DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 19 de agosto de 2026 Páx. 45267

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 12 de agosto de 2026 pola que se amplía e redistribúe o crédito orzamentario autorizado da Orde do 5 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026, tramitada como anticipada de gasto (código de procedemento IN223A).

Mediante Orde do 5 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro) establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos. A dita orde, tramitada como expediente anticipado de gasto, convocou as axudas correspondentes á convocatoria de 2026.

No artigo 1.4 da citada Orde do 5 de xaneiro de 2026 sinálase que se poderán incrementar as contías previstas en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver. Así mesmo, o artigo 1.5 determina que de existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante na outra aplicación, logo da modificación orzamentaria pertinente.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, instruídos os procedementos e ditadas as correspondentes resolucións de concesión, e tras transcorrer integramente o prazo legalmente establecido para a interposición de recursos de reposición, constatouse a existencia de crédito sobrante e definitivo na aplicación destinada ás federacións e asociacións de prazas de abastos e outras asociacións (aplicación 14.06.751A.481.10). Pola contra, o importe das solicitudes presentadas polos concellos galegos superou o crédito orzamentario orixinariamente asignado na súa aplicación específica (14.06.751A.761.10).

Co obxecto de amparar o maior número posible de solicitudes presentadas polas entidades locais e de garantir o cofinanciamento de máis proxectos de mercados excelentes e a dinamización de prazas de abastos, e dado que a contía inicial establecida na Orde do 5 de xaneiro de 2026 correspondente á partida orzamentaria destinada aos concellos non é suficiente para atender a totalidade das solicitudes propostas e que existen dispoñibilidades de fondos, cómpre ampliar a totalidade do importe do crédito destinado ás axudas que se poderán conceder ao abeiro da referida orde, así como facer unha distribución entre partidas orzamentarias, coa finalidade de conceder a subvención ao maior número de beneficiarios.

Tal e como se establece no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nestes casos o órgano competente para a concesión deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vistos a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e mais o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación e redistribución de crédito

1. Redistribuír o crédito orzamentario transferindo os saldos sobrantes da aplicación correspondente a federacións e asociacións (14.06.751A.481.10), por importe de 158.109,40 €, cara á aplicación correspondente a concellos (14.06.751A.761.10), co fin de atender ao déficit provocado pola alta demanda de solicitudes presentadas polas entidades locais.

2. Ampliar o crédito destinado a financiar as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio 2026 nun importe total de 73.064,74 €.

3. O novo importe total máximo, sumando o importe inicial xa publicado e a presente ampliación e redistribución de crédito, é o fixado no seguinte cadro:

Anualidade 2026

Tipoloxía de actuación

Tipoloxía de gasto

subvencionable

Aplicación

orzamentaria

anualidade 2026

Crédito inicial (€)

Modificación/

Redistribución (€)

Ampliación (€)

Crédito final

proposto (€)

Subvención

Obras, subministracións e servizos

14.06.751A.470.10 (cooperativas)

22.400,00 €

0,00 €

0,00 €

22.400,00 €

14.06.751A.481.10 (asoc./fed.)

262.600,00 €

-158.109,40 €

0,00 €

104.490,60 €

14.06.751A.761.10 (concellos)

1.000.000,00 €

158.109,40 €

73.064,74 €

1.231.174,14 €

Total

1.285.000,00 €

0,00 €

73.064,74 €

1.358.064,74 €

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración