O 24 de xuño de 2026 tiveron lugar en Venezuela dous terremotos de magnitude 7,2 e 7,5 que ocasionaron graves danos materiais e persoais, afectando milleiros de persoas nas súas vivendas, nas súas pertenzas e no acceso aos servizos básicos, ademais da irreparable perda de vidas humanas.
Segundo os últimos datos do Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), en Venezuela residen máis de 30.000 persoas de orixe galega, unha parte das cales resultaron afectadas por esta catástrofe.
A Lei 40/2006, do 14 de decembro, do Estatuto da cidadanía española no exterior, configura o marco xurídico que garante ás persoas españolas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais. En particular, o seu artigo 5 establece o deber de asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas, no ámbito das súas respectivas competencias, ás persoas residentes no exterior que se atopen en situación de necesidade.
Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 49 do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, do 27 de maio), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de emigración e retorno.
Ante esta situación, e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese público, social e humanitario, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e das garantías na súa aplicación, facilite a tramitación e resolución sobre as peticións que se formulen, todo isto de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais, o feito de que estas axudas estean dirixidas a paliar a situación de necesidade derivada da perda temporal ou definitiva das condicións de habitabilidade da residencia habitual das persoas galegas residentes en Venezuela afectadas polos terremotos ocorridos o 24 de xuño de 2026, implica que, de conformidade co disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, non sexa preciso solicitar outra xustificación a quen se lle conceda que a acreditación da situación previamente á súa concesión, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación de necesidade.
De conformidade co anterior, no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional primeira do citado decreto,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas extraordinarias destinadas a paliar a situación de necesidade derivada da perda temporal ou definitiva das condicións de habitabilidade da residencia habitual das persoas galegas residentes en Venezuela afectadas polos terremotos ocorridos o 24 de xuño de 2026 (código de procedemento EM900A).
Artigo 2. Natureza das axudas
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso.
Esta axuda é compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou dos organismos internacionais das cales puidesen beneficiarse as persoas destinatarias da axuda.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas que, reunindo os requisitos previstos neste artigo, como consecuencia dos terremotos ocorridos o 24 de xuño de 2026, se atopen nunha situación de necesidade derivada da perda temporal ou definitiva das condicións de habitabilidade da súa vivenda habitual:
1. As persoas emigrantes nacidas en Galicia e residentes en Venezuela.
2. Os/as fillos/as daquelas que residan en Venezuela sempre que teñan a nacionalidade española e se atopen vinculados/as con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no exterior (PERE).
3. Os/as descendentes de emigrantes galegos ata o segundo grao por consanguinidade que teñan a nacionalidade española e se atopen vinculados/as con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no exterior (PERE).
Unicamente poderá presentarse unha solicitude por vivenda afectada.
Artigo 4. Circunstancias que xustifican a concesión das axudas e importe
As axudas destinaranse a paliar a situación de necesidade derivada da perda temporal ou definitiva das condicións de habitabilidade da residencia habitual das persoas galegas residentes en Venezuela afectadas polos terremotos ocorridos o 24 de xuño de 2026, e terán unha contía de 4.000 euros por beneficiario.
Este importe está destinado para gastos de primeira necesidade.
Artigo 5. Financiamento
1. Para a concesión destas axudas destinarase un crédito de cincocentos mil euros (500.000 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.480.0, código de proxecto 2015 00034, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir:
– Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.
– Hermandad Gallega de Valencia.
– Centro Gallego de Maracaibo.
–Centro Gallego de Puerto la Cruz.
– Asociación Fillos de Galicia dos Estados de Aragua e Lara, en Maracay.
A utilización desta vía requirirá que a persoa solicitante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora que se detalle no modelo normalizado de solicitude para que remita a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e non exime as persoas solicitantes da obriga de cubrir e asinar a solicitude segundo o anexo I.
2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo fose inhábil, comezará o día hábil seguinte.
2. O prazo rematará o 1 de decembro de 2026.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:
a) Título xurídico que lle habilita para facer uso da vivenda ou documento con valor probatorio de residencia na vivenda afectada.
b) Informe emitido por unha persoa traballadora social colexiada de acordo coa normativa venezolana que acredite que a vivenda perdeu temporal ou definitivamente as condicións de habitabilidade por quedar en situación de ruína ou presentar danos estruturais como consecuencia dos terremotos ocorridos o 24 de xuño de 2026. Para a emisión deste informe poderá basearse no informe emitido por técnico competente.
c) Memoria descritiva en que a persoa solicitante expoña as circunstancias que motivan a solicitude da axuda.
d) Para a acreditación da condición de persoa solicitante consonte o artigo 3, deberán achegar a seguinte documentación:
– As persoas emigrantes: documento oficial en que conste o lugar de nacemento en Galicia.
– Os descendentes da persoa emigrante: o/os certificado/s de nacemento do rexistro civil correspondente.
– En todos os supostos, pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.
e) No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade ou estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada por quen a represente legalmente. Neste caso, deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI da persoa solicitante ou representante, se dispón del.
– Certificación de estar rexistrada e vinculada cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) no momento de presentación da solicitude.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitada no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Instrución e resolución
1. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. O órgano instrutor é a subdirección xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de programas sociais.
3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, de non o facer así, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. O órgano instrutor poderá solicitar os informes considere necesarios para a correcta resolución do procedemento e, en particular, os informes relativos aos danos provocados nas vivendas. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración quen, á vista delas e tendo en conta a dispoñibilidade orzamentaria, resolverá o que en dereito proceda.
5. As resolucións de concesión ou denegación da axuda poderán ditarse sucesivamente a medida que se vaia verificando que toda a documentación exixida é correcta e está completa.
6. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo.
Artigo 12. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectuen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Xustificación e pagamento
1. As axudas concédense en atención á situación de emerxencia producida e, de conformidade co artigo 28.9 da Lei 9/2007, non requirirán outra xustificación que a acreditación da concorrencia dos requisitos que motivan a súa concesión con carácter previo a esta, sen prexuízo das actuacións de comprobación que poida realizar a Administración.
2. O pagamento da axuda correspondente realizaráselle á persoa solicitante, preferentemente mediante transferencia bancaria. Para tales efectos, a persoa solicitante cubrirá a epígrafe de datos bancarios do anexo I e presentará un certificado bancario da conta da súa titularidade onde pretende que se lle aboe o importe.
Cando no país se presenten dificultades para facer efectivo o pagamento mediante transferencias bancarias ou as circunstancias así o aconsellen, cabe empregar outros medios válidos en dereito. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes.
Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta resolución deberán cumprir con aquelas obrigas do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que sexan compatibles coa natureza destas axudas. En particular, estarán obrigados a:
a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Secretaría Xeral da Emigración, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais, achegando canta documentación lles sexa requirida no exercicio desas actuacións.
c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que poidan percibir para a mesma finalidade. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
d) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, mediante unha declaración responsable que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Secretaría Xeral da Emigración, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 15. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento, nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 17. Información ás persoas interesadas
1. De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. Doutra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información que requira, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 18. Recursos
1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou, no caso de que a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
