I
A festa mariana da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida celébrase todos os anos os días 8 e 9 de setembro. A ela acoden as persoas devotas para solicitar peticións relacionadas normalmente coas diferentes doenzas humanas, aínda que tamén pregan por problemas de índole familiar e social.
Na procesión, que ten lugar antes da misa solemne das 13.00 horas, participan dúas singulares figuras. Por unha banda, o Meco, que anuncia a súa presenza por medio dunhas castañolas que porta na man esquerda, mentres que na man dereita leva unha vasoira de toxos coa que vai afastando as persoas para que poida pasar o cortexo procesional e, por outra, as Pampórnigas, dous xigantes que simbolizan un home e unha muller e que van danzando unha peza tradicional local.
II
A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial define este como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Este patrimonio, que se transmite de xeración en xeración e que é recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introduce un sentimento de identidade e continuidade que contribúe ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.
O Plan nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos, posuidores e titulares das iniciativas e actuacións encamiñadas á investigación, documentación, promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura.
A Comunidade Autónoma galega, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).
O artigo 1.2 da citada lei establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.
O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Estes bens inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, tras a incoación e tramitación do correspondente expediente, segundo ditamina o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e pola que se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.
O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no punto quinto deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».
O artigo 70.4 da LPCG dispón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.
O artigo 70.5 da LPCG establece que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recoñecerá o seu carácter vivo e dinámico.
O artigo 70.6 da LPCG expón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recollerá o marco temporal e espacial no cal o ben se manifesta, así como as condicións concretas nas que se produce.
O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.
III
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural publica no Diario Oficial de Galicia número 203, do 21 de outubro de 2024, a Resolución do 8 de outubro pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida (Quiroga).
O artigo 18.2 da LPCG establece que é necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de, polo menos, dúas das institucións consultivas especializadas ás que se refire o artigo 7 do citado texto legal. Logo de realizar este trámite, constan no expediente administrativo ambos os informes favorables e motivados sobre o valor cultural sobranceiro da manifestación inmaterial, precisos para poder declarar ben de interese cultural a Romaxe da Nosa Señora da Ermida.
No período de exposición pública da proposta de incoación e do expediente administrativo non se presentaron alegacións.
A tramitación administrativa deste expediente ten en conta a Carta de Faro (Convenio marco do Consello de Europa sobre o valor do patrimonio cultural para a sociedade, de 2005), que parte da visión do patrimonio cultural inmaterial centrada nas persoas e nos seus dereitos culturais.
Considérase portadora toda aquela persoa que posúa saberes, coñecementos, técnicas e métodos relacionados co estudo, memoria e vivencia da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida. Así, todas aquelas persoas que participan na celebración, na salvagarda e na transmisión deben ser consideradas persoas pertencentes á comunidade portadora da manifestación inmaterial denominada Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida. No expediente favoreceuse a súa participación, así como a de calquera outra persoa interesada, coa apertura do prazo dun mes para presentar alegacións. A participación é un principio fundamental que garante o recoñecemento da manifestación cultural polas persoas e as comunidades portadoras que a identifican como parte da súa herdanza cultural e da súa identidade como pobo, de modo que é unha ferramenta imprescindible para completar a caracterización do ben inmaterial que se está a recoñecer.
Na tramitación do expediente, polo tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Primeiro. Declaración de ben de interese cultural
Declarar ben de interese cultural a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida (Quiroga), conforme ao descrito no anexo I deste decreto.
Segundo. Anotación no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia
Ordenar que se anote esta declaración de ben de interese cultural no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial da Administración xeral do Estado.
Terceiro. Publicación
Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado.
Cuarto. Notificación
Notificarlles este decreto ao Concello de Quiroga, á Diocese de Lugo e ás persoas interesadas.
Quinto. Recurso
Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación perante o órgano que ditou o acto, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición derradeira. Eficacia
Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil vinte e seis
O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,
da Xunta e da súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
Anexo I
Descrición da manifestación inmaterial
1. Denominación: Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida.
2. Natureza e condición:
• Natureza: inmaterial.
• Condición: manifestación.
• Categoría: usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos (artigo 9.3.a), 5º LPCG).
• Interese: etnolóxico.
3. Contexto histórico da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida.
No lugar no que na actualidade se celebra a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida xurdiu unha devoción mariana cuxa orixe se lembra popularmente por medio de dúas lendas que rexistrou o etnógrafo Xosé Manuel Blanco Prado.
Unha primeira lenda relata «que certo día, hai disto moito tempo, un home con moita sede achegouse a beber ao regato que pasa pola Ermida. Alí viu unha imaxe da Virxe na ribeira tallada en pedra. O home, logo de beber, deu conta na aldea do que lle acontecera no río. Os residentes do lugar, despois de ter unha reunión, decidiron levar a imaxe en procesión ata a igrexa parroquial, onde a colocaron nun altar. Porén, ao domingo seguinte, cando os veciños e as veciñas da parroquia foron oír misa, viron abraiados que a imaxe desaparecera. O seu descubridor, levado por un presentimento, volveu ao regato onde atopou novamente a imaxe. Os habitantes da aldea organizaron unha nova procesión ata a igrexa, colocaron a imaxe outra vez no altar e, a seguir, pecharon o templo baixo chave. O labor foi inútil, xa que a imaxe volveu desaparecer para aparecer de novo á beira do regato. A veciñanza da aldea, convencida de que o desexo da Virxe era o de ficar nese lugar, construíulle alí mesmo unha capela e, desde entón, non volveu desaparecer».
Unha segunda lenda sobre a orixe do lugar onde se celebra a manifestación inmaterial reza «que, no século XIV, un peregrino francés que ía venerar o apóstolo Santiago portaba unha imaxe da Virxe probablemente roubada nalgún recinto sagrado que lle servira de hospedaxe. Como se sentiu doente, acudiu ao hospital sanxoanista da Encomenda en Quiroga, ocultando previamente a imaxe mariana. Pasado o tempo, un veciño da Ermida chamado Lorenzo Estévez soñou que sobre o outeiro próximo á aldea, no que había restos dun antigo templo paleocristián, resplandecía unha luz. Logo de limpar o lugar, atopou a imaxe da Virxe, que foi levada á igrexa parroquial, retornando tres veces ao lugar de aparición».
O comendador de Quiroga, segundo Xosé Manuel Blanco Prado, foi informado dos feitos acontecidos e aprobou a reconstrución do recinto sagrado, momento no que se atopou o denominado Crismón de Quiroga, un disco circular de mármore do século IV ou V da nosa era, que é testemuña da comunidade cristiá que existiu no lugar nese tempo.
O Crismón de Quiroga ou Crismón da Ermida foi estudado por Jaime Delgado Gómez, do que destaca a súa singularidade dentro de toda a orbe cristiá. Así mesmo, o devandito autor sitúa o lugar sagrado da Ermida como un dos tres núcleos identificados, na actual Diocese de Lugo, dentro do ámbito paleocristián.
A devoción á Virxe mantense no tempo e no ano 1622, no libro da Confraría da Nosa Señora da Ermida, descríbense en detalle aspectos da celebración da manifestación inmaterial que, do mesmo xeito que na actualidade, xa tiña lugar os días 8 e 9 de setembro. Nel tamén se referencian as Pampórnigas e o Meco.
O santuario actual consta dunha nave principal e do presbiterio, que datan do século XVII. Posteriormente, no ano 1733, constrúese a nave lateral, separada da principal por piares, máis estreita que a anterior e cuberta cun tellado dunha soa vertente. No interior do recinto, no retablo do altar maior, de dous corpos e tres rúas, atópase, entre outras tallas, a Nosa Señora da Ermida, que data do século XVI.
4. Desenvolvemento da celebración da manifestación inmaterial: o seu marco temporal e espacial.
A festa mariana da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida conmemórase todos os anos os días 8 e 9 de setembro. Previamente, celébrase unha novena desde o día 30 de agosto ata o 7 de setembro. Ao remate de cada día da novena, un grupo de cinco ou seis homes cántanlle loas á Virxe e a cada unha delas as persoas asistentes respóndenlle coas seguintes palabras: «Sexa sempre a nosa avogada, Virxe Santa da Ermida».
O último día da novena, ao rematar a misa, unha procesión, na que non participa nin o Meco nin as Pampórnigas, vai pola estrada do Courel ata a Patela, pasa pola Ameixeira e retorna ao templo.
O recinto sagrado no que se celebra a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida está localizado na aldea homónima, a parroquia de Santa María da Ermida, do concello de Quiroga. No interior do inmoble hai catro cadros pintados no ano 1882 que representan feitos milagrosos vinculados ao santuario que tiveron lugar no século XVIII. Os días da celebración da romaxe sácanse do interior e póñense na fachada central do templo.
Os romeiros e as romeiras, unha vez rematada a procesión e as misas, van ao souto do Val, no que gozan dun tempo de lecer, mercan produtos locais, como rosquillas, e á noite unhas orquestras animan as persoas asistentes.
5. Descrición do desenvolvemento da celebración da manifestación inmaterial.
Os días 8 e 9 de setembro chegan romeiros e romeiras de toda a contorna do lugar da Ermida, no concello de Quiroga, para celebrar a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios. Algunhas destas persoas desprázanse ao santuario descalzas ou axeonlladas. Así mesmo, hai devotas que acoden vestidas con mortallas, en agradecemento pola curación dalgunha doenza grave ou pola solución dalgún problema familiar. A mortalla consiste nunha vestidura de cor branca que levan as devotas desde a cabeza ata a metade do corpo.
As peticións das persoas devotas están relacionadas normalmente coas diferentes doenzas humanas, aínda que tamén pregan por problemas de índole familiar e social. As persoas ofrecidas, co fin de manifestar unha actitude de submisión á Virxe, realizan unha serie de rituais destinados a solicitar a axuda da Virxe ou de agradecer o favor xa recibido.
As persoas que participan na Romaxe da Nosa Señora dos Remedios cumpren con dous rituais. Un primeiro, vinculado á liturxia oficial, que consiste en asistir e en escoitar algunha das misas que se celebran pola mañá (catro o día 8 e tres o día 9), e un segundo ritual, máis propio da relixiosidade popular, como é o ritual de contacto coa advocación mariana, que consiste en bicar o manto da Virxe e unha das dúas cintas acaroadas a este.
A procesión celébrase antes da misa solemne das 13.00 horas e comeza co Meco, un personaxe lendario da comunidade, que anuncia a súa presenza por medio dunhas castañolas que porta na man esquerda, mentres que na man dereita leva unha vasoira de toxos coa que vai afastando as persoas para que poida pasar o cortexo procesional. O Meco leva posta unha careta de madeira con trazos demoníacos e na cabeza un sombreiro de cor vermella, que se prolonga ata o lombo formando unha especie de mulida. O xersei e o pantalón que viste tamén son de cor vermella, aínda que o pantalón ten unhas franxas laterais de cor branca, con pequenos resaltes de cor vermella.
Atrás do Meco van as Pampórnigas, que son dous xigantes que simbolizan un home e unha muller que van danzando unha peza tradicional do lugar. Por este motivo, os seus portadores teñen que ter unha certa destreza, experiencia e resistencia física. As súas cabezas son de madeira e o seu armazón é na actualidade de aluminio. A Pampórniga que simboliza unha muller vai tocada cun sombreiro e vestida cun traxe vermello e, ademais, leva pendurado dos beizos un acio de uvas. A Pampórniga que representa un home leva posto un sombreiro de cor azul e fuma en pipa.
A continuación, un grupo de gaiteiros toca unha peza tradicional da comunidade local que foi recuperada por un gaiteiro contemporáneo chamado Colomán. Finalmente, van os elementos propiamente relixiosos, como o estandarte parroquial, acompañado doutros estandartes de parroquias da contorna. A seguir, vai a imaxe da Virxe, levada nas andas por catro devotas da comunidade; a continuación, os curas que posteriormente ofician a misa solemne e, por último, o resto das persoas devotas.
Cando a procesión retorna á igrexa, as Pampórnigas colócanse nas xambas da porta e inclinan as súas cabezas no momento en que a imaxe da Virxe entra no recinto. Unha vez que comeza a celebración da misa, o Meco fica no adro da igrexa no que se desenvolve un ritual profano que consiste en que algúns dos fregueses, tanto da parroquia coma de fóra, lle botan moedas ao chan. No momento no que o Meco se dobra para recollelas, algunhas persoas danlle labazadas na mulida e el deféndese coa vasoira de toxos.
6. Valoración cultural.
A celebración da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida desenvólvese desde hai séculos dun xeito que apenas mudou co paso do tempo. De feito, malia as prohibicións do pasado das autoridades eclesiásticas e civís, sobre todo as do 21 de xullo de 1780 do monarca Carlos III, que impedía a aparición de xigantes, cabezudos, claríns e todo tipo de improperios, dada a súa falta de decoro, nas celebracións eclesiásticas. Persisten na celebración as figuras do Meco e das Pampórnigas, como formas extraordinarias nunha romaría eclesiástica, na que reciben nomes orixinais que non se repiten noutra romaría galega.
Outro aspecto propio da manifestación inmaterial que fai que sexa singular en relación co resto das romarías de Galicia é a representación escenográfica que trata sobre a loita entre a fe e o maligno, representado polo Meco. Nesta escenografía participan tamén as amortalladas, outro elemento singular da celebración, que avanzan cubertas seguindo a Virxe, mentres a gaita soa repetindo sempre a mesma peza, melodía que bailan tanto o Meco coma as Pampórnigas. Posteriormente, outro momento determinante desta singular representación escenográfica é cando a Virxe entra na igrexa e o demo (o Meco) se prostra ante ela e ante o pobo (as Pampórnigas). A fe resgárdase no templo e o demo, que xamais entra na igrexa, xoga cos que quedan, o que é unha metáfora da casa de Deus.
A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida ten un valor cultural sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao tratarse dunha manifestación inmaterial que mantén o respecto pola tradición e polos rituais, que foron e son transmitidos de xeración en xeración, o que reflicte a apropiación identitaria feita da manifestación inmaterial pola veciñanza da Ermida, no concello de Quiroga, ao longo dos anos.
7. A comunidade portadora e as formas de transmisión.
Considérase portadora aquela persoa que posúe saberes, coñecementos, técnicas e métodos relacionados co estudo, coa memoria e coa vivencia da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida. Polo tanto, todas aquelas persoas que activan nas súas vidas a vivencia da romaría, co fin da súa reprodución, salvagarda e transmisión, deben ser consideradas persoas pertencentes á comunidade portadora da manifestación inmaterial da Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida.
As persoas que celebran a romaría nestes momentos exceden a veciñanza do ámbito parroquial e mesmo municipal. De feito, reúnense no lugar fieis dos concellos da contorna, como Bóveda, O Courel, O Incio, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón ou Ribas de Sil.
A transmisión do misticismo, dos rituais, das lendas, das operacións e das tradicións que compoñen a manifestación inmaterial realizouse e realízase fundamentalmente de forma oral, dentro dun marco familiar e veciñal no que adoitan participar varias xeracións.
Anexo II
Medidas de salvagarda
O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, conservación, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia constituído polos bens e manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo e tamén por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores sinalados e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar en que se creasen.
O artigo 9.3 da devandita lei establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no apartado quinto deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».
Así mesmo, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.
As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas, dentro das súas competencias e dispoñibilidades orzamentarias, a garantir a súa viabilidade, fundamentalmente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.
En consecuencia, é conveniente proceder ao arquivo e á sistematización dos documentos e demais materiais relacionados con este patrimonio cultural inmaterial para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del, e a súa difusión debe ser promovida, auspiciada e, na medida do posible, sería recomendable que se incorpore ao ensino tanto formal coma non formal. Un traballo que supón, de feito, apoiar a transferencia de coñecementos, técnicas e significados sen fixar ou fosilizar a manifestación, o que asegura a súa viabilidade e promove o establecemento dun marco social e comunitario que vai permitir unha constante recreación, valorización e transmisión do ben.
