O conselleiro do Mar inaugura as novas instalacións de Mariscos Alumar

Alfonso Villares pon en valor o traballo do sector en favor da calidade e excelencia do mexillón galego nos mercados internacionais

O responsable autonómico situou a empresa Mariscos Alumar como exemplo pola súa aposta por ofrecer aos seus clientes produto certificado por selos como Galicia Calidade, DOP Mexillón de Galicia ou Craega que supoñen unha garantía para o consumidor final

As instalacións da empresa están dotadas coas últimas tecnoloxías e contan con dúas plantas de frío e conxelado, caldeira de vapor así como maquinaria para a transformación e distribución de produtos do mar

Barro (Pontevedra), 26 de setembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o traballo do sector en favor da calidade e excelencia coa que é recoñecido o mexillón galego nos mercados internacionais. Así o manifestou no acto de inauguración das novas instalacións da empresa Mariscos Alumar no polígono Industrial Outeda-Curro, no concello pontevedrés de Barro onde resaltou que este bivalvo é por motivos propios un dos produtos do mar galegos máis recoñecidos, tanto dentro como fóra da comunidade.

O responsable autonómico, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, situou a esta empresa como exemplo do esforzo que realiza o sector por levar o mellor produto aos mercados nacionais e internacionais. Nesta liña, valorou moi positivamente a aposta desta compañía por certificar os seus elaborados de mexillón con selos de prestixio como Galicia Calidade, a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia e a de o Consello Regulador de  Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que avalan ese bo facer e supoñen unha garantía para o consumidor final.

O conselleiro do Mar louvou o esforzo da empresa pontevedresa por contar cunhas instalacións  á vangarda, equipadas coas últimas tecnoloxías e que contan con dúas plantas de frío e conxelado, caldeira de vapor así como maquinaria para a transformación e distribución de produtos do mar. Deste xeito, Mariscos Alumar custodia cada parte do proceso, desde a colleita da semente ata o traslado á planta produtiva, sempre respectando os maiores estándares de calidade.

Segundo explicaron responsables da empresa, nos momentos de  maior carga de traballo chegan a empregar ao redor de 50 persoas e alcanzan unha produción diaria de entre 12 e 15 toneladas diarias de mexillón. Cifras que para Alfonso Villares simbolizan o impacto socio económico desta actividade na economía galega á vez que reiterou o compromiso do Goberno galego de apoiar á cadea mar-industria galega na súa transformación e modernización ademais de reforzar a promoción dos produtos do mar galegos nos mercados internacionais.

Traxectoria de éxito

A empresa Mariscos Alumar comezou a súa andaina no 2019 como resultado da unión dun grupo de bateeiros de Sanxenxo, Poio e Vigo que decidiron emprender e introducirse no sector da transformación co obxectivo de darlles maior valor engadido ao produto das súas bateas. Nos inicios dedicáronse a produción de mexillón presentado en media cuncha en salmoira. Nun intento de ampliar a súa gama de produtos comezaron a elaborar bolsas de mexillón pasteurizado. Na actualidade están realizando incursións en mercados europeos como o alemán, o italiano e o portugués.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2024