A Xunta pon en valor os avances do polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia na Aveiro Tech WEeek

Investigadores e representantes de España, Portugal e da Comisión Europea abordan as oportunidades de colaboración no I Encontro Ibérico de Comunicacións Cuánticas

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, expón o compromiso do Executivo galego co impulso a estas tecnoloxías 

Aveiro (Portugal), 4 de outubro de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe, xunto a outras autoridades de Portugal, investigadores de ambos países e representantes da Comisión Europea, no I Encontro Ibérico de Comunicacións Cuánticas, celebrado en Aveiro, no marco da Aveiro Tech Week 2024. No encontro debateuse sobre o estado das comunicacións cuánticas, as capacidades de ambos ecosistemas -galego e portugués- e as oportunidades de colaboración futuras.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP expuxo na apertura do encontro o compromiso do Executivo galego co impulso ás tecnoloxías cuánticas e ao seu ecosistema, unha aposta que se materializa en múltiples investimentos e actuacións enmarcadas no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia. 

Entre outras actuacións, Cotelo destacou a posta en marcha do computador cuántico Qmio no CESGA, un dos primeiros de Europa e o máis potente de España e do Sur de Europa en institucións públicas, e o despregamento dun enlace de comunicacións cuánticas de longa distancia entre as cidades de Santiago de Compostela e Vigo, interconectando o CESGA e o Vigo Quantum Communication Center, no marco do Plan complementario de comunicacións cuánticas. 

Carmen Cotelo subliñou tamén as capacidades do ecosistema galego de I+D+i en cuántica e as boas relacións con Portugal no ámbito da investigación e da innovación, especialmente no campo das comunicacións cuánticas, como amosa este primeiro encontro ibérico, un factor que facilita as posibles colaboracións futuras nestas tecnoloxías.

Por último, a representante da Xunta de Galicia lembrou que a aposta de Galicia polas tecnoloxías cuánticas persegue converter á nosa Comunidade nun referente a nivel internacional no horizonte do 2030 e contribuír á atracción de talento, á excelencia do noso sistema de ciencia e tecnoloxía, mellorar a competitividade das nosas empresas e   a aceptación social destas tecnoloxías.

Data de actualización: 04/10/2024