A Xunta inviste preto de 50.000 euros na reforma dos chans da Escola Infantil O Toxo
Galicia é a comunidade autónoma con maior ratio de escolarización en nenos de entre 0 e 3 anos e conta con máis de 32.000 prazas gratuítas
A obra permitiu mellorar a comodida e seguridade dos nenos e nenas que cada día acoden ao centro
Pontevedra, 9 de setembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou, xunto ao director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo José Rey, as instalacións da Escola Infantil O Toxo, onde a Xunta ven de financiar a renovación do piso de varias instancias.
As obras, que permitiron mellorar as instalacións do edificio, contaron cun orzamento de preto de 50.000 euros e, tal e como destacaron as traballadoras do centro, conseguiron mellorar a comodidade e seguridade dos nenos e nenas que cada día acoden á escola infantil.
Cabe destacar que nos últimos anos ten aumentado o número de solicitudes deste tipo de centros. Neste sentido, o director xeral destacou o “gran efecto” que tivo a gratuidade, a partir do ano 2022, da escolarización entre os 0 e os 3 anos: “Galicia é a comunidade autónoma con maior ratio de escolarización nesta franxa de idade de toda España”. Isto é posible, tal como explicou Rey, grazas ás máis de 32.000 prazas gratuítas que a Xunta pon a disposición das familias en toda Galicia.
Pola súa banda, o delegado territorial destacou os bos resultados que están a lograr as políticas de conciliación familiar e educación da Xunta e lembrou que Galicia é a primeira comunidade autónoma onde “calquera galego pode cursar dende a escola infantil ata a universidade de forma totalmente gratuíta”.