DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Venres, 25 de setembro de 2026 Páx. 50333

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2026 pola que se ordena a publicación do Acordo do 16 de setembro de 2026, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se crea a Comisión Técnica de Fiscalización (CTFIS) e se aproban as súas normas de funcionamento.

En cumprimento do Acordo do 16 de setembro de 2026, do Pleno do Consello de Contas, polo que se crea a Comisión Técnica de Fiscalización (CTFIS) e se aproban as súas normas de funcionamento, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do 16 de setembro de 2026 do Pleno do Consello de Contas de Galicia polo que se crea a Comisión Técnica de Fiscalización (CTFIS) e se aproban as súas normas de funcionamento

O artigo 81 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas establece que por acordo do Pleno poderá disporse a creación de comisións técnicas con funcións consultivas. O acordo de creación das comisións debe especificar a finalidade, o persoal que se adscriba a elas, o procedemento e o prazo para o exercicio das tarefas encomendadas, ou, se procede, o carácter indefinido daquelas.

En particular, no ámbito da fiscalización esta comisión técnica terá como finalidade asegurar a elaboración e normalización dos procedementos técnicos de fiscalización e do control de calidade dos informes, así como a homoxeneidade das actuacións fiscalizadoras, contribuíndo á adopción de criterios e normas comúns aplicables a todas elas e á avaliación e mellora na calidade dos procedementos e resultados.

Logo de que o artigo 61 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia crease en 2017 a Comisión Técnica de Prevención da Corrupción, a posta en marcha desta comisión, os traballos que realizou e os resultados obtidos por esta amosaron a pertinencia de aplicar o modelo de comisións técnicas ao ámbito da fiscalización. O artigo 81 do Regulamento permite a creación de novas comisións con carácter consultivo. En función desta habilitación, e baseándose na experiencia anterior, o Plan estratéxico da institución para o período 2023-2028, incluíu, no marco do obxectivo estratéxico 1.2, a creación da Comisión Técnica de Fiscalización. O presente acordo adóptase para cumprir a citada previsión do dito plan.

A creación e mais o funcionamento da Comisión Técnica de Fiscalización asúmense cos medios orzamentarios e de persoal actualmente dispoñibles na institución, polo que non van supoñer ningún incremento de gasto, nin de recursos humanos. En definitiva, esta comisión técnica considérase un instrumento axeitado para a mellora dos maiores niveis de eficacia e eficiencia no desenvolvemento da función de fiscalización no seo do Consello de Contas de Galicia cun previsible efecto positivo sobre a calidade dos traballos realizado neste ámbito.

Esta secretaría xeral, atendendo ao exposto e en exercicio das función que lle atribúe o número 1 dos artigos 11 da Lei 6/1995 e 24 do Regulamento de réxime interior, somete a consideración do Pleno do Consello de Contas de Galicia a presente proposta, para que, de se considerar procedente polo órgano colexiado, de conformidade co previsto no artigo 7 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia, e no artigo 5 do Regulamento de réxime interior, sexa adoptado o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Creación da Comisión Técnica de Fiscalización (CTFIS)

1. Créase a Comisión Técnica de Fiscalización como un órgano permanente, técnico, colexiado e de carácter consultivo, sen prexuízo das competencias decisorias do órgano competente para a aprobación dos informes, coa finalidade de reforzar a calidade, a homoxeneidade metodolóxica e a mellora continua das fiscalizacións, consonte o sistema de control da calidade do Consello de Contas de Galicia.

2. A Comisión Técnica de Fiscalización estará adscrita á Sección de Fiscalización do Consello de Contas de Galicia.

Segundo. Composición

1. A CTFIS estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a presidencia será asumida pola persoa que desempeñe o posto de auditor/a director/a técnico/a (ADT) do Consello de Contas.

b) Vogais: un auditor ou auditora por cada un dos distintos departamentos sectoriais do Consello.

c) Secretario/a: actuará como secretario/a da Comisión o auditor ou auditora designado/a como vogal pola Área de Coordinación Xeral.

2. Os membros serán designados polo conselleiro/a do departamento sectorial correspondente nun prazo de trinta días desde a aprobación deste acordo. Unha vez designados, serán nomeados polo Pleno do Consello de Contas para un período de tres anos. Os membros da CTFIS poderán ser substituídos temporalmente por persoa de igual perfil e o/a conselleiro/a comunicará con antelación esta circunstancia á Presidencia da CTFIS.

Terceiro. Funcións

Corresponderá á CTFIS o exercicio das seguintes funcións:

a) Asesorar na definición e na actualización do Manual de fiscalización, instrucións, procedementos e cuestionarios técnicos, así como dos criterios necesarios para a planificación e a execución do control de calidade e para a homoxeneización técnica en materia de fiscalización.

b) Asesorar na implantación do sistema de calidade e propoñer melloras derivadas do seu seguimento.

c) Revisar anualmente unha mostra de informes de fiscalización para contribuír á identificación de debilidades metodolóxicas recorrentes que estean fóra do ámbito da revisión formal dos equipos visadores da calidade e tamén, se é o caso, propoñer melloras nas atribucións ou actuacións destes últimos.

d) Informar os borradores de directrices técnicas dos informes de fiscalización por petición da Sección de Fiscalización.

e) Informar os borradores de guías técnicas de fiscalización e propostas de elaboración e/ou actualización dos documentos metodolóxicos ou técnicos en materia de fiscalización antes da súa elevación á Sección de Fiscalización ou ao Pleno.

f) Emitir informes técnicos cando a Sección de Fiscalización lle solicite criterio ante discrepancias entre o equipo visador e a persoa responsable técnica da fiscalización, por medio dunha proposta motivada; en ningún caso adoptará decisións que substitúan as da Sección ou do Pleno.

g) Formular propostas de mellora continua e de harmonización técnica para reforzar a calidade e a homoxeneidade dos informes.

h) Emitir informes sobre as consultas técnicas formuladas polos conselleiros ou, a través destes, polos responsables técnicos dos equipos de fiscalización.

Cuarto. Réxime de funcionamento

1. As actuacións da CTFIS rexeranse polo presente acordo, e supletoriamente polo disposto na sección 3ª do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para os órganos colexiados.

2. Poderá incorporarse á CTFIS en calidade de asesor ou asesora, con voz pero sen voto, outro persoal do Consello de Contas cando así se acorde.

3. A CTFIS poderá establecer grupos de traballo formados por persoal do Consello para que, consonte as directrices fixadas pola Comisión, avancen na concreción dos aspectos técnicos e na elaboración da documentación dos acordos para adoptar por esta.

4. A CTFIS e, se é o caso, os grupos de traballo, reuniranse coa periodicidade que acorde a propia comisión e polo menos dúas veces ao ano. A convocatoria das reunións realizarase cunha antelación mínima de catro días. En caso de urxencia, a CTFIS poderá ser convocada cunha antelación de 48 horas.

5. Os acordos ou conclusións adoptaranse por maioría de votos dos membros da Comisión. No caso de empate decidirá a presidencia co seu voto de calidade.

6. A CTFIS entenderase constituída cando estean presentes o seu presidente e a maioría dos seus membros. No caso de non resultar posible a presenza da persoa que ocupe a Secretaría, a Presidencia poñerá este feito en coñecemento do/da conselleiro/a maior, quen designará a persoa que exercerá provisoriamente esas funcións.

Quinto. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.