Xunta e Concello de Ames avanzan no futuro desenvolvemento de novo solo industrial

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, mantivo un encontro co alcalde do municipio, Blas García, no que aproveitou para explicarlle as novas medidas de aceleración de solo industrial impulsadas polo Goberno galego

Santiago, 14 de xaneiro de 2025

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, se reuniu esta mañá co alcalde de Ames, Blas García, para abordar as posibilidades de desenvolvemento de solo industrial neste municipio coruñés. Nomeadamente, do polígono industrial de Bertamiráns así como das posibilidades que ofrecen as novas medidas de aceleración do solo industrial impulsadas polo Goberno galego a través da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompaña aos Orzamentos da Xunta para este ano.

Neste contexto, Ardao e García analizaron as posibilidades de crecemento do actual polígono industrial de Bertamiráns e que, en todo caso, pasarían pola modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de delimitar o polígono e que este se adapte ao plan sectorial autonómico no relativo ao sector de solo urbanizable de Portanxil-Pegariños.

A directora xeral aproveitou o encontro desta mañá para explicarlle ao rexedor amesán que a Xunta vén de crear unha nova figura, a Zona de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (ZAPES), co obxecto de dar axilidade e facilidade a aqueles proxectos que precisan solo de maneira urxente. Os ZAPES permiten tramitar proxectos empresariais de maneira simultánea aos plans urbanísticos para crear pequenos polígonos á medida nun tempo que pasa dos dez anos de espera actuais a só un ano e medio, tal e como subliñou Margarita Ardao tras o encontro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2025