- 8(2022 - actualidade)Alfonso Rueda Valenzuela
Naceu no ano 1968. Está casado e ten dúas fillas.
É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e ten o diploma de Directivo da Xunta de Galicia. Funcionario de Administración Local, con habilitación nacional, categoría superior.
Foi secretario nos concellos de Cervantes, A Cañiza, e Cambados e secretario-interventor da Mancomunidade da Paradanta.
Ocupou os cargos de xefe do Gabinete da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e de director xeral de Administración Local da Xunta de Galicia.
É presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra.
Foi conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza desde abril de 2009 e vicepresidente desde 2012.
No ano 2020 foi nomeado vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo.
Desde maio de 2022 é presidente da Xunta de Galicia.
- 7(2009 - 2022)Alberto Núñez Feijóo
Naceu en Ourense en setembro de 1961. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, posúe o diploma de directivos da Xunta de Galicia e é funcionario da Administración autonómica, onde ingresou no 1985 como membro do corpo superior da Administración xeral da Xunta.
En xullo de 1991 foi nomeado secretario xeral técnico da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e accedeu, tres meses máis tarde, á Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, para desempeñar ata 1996 o cargo de secretario xeral. Desde 1992 a 1996 exerceu o cargo de vicepresidente e secretario xeral do Servizo Galego de Saúde.
Posteriormente, no ano 1996 e ata o ano 2000, ocupou os cargos de secretario xeral de Asistencia Sanitaria no Ministerio de Sanidade e Consumo e foi presidente do Insalud.
Entre maio de 2000 e xuño de 2001 exerceu de conselleiro-director xeral da entidade pública empresarial Correos e Telégrafos e, desde xuño de 2001 ata xaneiro de 2003, foi presidente da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos SA.
Accedeu ao cargo de conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o 18 de xaneiro de 2003, e foi nomeado vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia o 10 de setembro de 2004.
En outubro de 2003 foi distinguido coa Gran Cruz de Isabel A Católica.
Foi presidente da Xunta de Galicia desde abril de 2009 ata maio de 2022.
- 6(2005 - 2009)Emilio Pérez Touriño
Naceu en A Coruña o 8 de agosto de 1948. É doutor en Ciencias Económicas e profesor numerario na Universidade de Santiago de Compostela, onde foi Vicerreitor para Asuntos Económicos. Está casado e ten dous fillos. Ten realizado estudos de especialización no Instituto de Investigación e Planificación do Desenvolvemento na Universidade de Grenoble –Francia.
É autor de numerosos estudos sobre a economía e a sociedade galega, e como experto en desenvolvemento rexional e economía agraria no marco da Unión Europea. Premio Nacional de Publicacións Agrarias en 1982. Pérez Touriño dirixiu, asemade, traballos e publicacións en relación coas infraestruturas e o crecemento económico de Galicia.
Comprometido dende a súa mocidade cos movementos democráticos de loita coas liberdades, dirixente estudantil e activo militante progresista durante a transición democrática, participou directamente no proceso do Estatuto de Autonomía de Galicia e nos pactos do Hostal que o posibilitaron.
Posteriormente, na súa traxectoria política cumpre sinalar a súa participación nos gobernos socialistas dende 1985 a 1994. Foi subsecretario do Ministerio de Transportes, Turismo e Comunicacións, pasando despois a desenvolver a súa actividade na Secretaría Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Obras Públicas, Transporte e Medio Ambiente. Nesta época asumiu a responsabilidade das grandes obras de infraestruturas viarias e ferroviarias da modernización de España.
É precisamente como responsable de Infraestruturas dende onde asumiu a tarefa de finaliza-la Autopista do Atlántico, a execución das autovías de enlace con Galicia coa Meseta e os convenios coas grandes cidades galegas.
En 1997, cando era Deputado en Cortes, renunciou ó seu escano no Congreso dos Deputados para participar no proceso electoral autonómico dese mesmo ano como integrante na candidatura do PSdeG. Sae elixido deputado e convértese no Portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia. En outubro de 1998 é proclamado Secretario Xeral por unha ampla maioría, sendo reelexido no 2000 e no 2004.
- 5(1990 - 2005)Manuel Fraga Iribarne
Naceu en Vilalba (Lugo) en 1922. Licenciado en Dereito, iniciou a súa actividade política en 1951 como secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica. Posteriormente, ocupou os cargos de secretario xeral do Consello Nacional de Educación, de secretario xeral técnico do Ministerio de Educación, da Comisión de Asuntos Exteriores das Cortes e director do Instituto de Estudos Políticos. En 1962 foi nomeado ministro de Información e Turismo e, en 1973 foise ao Reino Unido como embaixador ata o ano 1975. En decembro de 1975 foi nomeado vicepresidente do Goberno para Asuntos do Interior e ministro da Gobernación, ata xullo de 1976.
En 1977 crea o partido Alianza Popular e en novembro de 1979 é elixido presidente do mesmo. É elexido deputado por Madrid de 1977 a 1986 e convértese en xefe da oposición no Congreso dos Deputados entre 1982 e 1986.
Formou parte xunto a Gabriel Cisneros, José Pedro Pérez Llorca, Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón, Miguel Roca, Jordi Solé Tura e Gregorio Peces Barba da ponencia encargada da redacción da actual Constitución.
Tras as eleccións de 1989, Manuel Fraga accedeu, por maioría absoluta, á presidencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Tomou posesión o 5 de febreiro de 1990. Foi reelixido neste cargo en tres ocasións máis, ocupando a presidencia de Galicia até o ano 2005. Entre os anos 2006 e 2011 foi senador designado polo Parlamento galego.
Faleceu en Madrid, aos 89 anos, o 15 de xaneiro de 2012.
- 4(1987 - 1990)Fernando González Laxe
Nado en A Coruña en 1952, Fernando González Laxe foi presidente da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE desde 1987 ata 1990, un mandato coñecido como Goberno Tripartito. Está casado e ten dous fillos. Na actualidade é profesor na Universidade de A Coruña.
Licenciado en Ciencias Económicas e doutor en Ciencias Económicas e Empresariais, en 1975 comezou a súa andaina profesional no eido da docencia como profesor de Estrutura Económica nun colexio universitario de A Coruña.
En 1977 ingresou no Partido Socialista de Galicia (PSdeG-PSOE). En 1978, comeza a súa carreira política. Foi subdirector Xeral de Pesca da Xunta Pre Autonómica (1979-1980); e posteriormente primeiro tenente de alcalde do Concello de A Coruña e voceiro do Grupo Socialista nesta institución desde 1979 a 1982.
En 1982 foi nomeado director Xeral de Ordenación Pesqueira do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Desde este posto, dirixiu as negociacións pesqueiras de España coa Comunidade Económica Europea (CEE). Foi, ademais, representante español na Conferencia Mundial da FAO sobre ordenación e desenvolvemento pesqueiro e no II Congreso Latinoamericano de Pesca.
En novembro de 1985 foi candidato á Presidencia da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE e, en 1987, González Laxe presentou, como voceiro do Grupo Socialista no Parlamento galego, unha moción de censura contra o Goberno de Fernández Albor. As conversas iniciadas para formar goberno deron como resultado un goberno de coalición entre o Partido Socialista de Galicia, Coalición Galega e o Partido Nacionalista Galego. O tripartito dirixido por Fernando González Laxe mantívose ata o ano 1990.
- 3(1982 - 1987)Gerardo Fernández Albor
Naceu en 1917 en Santiago de Compostela. Doutor en Medicina e Cirurxía. En 1981 iniciou a súa militancia política e tras a aprobación do Estatuto de Autonomía, en xaneiro de 1982, foi elixido presidente da Xunta de Galicia, organismo que presidiu ata o ano 1987.
En 1989 foi elixido eurodeputado, cargo que ocupou ata o ano 1999. Presidiu a Comisión para a reunificación de Alemaña no Parlamento europeo. Tamén foi presidente da Comisión de Asuntos Exteriores, vicepresidente da Delegación América do Sur o Mercosur, vicepresidente do Centro Latinoamericano para las Relaciones con Europa (CELARE), vicepresidente do Buró Político do Partido Popular Europeo e presidente/fundador do Intergrupo Camiño de Santiago no Parlamento europeo.
Recibiu distintas condecoracións e medallas nacionais e internacionais, como:
- Medalla de Ouro de Santiago de Compostela (2009), ademais de ser nomeado fillo predilecto da cidade
- Gran cruz da Orde de Isabel a Católica
- Medalla de Ouro do Senado de España
- Gran cruz do Mérito con Estrela da Orde de Mérito da República Federal de Alemaña
- Medalla Robert Schumandalla de Ouro, de todos os centros galegos do mundo
- Medalla de Ouro ao Mérito Europeo
- Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo
En 2009 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia.
Faleceu en Santiago de Compostela o 12 de xullo de 2018.
- 2(1979 - 1982)José Quiroga Suárez
Nacido en Petín (Ourense) en 1920. Foi alcalde do Concello de Valdeorras entre 1953 e 1956 e senador electo por Ourense en catro lexislaturas desde o ano 1977.
Médico de profesión, fundou xunto a Pío Cabanillas o Partido Popular e a UCD. En 1979 accedeu á presidencia da Xunta preautonómica, cargo que ostentou ata o ano 1982, cando se celebraron as eleccións e foi elexido Gerardo Fernández Albor. Foi ademais deputado do Parlamento galego, conselleiro de Sanidade e Traballo.
Faleceu o 18 de outubro de 2006.
- 1(1978-1979)Antonio Rosón
Naceu en Becerreá (Lugo) en 1911. Licenciado en Dereito, foi presidente da Cámara Sindical Agraria e do Comité Executivo da UCD. Tamén presidíu a Deputación Provincial de Lugo entre os anos 1949 e 1951. Foi impulsor da tradución ao galego da Constitución Española.
No ano 1978 converteuse no primeiro presidente da Xunta, creada tras a aprobación da Constitución española de 1978, durante o periodo denominado "Galicia preautonómica". Nestes anos déronse os primeiros pasos para a creación da que sería a Xunta coas competencias actuais. Foi o primeiro presidente do Parlamento de Galicia, entre os anos 1981 e 1986, ano do seu falecemento.