A Xunta mellora a climatización, a instalación eléctrica e o pavimento da Praza de Abastos de Dena

As obras foron posibles grazas a unha achega de máis 66.000 euros

O delegado territorial lembrou a importancia de seguir apostando e apoiando ao comercio local

Meaño (Pontevedra), 30 de outubro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na inauguración da Praza de Abastos de Dena, no concello de Meaño, onde se levaron a cabo varias actuacións para mellorar a experiencia de clientes e praceiros.

Así, as obras, financiadas con máis de 66.000 euros pola Consellería do Mar a través do Grupo Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, permitiron a instalación de sistemas de climatización e ventilación, que mellorarán a comodidade dos traballadores que cada día acoden á praza. 

Tamén se mellorou a instalación eléctrica e o pavimento da praza. Todo isto para poñer en valor un importante espazo para o pequeno comercio do concello que ademais funciona como un punto de encontro para moitos veciños e veciñas. 

O delegado territorial, acompañado polo alcalde de Meaño, Carlos Vieitez, destacou a importancia de seguir apostando polo comercio local, “levando a cabo actuacións que conserven as infraestruturas públicas e que permitan mellorar a experiencia dos clientes que cada día optan por este tipo de comercio de proximidade”. 

Pola súa banda, Vieitez quixo agradecer a colaboración da Consellería do Mar e lembrou que a de Dena é unha das poucas Prazas de Abastos en toda Galicia que contan con aire acondicionado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2024