DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Luns, 28 de setembro de 2026 Páx. 50522

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2026 pola que se acorda a aprobación definitiva do proxecto de expropiación, por taxación conxunta, dos bens e dereitos afectados pola execución da etapa 1 do proxecto de interese autonómico Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, no concello de Mos (clave PO/25/208.80).

Antecedentes:

I. Mediante o Acordo do 10 de novembro de 2022, publicado no DOG núm. 242, do 22 de decembro de 2022, o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese autonómico o proxecto denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, promovido pola entidade Real Club Celta de Vigo, S.A.D., no concello de Mos.

II. Polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2025 (DOG núm. 91, do 14 de maio de 2025) foi aprobado definitivamente o proxecto de interese autonómico Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 (no sucesivo, PIA), o cal figura inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia co número de rexistro ROTPG/OT/1/2025.

III. O artigo 1.1.6 da normativa do PIA establece, de conformidade co previsto no artigo 59 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (LOT), que a aprobación do proxecto de interese autonómico leva implícita a declaración de utilidade pública e interese social e a necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos afectados, para os fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes.

IV. Pola súa parte, o artigo 1.3.1 da normativa do PIA establece, conforme o previsto no artigo 51 da LOT, que a xestión do proxecto de interese autonómico Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 se levará a cabo polo procedemento de expropiación forzosa, e a persoa física ou xurídica promotora da actuación terá a consideración de beneficiaria da expropiación.

V. Correspóndelle á Administración autonómica, a través da consellería competente por razón da materia, exercer a potestade expropiatoria en favor da persoa beneficiaria e adoptar todas as resolucións que impliquen o exercicio da dita potestade, sen prexuízo da intervención, das facultades e das obrigas que legalmente lle corresponden á persoa beneficiaria.

VI. O procedemento de expropiación forzosa será tramitado de acordo co establecido na normativa vixente en materia de expropiación forzosa pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia como consellería competente por razón da materia a que se refire o proxecto, e o Real Club Celta de Vigo, S.A.D., como entidade promotora da actuación, terá a consideración de beneficiaria da expropiación.

VII. O prezo xusto dos bens e dos dereitos expropiados fixarase polo procedemento de taxación conxunta.

VIII. Para o desenvolvemento das actuación previstas, o PIA establece tres etapas ou fases de execución diferenciadas. Cada unha das fases de execución corresponde a un ámbito territorial concreto para os efectos da súa xestión e execución.

IX. A etapa 1 corresponde ao desenvolvemento das instalacións da Cidade deportiva Afouteza. Os terreos afectos a etapa 1 do PIA son os correspondentes a unha superficie aproximada de 14,88 hectáreas, pertencente ao monte veciñal en man común da parroquia de Pereiras (Mos). Esta superficie correspóndese coas referencias catastrais 36033A067005050000SK, 36033A053006210000SH e 36033A067001400000SW.

X. O procedemento de taxación conxunta encóntrase regulado no artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo da Galicia (LSG), e nos artigos 291 e seguintes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia (RLSG).

XI. O contido mínimo do proxecto expropiatorio encóntrase regulado no artigo 292 do RLSG. O Real Club Celta de Vigo, S.A.D., en canto que entidade beneficiaria da expropiación, presentou o Proxecto de expropiación por taxación conxunta dos bens e dereitos afectados pola execución da etapa 1 do proxecto de interese autonómico Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 no concello de Mos (Pontevedra), asinado por un técnico competente, e que cumpre cos requisitos formais e de contido establecidos na normativa vixente de aplicación.

XII. Pola Resolución do 11 de maio de 2026, da directora da Axencia Galega de Infraestruturas, aprobouse inicialmente o proxecto de expropiación, por taxación conxunta, dos bens e dereitos afectados pola execución da etapa 1 do proxecto de interese autonómico Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, no concello de Mos (clave PO/25/208.80), e acordouse sometelo a información pública polo prazo dun mes mediante un anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 93, do 21 de maio de 2026, e nos xornais Atlántico e Faro de Vigo, ambos do 21.5.2026.

A dita aprobación inicial acórdase en virtude da Resolución do 7 de xaneiro de 2026 pola que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes encomendou á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a xestión das actuacións necesarias en relación co proceso de expropiación dos bens e dereitos afectados pola execución do PIA denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360. A dita resolución foi publicada no DOG núm. 16, do 26 de xaneiro de 2026.

XIII. As taxacións foron notificadas individualmente ás persoas que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, mediante o traslado literal das correspondentes follas de valoración e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulasen as alegacións que considerasen convenientes no prazo dun mes a partir da súa debida notificación.

O proxecto expropiatorio aprobado inicialmente foi notificado ao Concello de Mos co obxecto de que puidese realizar cantas alegacións coidase oportunas no prazo dun mes contado desde a notificación.

Igualmente, o contido íntegro do proxecto inicialmente aprobado estivo dispoñible no seguinte enderezo electrónico: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/transparencia/pia/factoria-deporte

XIV. Non se presentaron alegacións.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta, de conformidade co disposto no artigo 118 da LSG e dos artigos 291 e seguintes do RLSG.

Segundo. O dito proxecto ten por obxecto a expropiación pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sendo beneficiario o Real Club Celta de Vigo, S.A.D., dos bens e dereitos necesarios para a execución da etapa 1 do proxecto de interese autonómico Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, no concello de Mos (clave PO/25/208.80).

De conformidade co disposto no artigo 118.10 da LSG, o acordo de aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implica a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados.

Terceiro. O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva exixida polo artigo 118 da LSG e polo artigo 292 do RLSG:

a) Delimitación do ámbito territorial, cos documentos que o identifiquen en canto a situación, superficie e lindeiros, coa descrición dos bens e dereitos afectados e a relación das persoas titulares.

b) Fixación de prezos, coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

c) Follas do prezo xusto individualizado de cada predio, nas cales se conterá non só o valor do solo, senón tamén o correspondente ás edificacións, obras, instalacións e plantacións.

d) Follas do prezo xusto que correspondan a outras indemnizacións.

e) Plano da situación.

f) Plano da información urbanística.

g) Plano parcelario, con referencia a todos os elementos físicos afectados.

A relación das persoas titulares dos bens e dereitos que se expropian figuran no anexo desta resolución.

Cuarto. Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse aos establecidos no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.

Quinto. A competencia para aprobar o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, de conformidade co artigo 51.3 da LOT.

Na súa virtude, de conformidade coa Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, coa Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, co Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, co Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e as demais disposicións aplicables, e tras a proposta da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación, por taxación conxunta, dos bens e dereitos afectados pola execución da etapa 1 do proxecto de interese autonómico Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, no concello de Mos (clave PO/25/208.80).

Esta aprobación definitiva do expediente implica a declaración de urxencia de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 118.10 da LSG.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (LEF), sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto.

Segundo. Ordenar a notificación desta resolución, de xeito individualizado, a todos os que aparezan como titulares de bens ou dereitos que figuran no expediente, aos que lles xuntará a correspondente folla de valoración, e se lles conferirá un prazo de vinte días, contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación desta resolución, durante o cal os interesados poderán manifestar ante esta consellería a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado. Advírtese que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule a oposición á valoración, se entenderá aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente e determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade.

A dita desconformidade presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do procedemento normalizado con código de procedemento PR004A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e deberá dirixirse á Secretaría Xeral para o Deporte.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos medios de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aqueles suxeitos non obrigados a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, conforme o artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), poderán presentar a súa desconformidade en calquera rexistro administrativo da Xunta de Galicia.

Terceiro. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou impugnala directamente no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Todo isto sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, as persoas interesadas dispoñen dun prazo de vinte días, contados a partir do seguinte ao da recepción da notificación, para manifestala por escrito nos termos establecidos con anterioridade.

A relación dos propietarios, predios e superficies é a que figura no anexo que se achega.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
P.D. (Orde do 12.6.2024; DOG núm. 117, do 18 de xuño)
Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Relación de bens, dereitos e titulares afectados pola execución da etapa 1 do proxecto de interese autonómico Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360,
no concello de Mos, de clave PO/25/208.80

Predio núm.

Referencia catastral

Titular

Superficie

total (m2)

Superficie afectada (m²)

Bens/dereitos afectados

1

36033A067005050000SK

36033A067001400000SW

36033A053006210000SH

CMVMC da parroquia de Pereiras (Mos)

610.000

148.833

148.833

UFD Distribución Electricidad, S.A.

Servidume de paso eléctrico