A Orde do 11 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2026 (DOG núm. 57, do 26 de marzo), establece no seu artigo 1.2 que o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.03.322A.460.4 e 14.03.322A.481.1 (código de proxecto 2015 00524) polos importes máximos de 3.145.100 e 5.365.100 euros, respectivamente, correspondentes a fondos finalistas recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, ao existir crédito adecuado na Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
Esta orde establece no seu artigo 1.3 que os importes máximos recollidos no parágrafo anterior poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas e servizos en materia de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, logo da aprobación, se é o caso, da modificación orzamentaria que proceda. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.
Como resultado da primeira repartición de créditos, aprobouse na aplicación orzamentaria 14.03.322A.460.4 un total concedido de 2.902.203,31 euros resultando un remanente de 242.896,69 euros.
Na aplicación orzamentaria 14.03.322A.481.1 prodúcese un déficit de orzamento para poder atender as solicitudes das entidades sen ánimo de lucro.
É por iso que, con base no establecido no artigo 1.3 da Orde do 11 de marzo de 2026, considérase conveniente redistribuír o crédito entre as dúas aplicacións orzamentarias que financian as axudas previstas na dita orde de convocatoria.
De acordo co artigo 31 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a alteración da distribución entre distintos créditos sen modificar a contía total máxima precisará unicamente das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación desta modificación nos mesmos medios que a convocatoria.
Con este fin, mediante esta orde publícase a distribución entre créditos orzamentarios, de acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1
Redistribuír os créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 11 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2026 minorando 242.896,69 euros na aplicación orzamentaria 14.03.322A.460.4 e incrementando correlativamente o mesmo importe na aplicación 14.03.322A.481.1.
Esta redistribución non varía o orzamento total publicado na orde de convocatoria.
Artigo 2
Esta modificación non implicará a apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
