Rueda destaca a contribución de NTT Data ao impulso da innovación no tecido empresarial e nos servizos públicos
O presidente da Xunta mantivo un encontro co director xeral en España desta consultora tecnolóxica, Víctor López-Barrantes e o director en Galicia e Asturias, Alberto Borrego
A compañía, que emprega arredor de 400 profesionais na Comunidade, conta con oficinas na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo
NTT Data colabora coa Administración autonómica en diferentes iniciativas relacionadas coa formación, a administración electrónica, a sanidade ou o ensino
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo recentemente un encontro co director xeral en España da consultora tecnolóxica NTT Data, Víctor López-Barrantes, e o director en Galicia e Asturias, Alberto Borrego, no cal destacou a contribución desta compañía ao impulso da innovación no tecido empresarial e nos servizos públicos galegos.
Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puido coñecer os plans e liñas de acción en Galicia de NTT Data, que emprega arredor de 400 profesionais na Comunidade e que conta con oficinas na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
A consultora colabora coa Xunta en diferentes iniciativas relacionadas coa administración electrónica e coa innovación tecnolóxica en eidos como o ensino, a sanidade ou no ámbito xudicial, entre outros. Ademais, a compañía participou en diferentes programas impulsados pola Administración autonómica no eido da I+D+i como as unidades mixtas de investigación ou a compra pública precomercial, formando parte de proxectos centrados nas solucións innovadoras para o sector da saúde ou en facilitar a integración eficiente e segura de drons no espazo aéreo.
NTT Data tamén colabora desde hai anos en proxectos de Formación Profesional Dual e na realización do módulo de formación en centros de traballo, así como no programa Mentoring FP.