Belén do Campo anuncia que a Xunta financiará tres obradoiros para persoas mozas con 1,2M€ para formar a 64 persoas sen emprego na comarca de Santiago
Belén do Campo sinalou que estas iniciativas financiadas polo Goberno galego tamén reforzan a colaboración coas entidades locais e permiten que as persoas que participan nelas obteñan un certificado de profesionalidade
A delegada inaugurou o novo taller de formación de Santa Comba, A Baña, Negreira e Val do Dubra
No marco da convocatoria de obradoiros para persoas mozas deste 2024-2025 desenvolveranse en Galicia deica o vindeiro ano un total de 15 accións por máis de 6,6M€ coas que se prevé beneficiar 240 persoas sen traballo en toda a Comunidade
Santa Comba (A Coruña), 7 de outubro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, inaugurou hoxe o obradoiro de emprego para persoas mozas organizado por Santa Comba, A Baña, Negreira e Val do Dubra, Xuvenil 2024, centrado en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía. Estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais.
No acto a delegada da Xunta informou que o Goberno galego financiará este ano tres obradoiros de emprego para persoas mozas en Santiago de Compostela, en Rois compartido con Dodro e Padrón e en Santa Comba, compartido con A Baña, Negreira e Val do Dubra. A administración autonómica aportará máis de 1,2 millóns de euros para formar a 64 persoas mozas sen emprego.
Neste caso, o obradoiro Xuvenil 2024 conta cunha achega da Xunta de máis de 438.000 euros para o seu funcionamento e beneficia a 16 persoas. Belén do Campo resaltou que os alumnos terán a oportunidade de formarse en dúas especialidades con moita demanda de emprego nesta comarca.
Os estudantes deste taller levarán a cabo traballos de limpeza, e mantemento das zonas verdes, xardíns, áreas recreativas, parterres, camiños forestais e outras zonas municipais nos catro concellos organizadores do mesmo.
No presente taller de formación a representante do Goberno autonómico resaltou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas obterán un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, brindaráselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas.
En relación coa convocatoria de axudas deste ano 24-25, en toda Galicia invístense máis de 6,6 millóns de euros para desenvolver 15 obradoiros de emprego para persoas mozas cos que se prevé beneficiar 240 persoas sen traballo. Na provincia da Coruña haberá 6 obradoiros deste tipo, para menores de 30 anos, que combinarán formación e traballo remunerado durante 12 meses, cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros e 96 prazas.
A través dos programas seleccionados, a mocidade participante pode adquirir coñecementos en diferentes áreas, como atención sociosanitaria, mantemento de xardíns, viveiros e zonas verdes, traballos forestais, carpintería, cantería, deseño gráfico, dinamización de empresas ou promoción turística, entre outros.
A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado. A acción enmárcase nos programas públicos de emprego-formación que buscan mellorar a ocupabilidade das persoas mozas menores de 30 anos rexistrados no Sistema nacional de garantía xuvenil.
Impulso á empregabilidade e ás contornas rurais
A estes obradoiros para persoas mozas, lanzados en réxime de concorrencia competitiva, puideron presentarse concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades, tendo prioridade os concellos asociados resultantes de fusión e os que tiveran condición de municipios emprendedores.
Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.