A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiron en Madrid á Conferencia Sectorial para la Mejora Regulatoria y el Clima de Negocios

A Xunta reclama unha distribución xusta dos fondos europeos e celebra que o Goberno central se sume á aposta pola desburocratización

Lorenzana puxo en valor o papel que está a xogar a Oficina Económica de Galicia como punto único de entrada para axilizar trámites e ofrecer asesoramento personalizado ás empresas galegas

José González valorou positivamente o establecemento dun marco regulatorio que unifique os procedementos pero reclamou que se teñan en conta as singularidades das diferentes comunidades autónomas e concellos

Os titulares das carteiras de Economía e Comercio afearon ao Goberno central o atraso na celebración desta conferencia, sen convocar deste xaneiro de 2023  

Madrid, 18 de setembro de 2024

Os conselleiros de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiron esta tarde á convocatoria da Conferencia Sectorial para la Mejora Regulatoria y el Clima de Negocios. Un encontro no que os representantes do Goberno galego aproveitaron para poñer en valor os avances en materia de desburocratización, axilización e simplificación administrativa que está a levar a cabo a Administración autonómica galega ao tempo que volveron exixir unha distribución máis xusta no reparto dos fondos europeos.

Neste senso, María Jesús Lorenzana reclamou ao ministro de Economía a abordaxe de asuntos fundamentais desde o punto de vista económico como é o desbloqueo de proxectos estratéxicos para as comunidades autónomas e unha descentralización dos fondos que veñen de Europa. “Dos 41.000 M€ dos fondos Next Generation quedan  máis do 50% sen convocar”, sinalou a  conselleira de Economía e Industria ao tempo que denunciou “o reparto inxusto que se está producindo na distribución destes fondos entre as comunidades autónomas”.

Con respecto ao impulso que está a darlle o Goberno da Xunta á implementación de medidas clave de desburocratización e simplificación administrativa, destacou a Oficina Económica de Galicia, adscrita ao Igape (Instituto Galego de Promoción Económica, ente dependente da Consellería de Economía e Industria), e a figura dos proxectos industriais estratéxicos, que se están a beneficiar dunha tramitación acelerada nun prazo máximo dun ano, permitindo así que as empresas desenvolvan as súas iniciativas dun xeito máis rápido e gañen en competitividade. 

Ordenza tipo de comercio minorista

Pola outra banda, no marco da conferencia sectorial de hoxe, abordouse tamén a aprobación dunha ordenanza tipo de comercio minorista, que ten como obxetivo establecer un procedemento uniforme en todos os concellos -actualizando o modelo de 2013- relativo á supresión das licenzas municipais vinculadas á apertura dos establecementos comerciais permanentes de menos de 750 m2, substituíndoas por outros medios de control máis áxiles, como as declaracións responsables.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou positivamente o establecemento dun modelo regulatorio que dote de uniformidade os procedementos de posta en marcha de actividades comerciais, sempre e cando, remarcou, se respecten as singularidades das diferentes comunidades autónomas e concellos. 

Nesta liña, destacou que a redución de trabas burocráticas é unha liña prioritaria pola que vén apostando de xeito estratéxico o Goberno galego e que constitúe un elemento clave para favorecer que máis emprendedores se animen a abrir os seus negocios, o que redunda, remarcou, na xeración de riqueza e emprego. Ademais, indicou que o impulso ao comercio en Galicia é unha prioridade para a Xunta e que actualmente está aberto o proceso de participación de todos os axentes do sector co propósito de elaborar, tendo en conta as súas achegas, o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Finalmente, os titulares de Economía e Comercio do Goberno galego solicitaron a convocatoria regular deste órgano de cooperación entre Estado e Comunidades autónomas e que levaba sen convocar desde xaneiro de 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2024