O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O Concello de Moaña manifestou o seu compromiso de asumir a titularidade do castro de Montealegre, condicionada á delimitación, limpeza e sinalización previa do terreo. A Axencia Galega encargou estes traballos, que xa están finalizados. A acta de conformidade relativa aos traballos realizados no citado castro foi asinada o día 29.4.2026.
A transferencia ao Concello de Moaña destes terreos de dominio público viario da AG-46, situados sobre o túnel do castro de Montealegre, non supoñen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forma parte a estrada AG-46, dado que o cambio de titularidade non afecta a súa continuidade, que se mantén a través do túnel que pasa por debaixo dos terreos obxecto desta transferencia.
O artigo 37.3 da LEG indica que, naqueles treitos de estrada nos que existan túneles, pontes, viadutos, estruturas ou obras similares, se adquirirán e pasarán a formar parte da zona de dominio público adxacente, como regra xeral, os terreos comprendidos entre a proxección vertical das liñas exteriores de delimitación das obras sobre o terreo. Por outro lado, o artigo 39.2 da LEG establece que os terreos comprendidos entre a proxección ortogonal das liñas exteriores de delimitación das obras sobre o terreo que non formen parte da zona de dominio público formarán parte da zona de servidume. Estes terreos, conforme o artigo 100.5 do RXEG, quedarán suxeitos á imposición das servidumes de paso necesarias para garantir a adecuada explotación da estrada.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do dominio público viario da AG-46, situado sobre o túnel do castro de Montealegre, que se define no artigo 1.
A transferencia da citada superficie, cunha extensión de 9.101 m², non supón a interrupción da continuidade funcional nin dos itinerarios da estrada, nin afecta ningún dos elementos que integran a infraestrutura viaria. Así mesmo, contribúe á protección, conservación e posta en valor dos xacementos arqueolóxicos do castro de Montealegre.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xullo de dous mil vinte e seis
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Moaña, do seguinte dominio público viario da Rede autonómica de estradas de Galicia:
|
Nº |
Transferencia |
Referencia inicial |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29N) |
Referencia final |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29N) |
Superficie DPV (m²) |
|
1 |
DPV sobre o túnel da AG-46, afectado polo castro de Montealegre |
p.q. 0+640 AG-46 |
X = 527.196 y = 4.682.357 |
p.q. 0+710 AG-46 |
X = 527.125 y = 4.682.380 |
9.101 |
Artigo 2
De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esa acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega).
Artigo 3
Correspóndelle ao Concello de Moaña, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do dominio público viario transferido, e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
