DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 13 de outubro de 2026 Páx. 52310

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se acorda abrir o período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior, escala superior de sistemas e tecnoloxías da información; corpo de xestión, escala de xestión de sistemas e tecnoloxías da información; e corpo administrativo, escala de técnica/o especialista en tecnoloxías e sistemas da información da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Resolución do 25 de maio de 2026 (DOG núm. 99, do 29 de maio), convocouse o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior, escala superior de sistemas e tecnoloxías da información; corpo de xestión, escala de xestión de sistemas e tecnoloxías da información; e corpo administrativo, escala de técnica/o especialista en tecnoloxías e sistemas da información da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Resolución do 18 de xuño de 2026 (DOG núm. 118, do 26 de xuño).

A base VI da convocatoria establece que, «rematado o período de presentación de solicitudes de participación, se publicará no DOG a apertura dun prazo de dez días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo xunto coa documentación complementaria que sexa precisa segundo o sinalado nos números seguintes».

Así mesmo, a base VII da convocatoria do concurso determina que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso. Do mesmo modo, establece que se poderá xustificar a posesión de méritos e requisitos ata o último día do prazo de solicitudes de elección de postos de traballo.

Doutra banda, mediante a Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, dítanse as instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro). Esta resolución ten por obxecto a regulación do contido, uso, acceso e efectos dos datos almacenados de forma electrónica no expediente persoal electrónico ao que se accede a través da plataforma da canle do emprego público de Galicia (Fides).

Na instrución cuarta da Resolución do 5 de decembro de 2023, establécese que os datos do expediente electrónico se empregarán na tramitación dos procesos de provisión de postos de traballo, polo que as persoas que participan no concurso de traslados convocado deberán achegar a documentación acreditativa dos seus méritos do xeito previsto na citada resolución a través da canle do emprego público de Galicia (Fides).

En cumprimento do disposto anteriormente e co obxecto de que as persoas concursantes poidan solicitar os postos e acreditar os méritos e requisitos, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e prazos

Publicar o prazo para presentar as solicitudes de elección de postos de traballo e a documentación que deba acompañala e publicar o procedemento que se deberá seguir para xustificar a posesión dos méritos e requisitos específicos para o acceso aos postos.

O prazo habilitado para presentar a solicitude de elección de postos de traballo e xustificar a posesión de méritos e requisitos será de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, concretamente desde o 14 de outubro ao 27 de outubro de 2026.

Segundo. Solicitudes de elección de postos

Durante o prazo indicado no punto primeiro, as persoas concursantes poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I da resolución de convocatoria, aos que se engaden as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. O persoal funcionario de carreira que pertenza a dous ou máis corpos ou escalas poderá solicitar un mesmo posto desde unha ou máis das escalas desde as que participe.

A relación de postos ofertados en resultas publícase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta e na canle do emprego público de Galicia (Fides), https://fides.xunta.gal

A solicitude de elección de postos de traballo deberá presentarase por vía electrónica a través da canle do emprego público de Galicia (Fides). Soamente se admitirán as solicitudes que se presenten consonte o procedemento establecido.

Entenderase que renuncian a participar no concurso todas aquelas persoas que formulasen unha solicitude de participación, pero non presenten unha solicitude de elección de postos de traballo.

Terceiro. Documentación que debe acompañar a solicitude de postos

1. A documentación deberá presentarase por vía electrónica a través da canle do emprego público de Galicia (Fides), coas condicións indicadas nas bases da convocatoria para a documentación orixinal en papel, que deberá presentarse nas oficinas de rexistro acompañada dunha «achega separada da solicitude» dispoñible para a súa xeración e impresión no apartado «concurso de traslados».

2. As persoas concursantes que desexen acollerse á petición condicionada deberán facelo constar na solicitude de elección de postos e achegar a documentación indicada na base VI.7 da convocatoria, segundo o indicado no primeiro parágrafo deste punto.

3. O persoal que solicite a conciliación por residencia familiar ou por persoa coidadora deberá achegar en prazo a documentación indicada nas bases VI.9 ou VI.10, segundo o indicado no primeiro parágrafo deste punto.

No caso de que a documentación non se emitise en prazo por causas alleas á persoa concursante, esta deberá presentar a xustificación documental de que a solicitou no tempo e na forma oportunos; suposto no que se admitirá a súa presentación ata o momento da finalización do prazo de reclamacións ás listaxes de puntuacións provisionais, de acordo coas bases da convocatoria.

4. O persoal que participa desde outras administracións deberá presentar a documentación indicada na base VI.8 da convocatoria e xustificar a devandita situación administrativa na data de fin de méritos. Así mesmo, no seu expediente persoal electrónico en Fides deberán constar os nomeamentos como persoal funcionario de carreira nos corpos ou nas escalas desde as que desexe participar.

No caso de que a documentación non se emitise en prazo por causas alleas á persoa concursante, esta deberá presentar xustificación documental de que a solicitou no tempo e na forma oportunos; suposto no que se admitirá a súa presentación ata o momento da finalización do prazo de reclamacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, de acordo coas bases da convocatoria.

Cuarto. Procedemento de acreditación de méritos e requisitos

1. A base VII da convocatoria do concurso establece que os méritos e os requisitos deberán acreditarse de conformidade co procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no devandito procedemento.

2. As persoas concursantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos valorables no concurso ao que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico ao cal accederán a través da canle do emprego público de Galicia (Fides), do xeito establecido nos puntos 3 e 4 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023.

Ao acceder comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:

a) No suposto de que estea conforme cos datos do seu expediente, non precisará realizar ningunha actuación.

b) No suposto de que os méritos e requisitos non consten ou estean incompletos, deberá incorporalos e presentalos no seu expediente electrónico persoal xunto coa documentación acreditativa.

c) No suposto de que non teña recollido no seu expediente electrónico persoal algún período da súa experiencia profesional interna na Xunta de Galicia ou de que atope erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado», poderá presentar alegacións a través do formulario de reclamacións que está á disposición no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na páxina https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracion-de-reclamacions/, que deberá cubrirse e presentarse electronicamente.

d) No suposto de que os méritos ou requisitos se atopen no estado «acreditación documental incompleta», deberán ser acreditados para que se poidan ter en conta.

3. O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta», rematará segundo o indicado no punto primeiro desta resolución.

4. Os méritos reflectidos no expediente electrónico persoal no estado de validados serán os que teña en conta a Comisión de Valoración do concurso e sempre referidos á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso.

5. Non se terán en conta neste proceso máis méritos que aqueles que figuren no expediente persoal electrónico das persoas aspirantes ao remate do prazo establecido no punto primeiro desta resolución. Consecuentemente, non resultarán baremables aqueles méritos que se presentasen ou acreditasen documentalmente con posterioridade a esta data.

Por se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirá, despois de rematar o prazo de acreditación de méritos e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos, aínda que consten rexistrados na solicitude de actualización ou modificación do expediente persoal. Exceptúase aquela documentación que, xustificándoa documentalmente neste mesmo prazo, fose solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non se recibise no indicado prazo. Neste suposto, admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións ás puntuacións provisionais.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal