A Xunta impulsa a compra de vehículos taxi adaptados, de emisións cero e eco cun orzamento de 500.000€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde para 2025, que inclúe achegas de ata 10.000 euros

O Goberno galego lanza tamén a convocatoria para apoiar a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, dotada con medio millón de euros

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), de emisións CERO e ECO, que conta cun orzamento de 500.000 euros para 2025. Deste total, 290.000 euros se destinan á liña para taxi adaptado, con achegas de 10.000 euros por vehículo; 68.000 para taxi CERO Emisións, con achegas de 4.000 euros; e 142.000 para taxi ECO, con achegas de 1.000 euros.

A medida vai dirixida ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou os servizos de Mobilidade competentes. As persoas beneficiarias deben ter adscrito o vehículo á autorización antes do 1 de xullo de 2026.

No caso das liñas de taxi de CERO emisións e ECO, a orde axudas cubre a adquisición de vehículos realizada desde o 1 de maio deste ano ata a data límite para xustificar a axuda, o 31 de outubro de 2025. Para a liña Eurotaxi, subvenciónanse tanto os vehículos xa adquiridos en calquera momento, co compromiso de manter a titularidade e a actividade ao menos cinco anos, como os que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e á data límite para xustificar a axuda.

As persoas interesadas en acollerse a esta medida teñen de prazo desde mañá ata o 14 de outubro de 2025.  Desde a posta en marcha das diferentes liñas concedéronse 324 axudas para a adquisición de Eurotaxis, 941 para ECO e 66 para emisións CERO. Trátase así de contribuír a garantir unha mobilidade accesible e sostible no transporte público.

Apoio á formación no transporte

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe a convocatoria de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, dotada tamén con 500.000 euros. Destinada ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada, ten como obxectivo facilitar a adaptación das accións formativas á evolución das necesidades dos profesionais.

Así, entre os temas previstos inclúese formación continua do persoal de condución, CAP, conselleiros de seguridade, idiomas para profesionais do taxi ou de transportes internacionais, transporte de mercadorías perigosas ou perecedoiras, tacógrafos e tempos de condución e descanso e, en xeral, no ámbito da xestión das empresas de transporte por estrada.

Para acceder ás axudas, as entidades deben presentar un plan formativo coa totalidade das accións que pretendan realizar en 2025 e dentro dos prazos de xustificacións previstos.  O prazo para solicitar as achegas ábrese mañá e prolongarase durante un mes.

Na convocatoria deste ano realizáronse 171 cursos subvencionados con 2.563 alumnos. A meirande parte deles desenvolvéronse na Coruña, con 75 accións e 1.044 alumnos; seguida de Pontevedra, con 56 cursos e 845 alumnos; Ourense, con 25 cursos e 428 alumnos; e Lugo con 15 cursos e 246 alumnos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2024