A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, clausurou hoxe o ‘IV Foro empresarial pola igualdade, diversidade e inclusión na contorna laboral’

A Xunta destaca o éxito das axudas para o impulso do emprendemento feminino, ás que se presentaron máis de 1.250 proxectos

No evento, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, a conselleira detallou as medidas deseñadas polo Goberno galego para o fomento da igualdade entre mulleres e homes

Sinalou que a Xunta “ten plena confianza nas empresas, porque sen a liberdade económica non hai independencia” e avanzou que, por esta razón, o próximo ano seguirá apostando pola incorporación de mulleres en sectores masculinizados

Vigo, 10 de outubro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor a aposta da Xunta pola igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos, con especial atención ao sector empresarial. Así o destacou na clausura do ‘IV Foro empresarial pola igualdade, diversidade e inclusión na contorna laboral’, organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP). Fabiola García felicitou aos empresarios e empresarias da provincia por impulsar un evento de referencia e consolidado, que busca avanzar na erradicación das desigualdades no ámbito laboral.

Na súa intervención, a conselleira detallou as medidas deseñadas polo Goberno galego para o fomento da igualdade entre mulleres e homes. Concretamente, destacou o éxito das axudas do programa Emega, destinadas ao impulso do emprendemento feminino e que este ano contaron cun orzamento de 5 millóns de euros, o maior da súa historia.

Na convocatoria de 2024, que estivo aberta ata o pasado 27 de setembro, presentáronse máis de 1.250 proxectos empresariais, o que supón duplicar as solicitudes recibidas en 2009 e alcanzar unha cifra récord. Neste sentido, a conselleira fixo fincapé en que este éxito permite “seguir avanzando nunha iniciativa da que xa se beneficiaron máis de 2.000 proxectos e grazas á que se crearon ou se mantiveron máis de 3.500 empregos”. Cómpre lembrar que o obxectivo do programa Emega é promover o empoderamento económico e social das mulleres, incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural, e eliminar as discriminacións por sexo.

Ademais das axudas económicas, Fabiola García lembrou que tamén se acometeu a renovación do marco normativo a través da Lei de Igualdade de Galicia, que foi aprobada a finais do ano pasado. Unha norma, pioneira en España, que introduce conceptos como a sustentabilidade social empresarial, o benestar laboral ou o dereito á igualdade nas políticas activas de emprego.

Fabiola García apostou por seguir avanzado, aínda que recoñeceu que “queda traballo por facer”, tanto desde as empresas como desde as administracións. O Goberno galego, incidiu,  “quere seguir avanzando neste eido en todas as esferas da vida”, levando a igualdade, a diversidade e a inclusión aos centros de decisión empresarial.

A conselleira de Política Social e Igualdade agradeceu á Confederación Empresarial de Pontevedra a posta en marcha deste tipo de iniciativas, coas que “poder contribuír a que as empresas galegas sigan traballando para ser un referente en igualdade e inclusión”.

Por último, sinalou que “a Xunta ten plena confianza nas empresas porque sen a liberdade económica non hai independencia” e avanzou que, por esta razón, o próximo ano a Xunta seguirá apostando pola incorporación de mulleres en sectores masculinizados

Impulso da contratación feminina

Na inauguración do evento, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, referiuse a medidas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a prol da igualdade como as axudas comprometidas para os primeiros 100 días de goberno destinadas a impulsar a contratación feminina en ocupacións masculinizadas, especialmente en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido. Tamén se orientaron á adaptación dos espazos ou dos postos de traballo nas empresas de cara a garantir a igualdade laboral.

Así mesmo, referiuse ao programa formativo Lideramos centrado no impulso ao talento e liderado femininos, así como na mellora profesional e na xestión de equipos. Tamén á campaña Ti elixes, para promover con charlas nos centros de secundaria a elección de profesión sen atender a prexuízos de xénero; ou ao Campus en liña de igualdade laboral con máis de 6.000 persoas usuarias que acceden a accións gratuítas de formación e sensibilización para promover a igualdade no eido do traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2024