DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 16 de outubro de 2026 Páx. 52844

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2026 pola que se modifica a Resolución do 11 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición ou autopromoción de vivendas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento VI501B).

1. O 19 de agosto de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 11 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición ou autopromoción de vivendas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento VI501B).

En virtude do apartado primeiro do ordinal sexto da citada resolución, «esta axuda ten por obxecto facilitar ás persoas mozas o acceso a unha vivenda en réxime de propiedade localizada nun concello con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes, mediante a concesión dunha subvención para a súa adquisición».

Alternativamente, ten por obxecto facilitarlles ás devanditas persoas a autopromoción dunha vivenda localizada nun concello con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes mediante a concesión dunha subvención para a devandita autopromoción.

2. O ordinal sétimo da Resolución do 11 de agosto de 2026, baixo a rúbrica «Requisitos das persoas beneficiarias», establece que, para o suposto de adquisición dunha vivenda, se exixirá, entre outros requisitos, «ter subscrito dentro do prazo sinalado na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos sinalados nestas bases reguladoras».

Para estes efectos, o ordinal trixésimo primeiro da devandita resolución establece que «de conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 326/2026, do 22 de abril, poderán solicitar as axudas obxecto desta convocatoria as persoas que subscribisen un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, ou que fosen iniciadas as obras de autopromoción a partir do 1 de xaneiro de 2026 nos termos previstos nesta resolución. Para o suposto da autopromoción de vivenda, as obras deberán estar rematadas na data de presentación da solicitude da axuda».

3. Logo de publicarse a citada resolución, obsérvase que a previsión recollida no seu ordinal trixésimo primeiro lles impide acceder ás axudas para a adquisición de vivenda en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes a aquelas persoas que a adquiriron por compravenda no período comprendido entre o 16 de outubro de 2025 e o 31 de decembro de 2025, as cales tampouco puideron acceder ás devanditas axudas a través da Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se convocou o programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (código de procedemento VI501A), por rematar o prazo de presentación desas solicitudes o 15 de outubro de 2025 segundo o ordinal noveno da devandita resolución.

4. Por outra banda, o apartado primeiro do ordinal trixésimo da citada resolución establece que «as axudas previstas nesta convocatoria se farán efectivas con cargo á aplicación 11.81.451B.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma por un importe total de 2.000.000,00 de euros para a anualidade 2026».

De acordo co apartado segundo do devandito ordinal, «o financiamento faise con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2026 do Programa de axuda á compra ou autopromoción en concellos de 10.000 habitantes ou menos para a emancipación das persoas mozas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2026-2030».

5. Co fin de lles dar cobertura aos supostos que, en aplicación dos requisitos exixidos nas resolucións do 30 de decembro de 2024 e do 11 de agosto de 2026, quedarían excluídos da posibilidade de resultar beneficiarios das axudas para adquirir vivendas en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes nas dúas convocatorias polas razóns antes expostas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo considera necesario modificar a Resolución do 11 de agosto de 2026, de forma que se admitan as adquisicións de vivendas formalizadas a partir do 16 de outubro de 2025. A devandita modificación exixe ampliar o crédito orzamentario da convocatoria co obxecto de incluír a modalidade de financiamento con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma, os cales unicamente lles darán cobertura económica ás adquisición realizadas entre o día 16 de outubro de 2025 e o 31 de decembro do devandito ano.

Polo exposto, en atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o apartado segundo do ordinal trixésimo da Resolución do 11 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición ou autopromoción de vivendas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento VI501B), que pasa a ter a seguinte redacción:

«O financiamento desta convocatoria faise con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2026 do Programa de axuda á compra ou autopromoción en concellos de 10.000 habitantes ou menos para a emancipación das persoas mozas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2026-2030, así como con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma para aquelas adquisicións de vivendas formalizadas no período comprendido entre o 16 de outubro e o 31 de decembro de 2025».

Segundo. Modificar o ordinal trixésimo primeiro da Resolución do 11 de agosto de 2026, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Poderán solicitar as axudas para a modalidade de adquisición de vivenda as persoas que subscribisen un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda a partir do 16 de outubro de 2025.

De conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 326/2026, do 22 de abril, para o suposto da autopromoción de vivenda, as obras de autopromoción deberán estar iniciadas a partir do 1 de xaneiro de 2026 nos termos previstos nesta resolución e rematadas na data de presentación da solicitude da axuda».

Terceiro. Ampliar a dotación orzamentaria para a aplicación 11.81.451B.780.5 da convocatoria de 2026 das axudas para adquirir vivendas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes en 300.000,00 euros, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.

Esta modificación non require a apertura dun novo prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día de súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo