O presidente da Xunta visita as instalacións da empresa Ednon en Santiago
Rueda destaca que a Xunta destinará case 2 M€ no 2025 a fomentar a contratación de mulleres en sectores masculinizados
O obxectivo é reducir a fenda de xénero en eidos coma as novas tecnoloxías ou profesións científico-técnicas para avanzar “cara unha sociedade igualitaria e máis xusta”
Galicia foi pioneira ao poñer en marcha esta liña de axudas da que xa se beneficiaron este ano máis de 50 empresas e que permitiron contratar a 84 desempregadas
Salienta “o tecido TIC” en Galicia e que sexa a primeira rexión europea en regular por lei o uso da intelixencia artificial
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Xunta destinará 1,7 millóns de euros o vindeiro ano a unha liña de axudas para fomentar a contratación de mulleres en sectores masculinizados co obxectivo de diminuír a fenda de xénero que aínda existe nalgúns eidos.
Durante unha visita á empresa tecnolóxica Ednon en Santiago, na que estivo acompañado do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, salientou que para avanzar cara unha “sociedade máis xusta e igualitaria” é preciso rachar “co desequilibrio entre a presenza feminina e masculina nas profesións emerxentes e de futuro” porque homes e mulleres “teñen o mesmo talento e capacidades”.
Galicia foi pioneira este ano ao poñer en marcha estas axudas das que se beneficiaron medio cento de empresas e que permitiron a contratación de 84 mulleres desempregadas. Van dirixidas a sectores tecnolóxicos ou industriais de alto valor engadido coma as TIC ou actividades profesionais científicas e técnicas coma enxeñaría en construción e obra civil, enxeñarías vencelladas co deseño e análise de software ou profesións ligadas as ciencias químicas e ambientais. Cada compañía recibirá un incentivo de 15.000 euros por contratación, unha contía que aumentará un 15% no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello do rural ou a muller contratada teña máis de 45 anos, sexa retornada ou unha persoa con discapacidade.
Esta medida súmase a outras que a Xunta ten en marcha para axudar a colectivos con máis dificultades para atopar un emprego como o Programa Galicia Emprega, o Programa de primeira experiencia profesional ou o Programa Investigo.
Colaboración público-privada
Na súa intervención, Rueda salientou a importancia de aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e apostou pola colaboración público-privada para avanzar na transformación dixital e construír unha Galicia máis forte, próspera e innovadora.
Nesta liña puxo en valor “o tecido TIC en Galicia” ao contar cun gran ecosistema empresarial e de investigación neste eido e ser unha comunidade pioneira en regular por lei o uso e deseño da intelixencia artificial. O Consello da Xunta aprobou esta semana unha normativa que converte a Galicia na primeira rexión europea en contar cunha regulación neste eido para “facer un bo uso” dunha tecnoloxía que “chegou para quedarse”.
Promover o eido das TIC
Unha das prioridades da Xunta é seguir fortalecendo o sector das TIC na comunidade. Para iso, o Goberno autonómico ofrece axudas directas para apoiar os primeiros gastos de poñer en marcha unha empresa de base tecnolóxica e impulsa microformacións para que as empresas formen aos seus traballadores nas competencias que precisan. De feito, a Xunta vai destinar 2 millóns de euros a un novo convenio co Clúster das TIC para promover a formación de 5.000 persoas.