ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA
Disposicións Adicionais

PRIMEIRA

  1. Cédeselle á Comunidade Autónoma, nos termos previstos no parágrafo 3 desta disposición, o rendemento dos seguintes tributos:
    • a) Imposto sobre o patrimonio neto.
      b) Imposto sobre transmisións patrimoniais.
      c) Imposto sobre sucesións e doazóns.
      d) Imposto sobre o luxo que se recade en destino.

      A eventual supresión ou modificación dalgún destes impostos implicará a extinción ou modificación da cesión.

  2. O contido desta disposición poderase modificar mediante acordo do Goberno coa Comunidade Autónoma, que será tramitado polo Goberno como proxecto de lei. Para estes efectos, a modificación da presente disposición non se considerará modificación do Estatuto.
  3. O alcance e condicións da cesión serán establecidos pola Comisión Mixta a que se refire o apartado 1 da disposición transitoria cuarta que, en todo caso, terá que os referir a rendementos en Galicia. O Goberno tramitará o acordo da Comisión como proxecto de lei ou, de concorreren razóns de urxencia, como decreto-lei, no prazo de seis meses despois da constitución da Primeira Xunta de Galicia.

SEGUNDA

O exercicio das competencias financeiras recoñecidas por este Estatuto á Comunidade Autónoma de Galicia axeitarase ó que estableza a lei orgánica a que se refire o apartado 3 do artigo 157 da Constitución

TERCEIRA

  1. A Xunta coordenará a actividade das Deputacións Provinciais de Galicia en canto afecte directamente ó interese xeral da Comunidade Autónoma, e para estes efectos uniranse os orzamentos que aqueles elaboren e aproben ó da Xunta de Galicia.
  2. A Xunta poderá encomenda-la execución dos seus acordos ás Deputacións Provinciais. Estas exercerán as funcións que a Xunta lles transfira ou delegue.

CUARTA

A celebración de eleccións aterase ás leis que, se é o caso, aproben as Cortes Xerais co fin exclusivo de coordena-lo calendario das diversas consultas electorais.