Medallas de Galicia 2016
Medallas de Ouro 2016
2016
Manuel Gallego Jorreto
O Carballiño, 1936
Arquitecto
Licenciado e doutor en Arquitectura, ten un ampla traxectoria e un gran recoñecemento na súa disciplina.
Comezou a traballar no estudio de Alejandro de la Sota, logo de completar a súa formación en Noruega.
Tamén exerceu como profesor no departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismos da Universidade da Coruña durante máis de 20 anos.
Aínda que traballou en vivendas privadas, os edificios máis recoñecidos están dentro das obras promovidas polas administracións públicas:
- Concello de Forcarei,
- Mercado de Santa Lucía (A Coruña),
- Casa da Cultura de Chantada,
- Centro de Saúde de Viveiro,
- Museo de Belas Artes da Coruña
- ou o Complexo da Xunta en Monte Pío
Tamén cómpre destacar a súa actividade para promover a nosa cultura: foi membro fundador do Museo do Pobo Galego en 1976, así como membro do Seminario de Estudios Galegos e da Fundación Luis Seoane.
Ten numerosos recoñecementos, entre os que destaca o Premio Nacional de Arquitectura, a Medalla Castelao ou a Medalla de Ouro de Arquitectura.
2016
Francisco Leiro Lois
Cambados, 1957
Escultor
Comezou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Santiago, completándoa na de Belas Artes de Madrid.
Hoxe é unha das principais referencias da escultura galega. Ten unha prolífica obra nesa disciplina e tamén como pintor.
Representou a España en 1985 na Bienal de São Paulo e, desde 1986, expuxo regularmente en ARCO (Madrid), en Italia e Francia ou tamén en Nova York, nalgunhas das galerías máis prestixiosas da arte contemporánea.
Moitas das súas obras son iconas recoñecidas dalgunhas cidades galegas e españolas, como:
- a figura dun animal fantástico coñecido como Sireno, na Porta do Sol de Vigo,
- a Homenaxe a Castelao, na Alameda de Santiago de Compostela,
- a Batea ou "Saavedra” sobre o río Lérez no Parque da Illa das Esculturas de Pontevedra,
- o Astronauta, Valdemoro (Madrid),
- Vértigo, na autovía M50 de Madrid
- e Simeón sentado, Madrid (2007).
Leiro converteu as súas xigantescas esculturas en ferro e madeira en algunhas das iconas máis recoñecibles da arte galega en todo o mundo.
2016
Basilio Losada Castro
Láncara, 1930
Catedrático, tradutor e escritor
É catedrático de Filoloxía Románica pola Universidade de Barcelona e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa.
Emigrante en Cataluña desde moi novo, despois de diversos oficios vinculados ao mundo editorial comezou a exercer a ensinanza universitaria, onde se converteu nos anos 60 e 70 en referencia da cultura galega en Cataluña.
Autor de numerosos estudos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira, ten traducido 150 libros en sete linguas.
A dimensión literaria da súa obra destaca nos seus traballos de Antoloxía e Escolma de poesía galega, publicados en edicións bilingües fóra de Galicia e que constitúen valiosas referencias da poesía galega.
En 1991 recibiu o Premio Nacional de tradución por Memorial do convento, de José Saramago.
Recibiu ademais a Creu de Sant Jordi, da Generalitat de Cataluña; a Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, que outorga o goberno portugués; a Ordem do Cruzeiro do Sul, de Brasil; a Medalla Castelao ou o Premio Otero Pedrayo.
Xubilouse como catedrático no ano 2000, aínda que segue a impartir clases e tamén escribindo: aos setenta anos publicou o seu primeiro traballo de ficción, a novela La peregrina.
No ano 2015 a Real Academia Galega acorda nomealo Académico de Honra.
2016
Los Suaves
Ourense
Banda musical de rock e heavy metal
Los Suaves conforman unha das bandas máis sobranceiras do panorama musical da nosa terra.
Formada inicialmente polos irmáns Yosi, Charly e Javier Domínguez nos anos oitenta, comezaron os seus primeiros acordes no rock máis urbano. Posteriormente, o son comezou a verse paulatinamente máis influenciado do heavy metal.
Tendo actuado xunto a grupos como Los Ramones ou The Rolling Stones, asentáronse como unha das bandas máis consolidadas da escena do rock español chegando a vender máis de dous millóns de discos.
As súas letras e o seu estilo inconfundible teñen feito de Los Suaves un grupo mítico en Galicia e en España.
Discursos
- Discurso do presidente da Xunta de Galicia no acto de entrega das Medallas de Ouro de Galicia 2016