DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Venres, 2 de outubro de 2026 Páx. 51161

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a cetraría.

A Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, adoptada pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), define o patrimonio cultural inmaterial como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural. Este patrimonio, que se transmite de xeración en xeración, é recreado constantemente polas comunidades e grupos en función da súa contorna, da súa interacción coa natureza e da súa historia, de xeito que infunde un sentimento de identidade e continuidade e contribúe ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

O artigo 1.2 da dita lei establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo.

O artigo 8.2 da lei dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da comunidade autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo ditamina o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e polo que se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.

O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no punto 5 deste artigo inclúense os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos; no punto 6, os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo e, no punto 7, as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

O artigo 70.4 da LPCG dispón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.

O artigo 70.5 da LPCG establece que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recoñecerá o seu carácter vivo e dinámico.

O artigo 70.6 da LPCG expón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recollerá o marco temporal e espacial no cal o ben se manifesta, así como as condicións concretas nas que se produce.

O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

A cetraría consiste en criar, domesticar e adestrar aves rapaces para cazar animais libres no seu medio natural. Trátase dunha arte de caza que se remonta a uns catro mil anos atrás e cuxa práctica e coñecementos foron transmitidos de xeración en xeración ata a actualidade. En recoñecemento do seu valor cultural universal, o 16 de novembro 2010, a UNESCO declara a cetraría patrimonio cultural inmaterial da humanidade.

O 2 de outubro de 2025, a comunidade portadora da manifestación inmaterial de Galicia presenta na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha solicitude de declaración de ben de interese cultural da cetraría.

O artigo 18.2 da LPCG establece que é necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de, polo menos, dúas das institucións consultivas especializadas ás que se refire o artigo 7 do citado texto legal. Logo de realizar este trámite, constan no expediente administrativo os dous informes favorables e motivados sobre o valor cultural sobranceiro da manifestación inmaterial, precisos para proceder á declaración de ben de interese cultural da cetraría.

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que a cetraría se configura como unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia e, polo tanto, é susceptible de ser declarada ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Tendo consideración todo o exposto, e o contido da documentación do expediente, e por resultar a cetraría unha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, o director xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e polo que se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural a cetraría, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, segundo a descrición recollida no anexo I e as medidas de salvagarda establecidas no anexo II desta resolución. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, contados a partir da data desta resolución. Se unha vez que transcorra ese prazo non se emite resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento administrativo.

Segundo. Inscribir de forma preventiva a cetraría como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicar a resolución ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificarlles esta resolución ás persoas e ás entidades interesadas.

Quinto. Abrir un período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o seguinte día ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderase examinar no Servizo de Inventario (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio administrativo de San Caetano, bloque 3, 2º andar, Santiago de Compostela), con petición de cita previa.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026

Ángel Miramontes Carballada
Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición da manifestación inmaterial

1. Denominación: a cetraría.

• Denominacións secundarias: a falcoaría, a arte da cetraría.

2. Natureza e condición:

• Natureza: inmaterial.

• Condición: manifestación.

• Categoría: «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos» (artigo 9.3.a), 5º LPCG); «os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo» (artigo 9.3.a), 6º LPCG), e «as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos» (artigo 9.3.a), 7º LPCG).

• Interese: etnolóxico.

3. Contexto histórico da cetraría.

Poucas manifestacións da cultura europea presentan unha continuidade histórica tan prolongada como a cetraría. A súa práctica, documentada desde a Antigüidade en diversos ámbitos culturais de Eurasia, alcanzou durante os séculos medievais un grao de desenvolvemento e de difusión que a converteu nunha das expresións máis características da vida cortesá e aristocrática. Durante aquelas centurias foi moito máis que unha modalidade de caza, pois constituíu un verdadeiro sistema cultural integrado por coñecementos especializados, técnicas coidadosamente elaboradas, normas de comportamento, formas de aprendizaxe, usos sociais e unha linguaxe propia cuxa complexidade dificilmente pode reducirse ao ámbito estritamente cinexético.

A expansión da cetraría no Occidente europeo constitúe un dos fenómenos culturais máis característicos da sociedade aristocrática medieval. Aínda que as súas orixes remotas deban buscarse en ámbitos moi afastados, o seu extraordinario desenvolvemento entre os séculos XII e XV respondeu a circunstancias históricas ben coñecidas: a consolidación das monarquías feudais, a formación das grandes cortes principescas e a difusión duns modelos de comportamento cabaleiresco ou nobiliario compartidos por boa parte do continente.

A importancia alcanzada por esta actividade favoreceu moi pronto o florecemento dunha literatura especializada de singular calidade. A obra De arte venandi cum avibus, composta polo emperador Federico II (século XIII), constitúe, sen dúbida, unha das obras máis influentes da Idade Media europea. Nela, lonxe de limitarse a reunir noticias tradicionais, desenvólvese unha verdadeira investigación sobre a bioloxía, o comportamento e o adestramento das aves de presa, á vez que se establece un método de observación que terminaría por exercer unha clara influencia sobre a tratadística posterior.

Os reinos peninsulares participaron plenamente dese movemento no que Galicia non constitúe un territorio marxinal nin illado. A súa integración política na Coroa de Castela e a estreita relación que mantivo durante os séculos medievais con Portugal favoreceron a incorporación das formas de vida características da aristocracia occidental. En consecuencia, a presenza da cetraría en Galicia non pode examinarse como un fenómeno illado, se non que a súa implantación responde á progresiva incorporación do Reino de Galicia aos modelos políticos, sociais e culturais compartidos polos restantes territorios da Europa occidental.

Galicia reuniu durante toda a Baixa Idade Media as condicións necesarias para participar no universo cultural da cetraría. A configuración dos grandes estados señoriais, o protagonismo alcanzado por determinadas liñaxes e a estreita vinculación da nobreza galega coas correntes políticas e culturais da Coroa permiten situar a práctica da cetraría dentro do conxunto de actividades que caracterizaron a vida aristocrática do Reino de Galicia. Esta afirmación, como é natural, non descansa só sobre argumentos de contexto, senón que corresponde examinar se as fontes históricas permiten recoñecer esa presenza de maneira suficientemente fundada.

Neste sentido, hai testemuños documentais conservados, como testamentos, legados, doazóns, intercambios e outros negocios xurídicos, así como documentación señorial, monástica e capitular, nos que a pegada da cetraría é patente. En ocasións, as aves de presa aparecen como bens transmitidos entre particulares ou institucións; noutras, como elementos de apreciable valor económico integrados en patrimonios cuxa administración requiría persoal especializado para o seu coidado. Considerados no seu conxunto, estes testemuños permiten apreciar que as aves empregadas na cetraría formaban parte do patrimonio material de determinados membros da nobreza, da xerarquía eclesiástica e doutros grupos dirixentes, á vez que poñen de manifesto o valor económico, social e simbólico que se lles atribuía na Galicia medieval.

Desde o ámbito dos testemuños artísticos, a escultura monumental galega conserva un conxunto de representacións relacionadas coa cetraría cuxa importancia foi posta de relevo en diversas investigacións científicas. Estes testemuños son numerosos e a súa distribución xeográfica, a diversidade dos edificios en que aparecen e a variedade das escenas representadas dificultan a súa interpretación como simples motivos ornamentais desprovistos de significado cultural. Cabaleiros portando aves de presa, figuras de falcoeiros, escenas de voo ou de captura e outros motivos relacionados coa práctica da cetraría forman parte do repertorio iconográfico conservado en igrexas, mosteiros e edificios de carácter civil pertencentes a distintos ámbitos do territorio galego. Máis alá do seu indubidable interese artístico, estas representacións constitúen tamén unha valiosa fonte histórica para comprender a difusión social e cultural da cetraría, pois só poden explicarse no contexto dunha sociedade familiarizada cos códigos simbólicos que expresan.

O seu verdadeiro valor reside, con todo, noutro aspecto: demostra que a imaxe do falcoeiro, das aves de presa e das escenas cinexéticas resultaba perfectamente intelixible para quen promovía, executaba e contemplaba aquelas obras. En consecuencia, o patrimonio artístico confirma, desde unha perspectiva distinta, o que xa suxería a documentación escrita: que a cetraría formaba parte do universo cultural da sociedade galega medieval e que os seus principais elementos eran suficientemente coñecidos como para integrarse con naturalidade na linguaxe iconográfica da escultura monumental galega.

O mundo das aves ocupa un lugar significativo dentro do imaxinario simbólico da nobreza galega. A presenza de aguias, falcóns e outras aves na heráldica de numerosas liñaxes (Aguiar, Novoa e Salgado, ou Araujo, Páramo, Solloso, Seixas, Alemparte etc.) forman parte do mesmo universo cultural no que a cetraría alcanzou un notable desenvolvemento.

Lonxe de constituír probas illadas, os testemuños documentais e artísticos, interpretados no marco do universo simbólico da nobreza medieval, configuran unha imaxe notablemente coherente. Ningún deles permitiría por separado explicar a importancia histórica da cetraría en Galicia, mais valorados conxuntamente ofrecen unha base suficientemente sólida para afirmar que esta práctica estivo integrada na cultura da nobreza galega e participou plenamente das formas de vida propias da aristocracia do Occidente medieval.

Con todo, a partir do século XVIII, co avance das armas de fogo e os cambios nos modelos de caza, a cetraría comenzou a declinar en Europa occidental e tamén en Galicia. Foi perdendo progresivamente o seu carácter funcional e pasou a ser unha práctica case testemuñal, mantida por algunhas familias nobres e por afeccionados especializados. Aínda así, en moitas zonas rurais de Galicia persistiu como tradición viva, a miúdo transmitida oralmente ou ligada ás contornas dos pazos e das leiras señoriais.

No século XX, a cetraría experimentou un renacemento impulsada polo interese polas tradicións cinexéticas, o respecto á natureza e o auxe dos deportes en contacto co medio ambiente. A cetraría pasou a ser practicada non só polas elites, senón tamén por asociacións culturais e afeccionados cualificados.

4. O marco espacial e temporal no que se manifesta a cetraría en Galicia.

4.1. O marco espacial.

A práctica da cetraría espállase por toda a xeografía de Galicia, tanto en sentido estrito mediante a súa vertente cinexética, coma no resto de aplicacións modernas desta: cría doméstica, control de fauna (cultivos, aeroportos, monumentos etc.), educación ambiental, terapias, entre outras.

Atendendo a unha concepción estrita da cetraría como modalidade cinexética, esta desenvólvese nos terreos cinexéticos definidos na normativa de caza de Galicia. Estes espazos son aqueles declarados como tales e que resulten susceptibles dun aproveitamento cinexético ordenado.

Con todo o anterior, a cetraría, desde unha concepción máis ampla, practícase tamén nos centros de cría de rapaces destinados á cetraría, pois na actualidade todas as aves empregadas nesta nobre arte proceden da cría en catividade.

Outros espazos nos que se practica a cetraría cunha finalidade de utilidade pública ou interese social son os aeroportos, patrimonio inmobiliario monumental, espazos públicos ou cultivos. A cetraría é un extraordinario método de control biolóxico para moitas especies que nun momento determinado poden resultar prexudiciais; por exemplo, por supoñer un risco sanitario.

Tamén en centros educativos, outros lugares nos que se desenvolven actividades de educación ambiental, está presente a cetraría co fin de sensibilizar a sociedade co coidado e a protección das rapaces e as súas contornas, así como de protexer a cetraría como patrimonio cultural inmaterial da humanidade.

Con motivo da súa moderna aplicación en actividades de carácter terapéutico orientadas a persoas con sensibilidades especiais, a cetraría atópase en centros terapéuticos, residencias, establecementos de educación especial e demais análogos.

Por último, a práctica da cetraría podemos localizala nos eventos deportivos ou nos encontros de convivencia organizados por estes. Os devanditos eventos adoitan desenvolverse de xeito periódico, normalmente anual, e acostuman a variar os enclaves nos que se desenvolven co fin de facilitar a participación.

4.2. O marco temporal.

A cetraría é unha arte que require do cetreiro unha dedicación case plena durante todos os días do ano. A tenza de aves rapaces implica unha dedicación diaria a estas, na súa alimentación e demais coidados, polo que o cetreiro o é todo o ano e non exclusivamente cando sae ao campo ou realiza labores específicos.

De todos os xeitos, a práctica da cetraría como modalidade cinexética está debidamente regulada na normativa sobre caza de Galicia. A este respecto son as resolucións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, nas que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada que corresponda. No caso da cetraría, a tempada habilitada para cazar adoita coincidir coa apertura da veda xeral e o seu peche, normalmente desde mediados de outubro ata comezos de xaneiro.

Atendendo á cría en catividade ou cría doméstica, esta desenvólvese especificamente entre os meses de febreiro e ata finais de xullo, dependendo da especie.

As actividades desenvolvidas nos aeroportos e noutros lugares coa finalidade de realizar un control biolóxico de especies desenvólvese durante todo o ano.

Igualmente, as actividades terapéuticas e de educación ambiental tamén se desenvolven ao longo do ano.

No ámbito competitivo, véñense celebrando nos últimos años dúas citas dentro do calendario oficial da Federación Galega de Caza, que son: as probas abertas e o Campionato Galego de Cetraría.

5. Descrición do desenvolvemento da celebración da manifestación inmaterial.

A cetraría é unha disciplina estruturada arredor dun conxunto de procesos técnicos, secuencias operativas e coñecementos especializados que se transmitiron e transmiten de xeración en xeración. O seu desenvolvemento articúlase nunha serie de fases fundamentais, cada unha cos seus propios obxectivos, ferramentas, tempos e saberes asociados. Estes procesos forman parte do patrimonio inmaterial que sostén esta práctica ancestral.

A continuación, describiranse as fases esenciais da cetraría:

A) Obtención da ave.

A primeira fase do proceso cetreiro é a adquisición ou cría da ave que se vai adestrar. Existen distintas vías de obtención, todas reguladas legalmente e sometidas a estritos controis administrativos e ambientais: a cría en catividade, a captura legal e a cesión ou intercambio.

A selección da ave debe considerar a súa especie, idade, estado físico e temperamento, xa que estes factores determinarán o enfoque e o ritmo do seu adestramento.

B) Armar a ave.

Unha vez obtida a ave, procédese a armala, é dicir, a equipala cos elementos necesarios para o seu manexo e seguridade durante o amansamento, o adestramento e a caza.

Os elementos que conforman o armado da ave son os seguintes:

• Piogas: son unhas correas que se colocan nas pernas e que permiten suxeitala á luva ou percha.

• Cascabeis: van colocados tamén nas pernas e serven para localizar a ave no voo.

• Capucha: vai sobre a cabeza da ave para mantela tranquila e para lle evitar estímulos visuais innecesarios.

• Anel de identificación: contén a información de rexistro e un elemento obrigatorio por lei.

Este equipamento debe estar fabricado con materiais lixeiros, resistentes e non invasivos para garantir o benestar do animal. A forma de armar pode variar segundo a especie e o tipo de caza que se vaia desenvolver.

C) Amansamento.

O primeiro proceso práctico que inicia a relación entre o animal e o cetreiro é o amansamento, co obxectivo de acostumar a ave á presenza e ao contacto co ser humano e de que supere o seu natural instinto de defensa ou fuxida.

Con este fin, mantense a ave na luva do cetreiro durante longos períodos, alimentándoa directamente desde a man e falándolle con voz suave. O contacto visual é constante e a contorna debe ser controlada para minimizar o estrés.

Este proceso pode durar desde uns días ata varias semanas, dependendo do carácter da ave e da experiencia do cetreiro.

O éxito do amansamento é fundamental, xa que del depende o establecemento dunha relación de confianza mutua que sosterá todo o proceso posterior.

D) Adestramento.

Unha vez superadas as fases anteriores, comeza o proceso técnico do adestramento, no que se lle aprende á ave a obedecer comandos, responder a estímulos e executar voos de captura.

Pódense diferenciar as seguintes fases do adestramento:

1. Chamada á luva: a ave aprende a voar distancias curtas ata a man do cetreiro, guiada polo alimento.

2. Traballo con cebo: adéstrase a presa para que ataque o cebo en movemento, simulando a captura dunha presa real.

3. Voo libre controlado: progresivamente elimínase o uso do fiador (cordón longo), e a ave voa libremente baixo supervisión e con localización a través da telemetría.

4. Obediencia e retorno: refórzanse os reflexos de regreso ao cetreiro tras o voo mediante un premio inmediato.

O adestramento varía segundo a especie (falcóns, azores, harris etc.), a contorna, o método empregado e a experiencia do cetreiro, e pode estenderse dun a varios meses.

Durante esta fase, consolídanse os instintos predadores naturais da ave, canalizados a través da técnica cetreira.

E) Caza.

Unha vez completado o adestramento, a ave está preparada para entrar na fase activa da caza. Esta fase adoita coincidir coa tempada cinexética (outono-inverno) e é o momento no que a cetraría acada a súa máxima expresión práctica e simbólica.

Nesta fase, a ave é liberada para detectar, perseguir e capturar presas vivas, baixo a coordinación do cetreiro. Pode usarse caza de altanaría (con falcóns desde grande altura) ou baixo voo (con azores ou outras rapaces), segundo a contorna e o tipo de presa. En ocasións, emprégase un can de mostra como auxiliar no rastrexo de presas terrestres.

F) Muda.

Tras rematar a tempada de caza, chega a fase de muda, un proceso biolóxico natural durante o cal a ave cambia progresivamente a súa plumaxe.

Son características desta fase da muda as seguintes:

• A ave reduce a súa actividade física ao mínimo.

• Axústase a súa dieta para favorecer o crecemento de plumas novas e saudables.

• Proporciónaselle unha contorna tranquila, con condicións de luz, temperatura e humidade controladas.

Cada unha destas fases –desde a obtención da ave ata a muda– non só responde a necesidades técnicas, senón que forma parte dun ciclo cultural transmitido oralmente, cheo de significados, valores e sabedoría tradicional. Esta secuencia temporal e operativa é un reflexo do equilibrio entre natureza, técnica e tradición, e é precisamente este equilibrio o que lle outorga á cetraría o seu alto valor como patrimonio cultural inmaterial.

6. A comunidade portadora e as formas de transmisión.

Segundo a documentación que consta no expediente administrativo, en Galicia esta continuidade atopa hoxe expresión nunha comunidade de practicantes suficientemente definida, organizada ao redor de asociacións e entidades que desenvolven unha notable actividade de formación, divulgación e salvagarda desta tradición.

A través delas mantense a transmisión de técnicas tradicionais, favorécese a aprendizaxe de novos cetreiros e promóvese o coñecemento público dunha actividade cuxa dimensión cultural transcende amplamente o ámbito estritamente deportivo ou recreativo.

A iso debe engadirse a existencia de profesionais especializados na cría de aves rapaces, de artesás e artesáns dedicados á elaboración dos instrumentos propios da cetraría e de persoas expertas que aplican estes coñecementos en campos tan diversos como a educación ambiental, a conservación da fauna e o control biolóxico. Tales aplicacións responden a necesidades contemporáneas, pero afunden as súas raíces nun saber acumulado durante séculos e transmitido de xeración en xeración.

7. Valoración cultural.

As consideracións expostas ata aquí permiten abordar a valoración cultural da manifestación inmaterial e, polo tanto, determinar se a cetraría reúne os requisitos esixidos pola lexislación galega para ser recoñecida como ben de interese cultural de carácter inmaterial.

O concepto de patrimonio cultural inmaterial definido tanto pola Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO coma pola Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, nace dunha idea coincidente: forman parte do patrimonio cultural aquelas prácticas, coñecementos, técnicas e expresións que, transmitidas de xeración en xeración, son recoñecidas polas comunidades como parte integrante da súa herdanza cultural.

Desde esta perspectiva, a valoración non pode descansar exclusivamente sobre a antigüidade da práctica nin sobre o seu maior ou menor difusión nun momento determinado. O determinante é a concorrencia dun conxunto de valores históricos, culturais e sociais suficientemente acreditados pola investigación científica, valores que no caso da cetraría concorren de maneira suficientemente fundada.

En primeiro lugar, porque a documentación histórica dispoñible permite afirmar que esta práctica formou parte da cultura da nobreza galega durante a Idade Media e que se inseriu plenamente nas formas de vida propias da aristocracia occidental.

En segundo termo, porque a evidencia documental e artística conservada permite afirmar que a cetraría deixou unha pegada perceptible no patrimonio histórico galego, tanto a través das fontes escritas como mediante representacións escultóricas e iconográficas cuxa interpretación resulta plenamente coherente co contexto histórico en que foron realizadas.

Ao anterior cabe engadir o importante caudal de coñecementos técnicos transmitidos tradicionalmente entre xeracións de practicantes, circunstancia que sitúa a cetraría dentro das manifestacións culturais cuxa continuidade depende esencialmente da transmisión de saberes especializados.

Non menos significativa resulta a existencia dunha comunidade portadora actual que mantén viva esa tradición e que garante a continuidade dos coñecementos que a caracterizan, adaptándoos ás condicións sociais e xurídicas do presente sen alterar os elementos fundamentais que definen a súa identidade histórica.

Tampouco pode obviarse que a consideración da cetraría como patrimonio cultural non constitúe unha construción recente. A ampla atención que lle dedicou a historiografía especializada, o recoñecemento internacional outorgado pola UNESCO e as iniciativas promovidas en distintos países europeos poñen de manifesto que nos atopamos ante unha manifestación cultural cuxo interese transcende amplamente o ámbito local e cuxa presenza en Galicia aparece suficientemente documentada.

En consecuencia, do exame conxunto das fontes históricas, da bibliografía especializada e da realidade contemporánea da práctica pode concluírse que a cetraría posúe un valor cultural sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que é susceptible de ser declarada ben de interese cultural.

ANEXO II

Medidas de salvagarda

A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial garantirase a través das medidas dirixidas a garantir a súa viabilidade, que comprenden a identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos.

Na manifestación inmaterial da cetraría existe en Galicia unha comunidade portadora activa, estruturada e cohesionada arredor de asociacións, federacións e clubs, que desenvolven un papel clave na salvagarda, promoción e actualización do patrimonio cetreiro. Entre elas, está a Asociación Galega de cetraría e Conservación de Aves de Presa (AGECCA), a AGCCA cetraría (Asociación Deportiva de Cetreros), a Sociedade Galega de cetraría e a Federación Galega de Caza, que ampara esta modalidade como disciplina cinexética regulada.

A dimensión asociativa foi clave para o recoñecemento social e legal da cetraría como actividade regulada e respectuosa, e é tamén a principal canle de transmisión comunitaria do saber cetreiro.

Estas entidades promoven e deberán seguir a promover actividades que contribúan á salvagarda da manifestación inmaterial, como:

• Competicións oficiais e reunións de voo.

• Xornadas de caza tradicionais, con participación interxeracional.

• Feiras, exhibicións e demostracións públicas nas que se explican os fundamentos da cetraría e onde se mostra a súa dimensión educativa e cultural.

• Charlas, conferencias e accións formativas, tanto para novos practicantes como para a cidadanía xeral.

Así mesmo, a transmisión dos saberes da cetraría foi historicamente oral, práctica e vivencial, aínda que na actualidade se debe complementar con:

• Publicacións especializadas e manuais técnicos.

• Formación regulada (cursos oficiais, licenzas, obradoiros).

• Foros dixitais e redes sociais, que facilitaron o intercambio interrexional e internacional.