A Xunta impulsou preto de 700 proxectos municipais en 2024 cun investimento de 24M€ das axudas específicas ao eido local

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes compareceu hoxe no Parlamento, onde insistiu na demanda dun novo modelo de financiamento local que teña en conta as peculiaridades de Galicia

O Goberno galego incrementa o apoio aos concellos ata 641M€ a través de distintas liñas entre as que destaca o Fondo de Cooperación Local

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2024

A Xunta impulsou este ano preto de 700 proxectos municipais cun investimento de 24 millóns de euros das distintas liñas de axudas específicas de apoio ao eido local, segundo indicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no Parlamento de Galicia onde compareceu para abordar o financiamento local. A concesión destas achegas chegou a 289 concellos, case o 100 por cento dos solicitantes.

O conselleiro insistiu en que o Goberno galego está a carón das administracións locais, tal e como reflicten os orzamentos autonómicos de 2025. Así, só con respecto ao seu departamento, estas entidades seguirán contando coa orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, e co Fondo de Compensación Ambiental, que suma 11,2 millóns de euros. A estas medidas anuais engádese a liña plurianual destinada á eficiencia enerxética, cofinanciada con fondos Feder e que, cun investimento superior a 5,2 millóns de euros, beneficia máis de medio cento de concellos de menos de 30.000 habitantes.

A maiores, no marco do apoio ao eido local, as asociacións veciñais e de mulleres rurais, e comunidades de usuarios de augas, disporán dun presuposto de catro millóns de euros a través do Plan de acción comunitaria. Deste xeito, a Xunta impulsa o asociacionismo local cun incremento dun millón de euros nesta liña de axudas con respecto aos anteriores exercicios. Reafírmase así a súa aposta por estas entidades clave na dinamización social e cultural dos barrios e aldeas de Galicia.

Apoio aos concellos con menor poboación

Por outra banda, Diego Calvo referiuse tamén ao montante global que destina a Xunta ao financiamento local, que sigue  medrando en 2025 e chega a 641 millóns de euros. Neste marco de acción salientou o Fondo de Cooperación Local, que aumenta máis dun 6% ao pasar de 158 millóns de euros a 168 millóns, e en especial o incremento do fondo base en case un 5%, no que se reservan 5,4 millóns de euros para beneficiar os concellos con menos habitantes e, en consecuencia, con menos recursos.

O conselleiro insistiu no indiscutible compromiso do Goberno galego co eido local e na demanda dun novo modelo de financiamento autonómico e local no que se teñan en conta as peculiaridades de Galicia. A maiores, aproveitou para reclamar unha maior colaboración de todas as administracións para avanzar na delimitación competencial, apelando especialmente as responsabilidades do Goberno central e das deputacións provinciais.

Neste sentido, apuntou ao avance que suporá a nova lei de administración local de Galicia, na que se está a traballar para adaptar a normativa na materia á realidade social, económica e tecnolóxica. “Unha lei que recollerá un reparto de competencias claro, no que se reforzará a colaboración das administracións provinciais como garante da prestación de servizos básicos a toda a poboación en condicións de equidade”, afirmou.

Data de actualización: 23/10/2024