Belén do Campo inaugura o obradoiro “Rexenera 2024” no que se formarán 20 persoas en limpeza de espazos abertos e instalacións industriais e en operacións auxiliares de revestimentos en construción
A delegada da Xunta participou na apertura deste taller de formación que conta cun apoio da Xunta de case 412.000 euros e que se prolongará durante 9 meses
A representante do Goberno autonómico destacou que este obradoiro está liderado por Val do Dubra cos concellos de A Baña, Negreira e Santa Comba
Val do Dubra (A Coruña), 18 de decembro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na inauguración do obradoiro de emprego “Rexenera 2024” no que se formarán 20 persoas limpeza de espazos abertos e instalacións industriais e en operacións auxiliares de revestimentos de construción. A delegada destacou que este taller de emprego terá unha duración de 9 meses, grazas a un investimento da Xunta de case 412.000 euros, no que as 20 alumnas e alumnos realizarán 43 actuacións de interese público nestes catro concellos.
Concretamente, a delegada explicou que durante estes nove meses, estes dous equipos levaran a cabo una intensa tarefa que inclúe o acondicionamento e limpeza de espazos públicos e pintado e reparacións de edificios públicos. En Val do Dubra pintaranse inmobles como a Axencia de Lectura de Rial, as gradas do campo de fútbol da Telleira ou as escaleiras da casa da Cultura de Bembibre, entre outros, e as alumnas e alumnos tamén limparán as beirarrúas, marquesiñas e contedores; en A Baña realizarán o acondicionamento e limpeza dos cinco lavadoiros públicos, ademais da limpeza de marquesiñas e beirarrúas; en Negreira pintarán tamén os pasos de peóns, a Casa da Cultura ou o campo de fútbol do Cepelo, entre outros, ademais da limpeza viaria de 10 rúas deste municipio. Finalmente, en Santa Comba as actividades centraranse na limpeza viaria e no arranxo e pintado das fachadas dos locais sociais do Concello e da escola infantil municipal.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo –incidiu– é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.
Obradoiros 24-25
A delegada destacou que estes 4 concellos tamén contaron, na edición 23-24, con outro obradoiro dual co que o orzamento da Xunta ascendeu entre o ano pasado e este a case un millón de euros.
A representante do Goberno autonómico informou que a comarca de Santiago conta, nesta convocatoria 24-25, con 7 obradoiros duais grazas a un apoio da Xunta de case 2,9 millóns de euros.
Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo.
Finalmente, Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.
Os obradoiros duais
Na convocatoria de 2024-2025, ofrécense 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna.
O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta.
Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Teñen preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.
A Xunta de Galicia encargarase, no caso dos obradoiros duais de emprego, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.