A Xunta alude ao desleixo do Goberno central con Galicia ante o incumprimento de bonificar as peaxes da AP-53 e dar as costas á transferencia da AP-9

Martínez Allegue critica que, fronte a outras comunidades onde se liberalizan peaxes, Galicia “segue pagando e seguirá a facelo por falta de vontade política”

A conselleira sinala que a AP-9 é a cuarta autoestrada da rede estatal con maior prezo por quilómetro e apunta que desde o 1 de xaneiro os galegos pagarán máis de 20€ no traxecto entre A Coruña e Vigo

Lembra que a Xunta conxelou durante os dous últimos anos as tarifas de ambas autoestradas da súa titularidade (A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona), as máis baratas do Estado

Ademais, o Goberno galego está a abordar o rescate da concesión de catro das autovías de peaxe de titularidade autonómica

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, subliñou hoxe no Parlamento que “é hora de poñerlle fin ao desleixo” do Goberno central con Galicia, ante o incumprimento de bonificar as peaxes da AP-53 e dar as costas a unha posible transferencia da AP-9 á comunidade. “É tempo de que o Goberno central cumpra con Galicia -afirmou- e por iso seguiremos a defender o cumprimento das compromisos adquiridos e seguiremos a traballar pola Galicia do futuro que estamos a construír”.

Allegue criticou que mentres o Goberno central segue a lanzar “anuncios trampa” de bonificacións “que seguen sen materializarse”, a comunidade autónoma continúa a sufrir o agravio comparativo respecto a outras onde se liberalizan peaxes. “Galicia segue pagando a día de hoxe os seus 275km de autoestrada estatal (AP-9 e AP-53) sometidos a tarifa”. “Seguimos pagando e seguiremos a facelo por falta de vontade política”.

A conselleira considera que as anunciadas bonificacións na AP-9 “non virán neste 2024 e se chegan no 2025, será ben entrado o ano”.

Lembrou que, no caso da AP-9, o propio Ministerio de Transportes vén de situala como a cuarta autoestrada da rede estatal con maior prezo por quilómetro nun informe baseado en datos do 2022, “e dous anos despois, semella que nada muda e nada vai mudar”. Neste senso, indicou que os galegos pagarán a partir do 1 de xaneiro máis de 20€ polo traxecto entre A Coruña e Vigo.

E, no caso da AP-53, Allegue recordou que é a única autoestrada estatal sen bonificacións. A Xunta, reiterou, seguirá a esixir que se cumpra o compromiso de investidura do Goberno central para aplicar os descontos comprometidos nesta última autoestrada e na AP-9.

Así mesmo, reiterou que o Goberno galego seguirá a esixir a transferencia da  AP-9 como infraestrutura fundamental de Galicia, unha petición que xa amparou o Parlamento galego en catro ocasións. “Non desistiremos neste empeño, a pesares da negativa do Goberno de España e da incongruencia do PSOE e do BNG que adoptan unha medida en Galicia e a contraria en Madrid”, afirmou.

En contraposición a esta situación, a conselleira lembrou que a Xunta conxelou durante os dous últimos anos as tarifas das autoestradas da súa titularidade (A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona), as máis baratas do Estado, “que seguirán a selo grazas ao orzamento de 5,5M€ que se destinan a estas bonificacións en 2025”.

Ademais, o Goberno galego está a abordar o rescate da concesión de catro das autovías de peaxe con canon de dispoñibilidade no territorio: Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión. “A partires do 1 de xaneiro pasarán a ser de xestión pública -sinalou-, eliminando as peaxes en sombra que cada ano viñamos aboando os galegos. Aforramos máis de 330M€ en cánones e liberaremos ao redor de 30M€ cada ano para as nosas finanzas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2024