A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética do ximnasio municipal e do pavillón de Lamas de Castelo e de cinco rúas de Carnota cun investimento de case 117.000 euros

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o concello para coñecer as accións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local e do Fondo de Compensación Ambiental na liña non competitiva

Un total de 10 concellos da comarca do Barbanza recibiron achegas do Goberno galego ao abeiro destas dúas liñas dotadas con 5 millóns de euros e 6 millóns de euros respectivamente

Carnota (A Coruña), 17 de decembro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Carnota para coñecer as actuacións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local e do Fondo de Compensación Ambiental na liña non competitiva que ascenderon a case 117.000 euros para mellorar as infraestruturas e os servizos municipais que se prestan aos veciños neste municipio.

Concretamente, marco da liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes, Carnota recibiu unha axuda de máis de 55.800 euros que lle permitiu realizar melloras nas instalacións deportivas do ximnasio no pavillón de Carnota da súa envolvente térmica, climatización e da súa iluminación interior e no pavillón de Lamas de Castelo no que se levou a cabo a renovación da súa iluminación interior .

Na comarca do Barbanza hai 3 concellos beneficiarios desta orde con achegas que suman 163.000 euros. Así, ademais de en Carnota, a Xunta colabora tamén, en proxectos similares, en Noia e Porto do Son. Esta orde, dotada con 5 millóns de euros en Galicia, está destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais, con prioridade para as instalacións deportivas.

Fondo de compensación ambiental non competitiva

A representante do Goberno autonómico supervisou tamén o resultado das obras de renovación do alumeado público realizadas neste concello. Unha actuación que contou co apoio do Goberno galego dentro da orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental liña non competitiva. Concretamente, Carnota recibiu unha axuda de mais de 61.000 euros. Esta partida permitiu tamén a contratación dunha brigada ambiental.

Concretamente levouse a cabo a instalación de novas luminarias led máis eficientes nas estradas de Lira, Sofán, Maceiras, San Mamede e  Estañeiras, contribuíndo a un importe aforro enerxético para o Concello. Con respecto á brigada ambiental o apoio da Xunta permitiu a contratación dunha brigada de obras de 3 traballadores, coa categoría profesional de peóns, por un período de 5 meses, cunha xornada de 37,5 horas semanais para limpeza, adecuación e posta en valor das contornas máis singulares de Carnota (hórreos, senda verde, igrexas, sendeiros, elementos históricos patrimoniais, etc.). As actuacións consisten na limpeza e no roce da maleza nestes contornas , así como o roce de cunetas e camiños (baixadas as praias, áreas de descanso etc.). Esta actuación complementouse coa recollida de vertidos de vertedoiros incontrolados.

Segundo sinalou Belén do Campo, a través deste fondo, fináncianse servizos municipais dedicados á protección do medio e medidas destinadas a evitar a degradación ambiental, actuacións de eficiencia enerxética e enerxías renovables, a compra de vehículos con distintivo ambiental, a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais ou intervencións en núcleos para integrar a contorna natural e campañas divulgativas.

Na comarca do Barbanza recibiron estas axudas nove concellos (Carnota, Lousame, Porto do Son, Ribeira, Boiro, Outes, Mazaricos, Muros e A Pobra) por un importe total de máis de 518.000 euros. A delegada da Xunta lembrou que este ano o Fondo de Compensación Ambiental suma na súa liña non competitiva un investimento de case  6 millóns de euros para apoiar accións en 109 concellos con parques eólicos no seu territorio.

A representante do Goberno autonómico incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, Belén do Campo sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2024