A Xunta apoia a xornada ‘Emprega-T Fest’ que celebra en Lugo a Universidade de Santiago para conectar empresas e persoas en busca de emprego
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na inauguración do evento, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias
A xornada recibe apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no marco do convenio coa USC para impulsar actividades orientadas a fomentar o emprego e a cultura emprendedora
Lugo, 19 de setembro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da xornada Emprega-T Fest, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de axudar ás persoas demandantes de emprego a mellorar as súas oportunidades laborais.
Trátase dunha iniciativa apoiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no marco dun convenio coa USC para desenvolver actividades orientadas a fomentar o emprego e a cultura emprendedora.
En concreto, neste caso habilítase ao Campus Terra para realizar este ano accións que promovan o emprendemento, como feiras e xornadas, ademais doutros proxectos con obxectivos similares. No caso de hoxe, a praza Horta do Seminario é o punto de encontro escollido para conectar o mundo empresarial con aquelas persoas que busquen emprego ou que queiran mellorar os seus perfís profesionais.
Así, a feira conta con espazos expositivos onde as empresas presentan a súa oferta laboral e unha zona de entrevistas rápidas aos candidatos. A xornada tamén ofrece mesas redondas, charlas e talleres formativos. Haberá ademais un apartado de ocio con música e outras actividades.