A Xunta achega 614.000 euros para apoiar 47 iniciativas empresariais lideradas por mulleres en Lugo
O delegado territorial, Javier Arias, explica que as axudas do programa EMEGA 2024 chegan a 21 concellos lucenses e permiten crear ou consolidar 96 empregos femininos en sectores de actividade moi diversos
Lugo, 11 de decembro de 2024
A Xunta apoia 47 iniciativas empresariais lideradas por mulleres na provincia de Lugo a través das axudas do programa EMEGA de emprendemento feminino. Os importes concedidos suman 614.000 euros.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explica que estes incentivos permiten crear ou consolidar 96 empregos femininos en 21 concellos lucenses. Corresponden á convocatoria deste ano, cuxa resolución foi publicada no DOG.
A Consellería de Política Social e Igualdade concede estas axudas para fomentar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
En canto á distribución por comarcas, na Mariña apóianse 16 iniciativas, cinco en Xove, catro en Ribadeo, dúas en Foz, outras tantas en Cervo, igual número en Burela e unha en Barreiros. Na Zona Sur hai 10 beneficiarias: sete en Monforte de Lemos, dúas no Saviñao e unha en Taboada.
Polo que respecta á comarca de Lugo, hai seis na capital lucense; unha en Guntín e outra en Outeiro de Rei. Na Terra Chá e Meira aprobáronse tres axudas en Vilalba e dúas en Guitiriz, mentres que Pol, A Pastoriza, Castro de Rei e Begonte contan con unha cada un. Tamén se impulsan dous negocios de mulleres en Sarria, un en Paradela e outro en Baleira.
Sectores de actividade
No conxunto da provincia estas axudas apoian iniciativas de arquitectura, psicoloxía, ensino, farmacias, centros de estética, salóns de peiteado, panaderías, asesorías, prestación de servizos dixitais a empresas, restaurantes, cafeterías, bares, pastelerías, taxistas, empresas dos ramos da automoción e da carpintería metálica; tendas de roupa, calzado, alimentación e decoración; unha agrotenda; negocios de organización de eventos; elaboración de artigos artesanais, fabricación de próteses dentais; unha tinturería; servizos forestais; un almacén de materiais de construción ou servizos de limpeza, entre outros.
O programa EMEGA está integrado por catro liñas: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación e mellora de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 27.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.
Para resultar beneficiarias desta iniciativa, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia.