Mediante a Orde do 16 de xuño de 2020 habilitáronse determinados colectivos de empregados públicos para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, co fin de posibilitar a sinatura electrónica de actas, denuncias, informes e demais documentos derivados do exercicio de funcións de inspección, vixilancia e control, preservando a identidade do persoal que actúa como axente da autoridade.
A citada orde ditouse ao abeiro do disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, que regula os sistemas de identificación e sinatura electrónica no ámbito do sector público autonómico e permite o uso de certificados baseados nun pseudónimo cando resulte necesario para garantir a seguridade do persoal ao servizo das administracións públicas no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección ou control.
De conformidade co establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, correspóndelles ás persoas titulares das consellerías o exercicio da potestade regulamentaria nas materias propias do seu departamento.
De acordo coa estrutura orgánica vixente, establecida polo Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se determina a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e desenvolvida para a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático polo Decreto 137/2024, do 20 de maio, modificado polo Decreto 192/2024, do 9 de decembro, correspóndelle a este departamento o exercicio das competencias en materia de ambiente, conservación do patrimonio natural, protección das augas, loita contra o cambio climático, así como enerxías renovables e de xestión e ordenación do litoral. As citadas disposicións establecen igualmente a adscrición á consellería da entidade pública empresarial Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, cuxo estatuto foi aprobado mediante o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, modificado polo Decreto 50/2023, do 11 de maio.
A experiencia acumulada desde a entrada en vigor da Orde do 16 de xuño de 2020 pola que se habilitan determinados colectivos para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega puxo de manifesto a conveniencia de estender esta habilitación a outros colectivos que desenvolven funcións de vixilancia, inspección e control coa condición de axentes da autoridade e que, pola natureza das súas funcións, poden expoñerse a situacións que aconsellen a protección da súa identidade nas actuacións administrativas que formalicen.
En particular, o persoal da escala de gardas de recursos naturais adscrito aos servizos competentes en materia de patrimonio natural exerce funcións de policía e custodia da riqueza ictícola e cinexética, así como dos espazos naturais, formulando as denuncias que procedan no seu ámbito de actuación. Estas funcións concrétanse na vixilancia e no control conforme o disposto na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, na Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia.
Así mesmo, como consecuencia do Real decreto 394/2025, do 13 de maio, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral, intégrase na Administración autonómica persoal funcionario que desenvolve funcións de vixilancia, inspección e denuncia no ámbito do dominio público marítimo-terrestre. En particular, os axentes do litoral destinados nos servizos provinciais do litoral realizan actuacións que poden requirir a formalización de actas, informes, denuncias e demais documentos administrativos, actuando coa condición de axentes da autoridade nos termos previstos na normativa aplicable.
Por razóns de coherencia organizativa, seguridade xurídica e adecuada protección do persoal no exercicio das funcións públicas de autoridade, modifícase a Orde do 16 de xuño de 2020 para incluír expresamente estes colectivos entre os habilitados para o emprego do certificado dixital de pseudónimo.
En virtude do disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e no artigo 73 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 16 de xuño de 2020 pola que se habilitan determinados colectivos para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega
Engádense os seguintes números 6 e 7 ao artigo 2, que quedan redactados da seguinte forma:
«6) O persoal funcionario da escala de gardas de recursos naturais adscrito aos servizos provinciais de patrimonio natural, cando desempeñe funcións de vixilancia, inspección, control e denuncia no exercicio das súas competencias conforme a normativa da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e a Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia.
7) O persoal funcionario que desempeñe postos de axente do litoral nos servizos provinciais do litoral cando, no exercicio das súas funcións de vixilancia, inspección, control e denuncia en relación co incumprimento dos termos en que foron outorgadas as autorizacións e as concesións de ocupación do dominio público marítimo-terrestre no litoral de Galicia, así como as autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar, actúe coa condición de axente da autoridade».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
