insuficiencia de medios no órgano encomendante, resulta procedente a encomenda de xestión a favor doutro ente do sector público autonómico dotado de capacidade técnica.

Segunda. A encomenda ten carácter estritamente material e técnico; no implica cesión da titularidade da competencia nin das potestades administrativas asociadas, que permanecen no Inega.

Terceira. A súa duración vincúlase á vixencia do contrato de subministración, cun límite máximo de catro anos desde a súa publicación.

Cuarta. De conformidade co artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a presente encomenda debe ser autorizada pola persoa titular da consellería competente.

RESOLVO:

Primeiro. Autorización

Autorizar a encomenda de xestión de carácter técnico do Inega á XERA, co apoio do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

Segundo. Obxecto

A encomenda ten por obxecto apoiar o Inega no control da execución do contrato centralizado de subministración de biomasa (pélets e achas) no marco da Redexga, mediante a realización de ensaios e análises dirixidos a verificar o cumprimento das especificacións técnicas establecidas nas normas UNE-EN ISO 17225.

Terceiro. Alcance das actuacións

1. Correspóndelle á XERA:

– A recepción e xestión das mostras.

– A realización de ensaios normativos e informativos no CIS-Madeira.

– A elaboración de informes técnicos.

– A colaboración na definición do protocolo de toma de mostras.

2. Correspóndelle ao Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia:

– A calibración inicial e periódica dos equipos empregados nos ensaios.

– O apoio técnico metrolóxico necesario.

3. Correspóndelle ao Inega:

– A dirección, supervisión e validación dos resultados.

– A xestión das incidencias contractuais e penalizacións.

– A coordinación da toma e envío de mostras.

– O control de pesada das subministracións.

Cuarto. Natureza da encomenda

A encomenda ten carácter intrasubxectivo, material e técnico, sen cesión de competencias nin de potestades administrativas.

Quinto. Medios

A XERA executará as actuacións con medios propios, sen prexuízo do apoio técnico do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

Sexto. Réxime económico

A execución da encomenda non comporta incremento de gasto nin contraprestación económica entre as partes por se realizar entre órganos e entes pertencentes á mesma consellería.

Sétimo. Prazo de vixencia

A encomenda terá vixencia ata a finalización do contrato de subministración ou das súas prórrogas, cun límite máximo de catro anos desde a súa publicación.

Oitavo. Desenvolvemento

As partes poderán adoptar os acordos necesarios para concretar e coordinar as accións obxecto da encomenda.

Noveno. Publicidade

A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web institucionais correspondentes.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2026

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria