O presidente da Xunta participa na inauguración das xornadas conmemorativas do 25º aniversario de Aclunaga
Rueda destaca ao naval galego coma un referente internacional que exerce de embaixador da marca Galicia Calidade por todo o mundo
Salienta que é un sector estratéxico para a economía de Galicia ao representar o 5% do PIB e dar traballo a 26.000 persoas
Subliña que a Xunta vén de elaborar o primeiro plan director do naval para fortalecer e modernizar esta industria
Reclama ao Goberno central unha nova convocatoria do Perte do naval, logo de que Galicia só recibise 9 M€ malia ser unha das comunidades líderes neste eido
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a industria naval galega é un referente internacional que exerce de embaixador da marca Galicia Calidade polo mundo, apuntando que o sector “non só está pasando un bo momento, senón que creo que ten un magnífico futuro”.
Durante a inauguración das xornadas de conmemoración do 25º aniversario da Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga), Rueda fixo fincapé en que o naval é un sector estratéxico e fundamental para a economía galega, xa que representa o 5% do PIB e da emprego a unhas 26.000 persoas. No primeiro semestre de ano, Galicia logrou tres novos contratos para construír buques e conta con 18 pedidos en carteira, e o 90% dos buques construídos na comunidade son para armadores de fóra de España.
O presidente lembrou o compromiso da Xunta coa construción naval a través de diferentes iniciativas coma a elaboración do primeiro plan director do sector -en colaboración con Aclunaga- para fortalecer e modernizar esta industria; a formación á carta que permite que as empresas demanden os cursos que precisan para mellorar as competencias dos seus traballadores ou programas específicos para atraer talento do exterior e cubrir as vacantes neste tipo de empresas.
Ademais, durante a súa intervención, Rueda volveu reclamar ao Goberno central unha nova convocatoria do Perte do naval logo de que Galicia só recibira o 8% do total -apenas 9 millóns de euros- na actual edición que ademais veu reducido o seu orzamento dos 310 millóns de euros prometidos inicialmente aos 150 millóns finais. “Non é un reparto xusto” sinalou o presidente da Xunta, quen salientou que “a industria naval en Galicia merece máis”.
Contribución Aclunaga
O presidente do Goberno autonómico agradeceu o labor de Aclunaga durante estes 25 anos e a súa contribución a facer do naval galego un sector forte e competitivo. “Souberon unirse e entender que nun sector tan diverso a unión fai a forza”, resaltou o responsable do Executivo autonómico, quen puxo de relevo a importancia de actuar coordinados para “en sana competencia, optar a contratos”.