A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe a EDAR de Tomiño tras as melloras incorporadas para o pretratamento dos residuos de fosas sépticas
A Xunta convocará por 1,2 M€ unha nova orde de axudas para instalar sistemas de saneamento autónomo en pequenos núcleos de poboación e en vivendas illadas
Ángeles Vázquez anuncia que os incentivos van dirixidos a concellos e a particulares que aposten por este tipo de solucións como alternativa ás depuradoras tradicionais
Augas de Galicia estima que grazas a estas achegas, que se publicarán nas vindeiras semanas, poderán financiarse entre 160 e 260 instalacións en toda Galicia
O importe máximo das axudas será de 4.000 € no caso de que a solicitude sexa dun cidadán particular e de ata 15.000 € se o proxecto procede de entidades locais
Tomiño (Pontevedra), 10 de decembro de 2024
A Xunta convocará nas vindeiras semanas, por un orzamento global de case 1,2 millóns de euros, unha nova orde de axudas destinada a facilitar a instalación de sistemas de saneamento autónomo en pequenos núcleos de poboación ou en vivendas illadas.
Durante unha visita a Tomiño para comprobar o resultado das obras acometidas este verán na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou a próxima convocatoria destes incentivos, dirixidos tanto a concellos como a cidadáns que busquen solucións alternativas e eficientes para o tratamento das augas domésticas a pequena escala.
Tras recordar que Galicia é unha comunidade caracterizada pola súa elevada dispersión xeográfica, a responsable autonómica incidiu na importancia de apostar por este tipo de instalacións de saneamento intermedias para cumprir en núcleos máis pequenos coa mesma función que realizan as EDAR nas aglomeracións de maior tamaño.
No marco desta primeira convocatoria e tendo en conta as contías máximas previstas na propia orde —achegas de ata 4.000 euros para sistemas de saneamento particulares e de ata 15.000 euros para concellos en función das vivendas ás que vaia dar servizo—, Augas de Galicia estima que se poderá axudar a financiar entre 160 e 260 instalacións deste tipo só o vindeiro ano.
Neste sentido, Ángeles Vázquez considerou que ofrecer incentivos económicos a aqueles cidadáns e entidades locais que aposten por sistemas autónomos para o tratamento das augas residuais pode contribuír a que se visualice na comunidade como unha solución intermedia e eficaz para depurar as augas de vivendas illas ou de pequenos núcleos que non estean conectados a unha gran depuradora.
Ademais, enmarcou a medida na liña de colaboración que mantén o organismo hidráulico cos concellos para apoialos na prestación dos servizos relacionados coa xestión da auga. Así, cómpre lembrar que o orzamento de Augas de Galicia para o vindeiro ano sobe preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
Sistema de pretratamento para residuos sépticos
Actualmente calcúlase que arredor do 18% da poboación galega non está conectada á rede de saneamento e desa porcentaxe estímase que a maior parte recorre a fosas sépticas e sistemas individuais para xestionar as súas augas residuais. De feito, a directiva comunitaria exixe unha depuradora convencional no caso dos núcleos de poboación de máis de 1.000 habitantes pero non para os máis pequenos.
Ao respecto, o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, explicou que a EDAR de Tomiño é unha das 10 estacións depuradoras que xestiona o organismo hidráulico nas que está autorizado o baleirado de fosas sépticas.
Sen embargo, ante o incremento do volume deste tipo de descargas nos últimos anos, optouse por instalar un novo sistema de baleirado e pretratamento de fosas na EDAR. A disposición dun pretratamento para os vertidos procedentes das fosas sépticas, independente do da propia depuradora, supón un cambio de estratexia xa que permitirá a incorporación directa destes residuos ao tratamento biolóxico.
Cun investimentos de case 50.000 euros, as obras acometéronse o pasado verán e nestes momentos a instalación está preparada para entrar en servizo, tal e como puido comprobar a conselleira na súa visita.