A Xunta formaliza o contrato para executar as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa
Esta intervención foi adxudicada por máis de 17,8M€ e a previsión é iniciar os traballos previos para a execución das novas instalación a finais de xaneiro, para iniciar a obra no mes de febreiro
As instalacións sanitarias ocuparán unha superficie construída de 8.300 m², xerando dúas prazas abertas cara á cidade e aos viarios aos que dá fronte, a avenida da Mariña e a rúa Elpidio Villaverde
O futuro edificio de dúas plantas albergará 18 consultas medicina xeral, 17 de enfermería, 6 de pediatría e 5 de enfermería pediátrica
Trátase de crear un espazo que facilite o traballo do persoal sanitario e procure o benestar dos usuarios que van ser atendidos
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024
A Xunta vén de formalizar o contrato para executar as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa.
Esta actuación, adxudicada por 17.837.094 euros á Unión Temporal de Empresas Seranco, S.A.U-Proyecon Galicia, S.A, comezará cos traballos previos a finais de xaneiro, para previsiblemente iniciar as obras no mes de febreiro.
As obras de construción da nova infraestrutura sanitaria serán executadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, como encomenda do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
As novas instalacións a executar ocuparán unha superficie construída de 8.300 m² e terán forma de dobre U, xerando ademais dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte (Avenida da Mariña e rúa Elpidio Villaverde).
Nestas novas prazas xogará tamén un papel moi importante a vexetación, que se disporá tanto nos percorridos peonís como a zona viaria, e servirá como nexo de unión coa zona do porto. O peche exterior executarase con celosías elaboradas con madeira de batea que filtran a luz natural e preservan a privacidade, mentres que as salas de espera e áreas comúns do edificio acondicionaranse con espazos vidrados con control solar e madeira vista no interior, que buscan conferir ao edificio un carácter máis amable.
No que se refire á distribución do edificio, o plan funcional establecido para o novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa prevé chegar ás 18 consultas de medicina xeral (4 máis con respecto ao actual centro de San Roque), outras 17 consultas de enfermería (4 máis), 6 consultas de pediatría e 5 de enfermería pediátrica (2 máis respectivamente).
As instalacións contarán tamén con 2 consultas de odontoloxía, 2 de hixienista dental, 2 de fisioterapia, 1 de nutricionista, outra de psicoloxía, 1 consulta da muller, 2 de matrona, 1 de rehabilitación, 5 de docencia e 3 consultas polivalentes; ademais de salas de técnicas, de toma de mostras, de lactancia, de educación para a saúde ou de rehabilitación con 6 cabinas.
A área do PAC disporá de dúas salas de espera independentes, área de respiratorios, 3 consultas de medicina, 2 consultas de enfermería, 1 de reanimación e 1 consulta de observación.
Trátase de crear un espazo que facilite tanto o traballo do persoal sanitario, como procurar o benestar dos usuarios que van ser atendidos.
A nova infraestrutura conta cun deseño que prima tanto a calidade como a funcionalidade co fin de prestar un servizo eficiente e converterse tamén nun referente arquitectónico.