A Xunta somete a información pública o proxecto para a mellora de 27 paradas de autobús en 10 concellos da contorna de Pontevedra, O Salnés e Tabeirós

As intervencións suporán un investimento autonómico que rolda os 635.000 euros

Trátase de actuar no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra en 10 estradas ao paso polos concellos da Lama, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Estrada e Forcarei

As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación

A Xunta ten como obxectivo poder licitar e executar as obras ao longo do ano 2025

As persoas interesadas poderán presentar alegacións por un prazo de 30 días hábiles, a contar a partir deste vindeiro luns

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas somete a información pública o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 27 paradas de autobús situadas en 10 concellos das contornas de Pontevedra, do Salnés e de Tabeirós. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio do inicio deste trámite para a mellora das paradas de autobús na rede autonómica de estradas da Xunta de Galicia situadas nos concellos da Lama, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Estrada e Forcarei. 

As intervencións, que suporán un investimento estimado que rolda os 635.000 euros, desenvolveranse nun total de 10 estradas de titularidade autonómica (PO-222, PO-223, PO-226, PO-255, PO-531, PO-532, PO-536, PO-548, PO-549 e PO-841).

En concreto, con este proxecto para actuar nas paradas do ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra, proponse mellorar 2 en Campo Lameiro; 1 en Moraña; 1 na Lama; 4 en Ponte Caldelas; 4 en Barro; 7 en Vilagarcía de Arousa, 4 en Vilanova de Arousa; 2 en Catoira; 1 en Forcarei e 1 na Estrada. 

Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta actuación. Estas intervencións afectarán a un total de 9 predios, polo que se dispón tamén a urxente ocupación para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 342,41 m2.

As persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto, por un prazo de 30 días hábiles, a contar a partir deste vindeiro luns, día 28.

O obxectivo da Xunta é aprobar o proxecto no primeiro trimestre de 2025, para a continuación realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións, e licitar a execución das obras ao longo de 2025. O prazo das obras é de 12 meses.

As intervencións proxectadas

As actuacións proxectadas comprenderán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Ademais colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

As actuacións tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

O obxectivo é incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos no uso do transporte público, fomentando a diminución do uso dos movementos de curto e medio recorrido en transporte privado, con orixe ou destino nas cidades de maior poboación, o que redundará nunha diminución das emisións de xeito gradual.

Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Data de actualización: 25/10/2024