O secretario xeral da Emigración reitera o apoio da Xunta á colectividade galega no encontro cultural celebrado na Casa de Galicia de Nova York

Antonio Rodríguez Miranda referiuse ao centro como un referente para os galegos nesta cidade, desempeñando un papel fundamental na preservación da nosa cultura

Nova York, 13 de outubro de 2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou nun encontro coa colectividade galega na emblemática Casa de Galicia de Nova York. O evento, que reuniu a membros da comunidade galega da área, serviu para reforzar os lazos de unión entre Galicia e os emigrantes que residen nos Estados Unidos, nun ambiente de confraternidade e identidade compartida.

Miranda destacou durante a súa intervención a importancia da colectividade galega en Nova York, que a través do seu traballo e compromiso mantén viva a cultura e as tradicións galegas fóra das nosas fronteiras. O evento contou cunha rica programación cultural, con actuacións musicais como a da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, que levou a nosa cultura desde a capital galega ata a cidade de Nova York, e tamén artísticas, que reflectiron a esencia de Galicia, desde as súas raíces folclóricas ata as expresións culturais contemporáneas.

A Casa de Galicia de Nova York, como centro de referencia para os galegos nesta cidade, desempeña un papel fundamental na preservación da nosa cultura e na creación dun espazo onde as novas xeracións de galegos residentes no exterior poden manter o seu vínculo con Galicia. O secretario xeral reiterou o apoio da Xunta ás iniciativas culturais e sociais que promove a galeguidade en todo o mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2024