A conselleira de Política Social e Igualdade visitou hoxe en Poio a sede da que será a primeira unidade deste municipio
A Xunta inviste 15,8 millóns de euros no reforzo da Rede galega de atención temperá, que sumará seis novas unidades en distintos puntos de Galicia
Galicia contará con 51 unidades en funcionamento este mesmo exercicio para a atención a nenos e nenas de ata 6 anos con problemas de desenvolvemento
Poio (Pontevedra), 29 de outubro de 2024
A Xunta destina 15,8 millóns de euros a mellorar e seguir ampliando a Rede galega de atención temperá. Unha rede que, antes de que remate o ano, contará con seis novas unidades, alcanzando as 51 en toda Galicia. Así o destacou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que visitou a Casa Rosada de Poio, o lugar no que abrirá a que será a primeira unidade do municipio deste servizo, no que se atende a nenos de ata 6 anos para previr e actuar ante problemas de desenvolvemento.
A visita de Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, coincide coa publicación o pasado luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución dunha nova orde de axudas para a creación de unidades de atención temperá que estivo dotada con 15,8 millóns de euros e cofinanciada polo programa FSE+ Galicia 2021-2027. Concretamente, o Concello de Poio contará cunha axuda de 266.200 euros para a posta en marcha deste servizo.
A través desta orde, a Xunta de Galicia abrirá seis novas unidades de atención temperá na comunidade: 3 nos concellos de Poio, Rianxo e Gondomar e outras 3 nas agrupacións de municipios de Rois, Padrón, Dodro, Valga e Pontecesures; Miño, Pontedeume e Vilarmaior, e en A Pobra de Trives e San Xoán de Río. Ademais, este investimento permitirá mellorar as condicións das unidades xa en funcionamento para que poidan ampliar o servizo e contratar máis persoal.
Durante a visita, a conselleira subliñou a importante aposta realizada polo Goberno galego para a consolidación, ampliación e mellora da Rede galega de atención temperá. Así, lembrou que no ano 2009 existían na nosa comunidade tan só dúas unidades que daban cobertura a 15 municipios e este ano 2024 rematará con 51 unidades abertas que atenderán a máis de 200 concellos e 5.000 familias.