A Xunta somete a información pública o proxecto para executar novas sendas peonís na estrada AC-433 en Laxe, cun investimento de preto de 940.000€
O DOG publica hoxe este anuncio e o prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá
A Xunta prevé aprobar o proxecto a mediados deste ano para posteriormente realizar o levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a obra
Proxéctase un primeiro tramo preto de Castrelo que finalizará no inicio da senda en Cabanas; e un segundo treito que permitirá a conexión entre Cabanas e Finllido
Con estas actuacións daráselle continuidade aos itinerarios xa executados na AC-433 en Soesto e Serantes, conformando un itinerario continuo e seguro para os peóns
O proxecto incluíuse na segunda fase do Plan de Sendas en estradas autonómicas, aprobado no mes de decembro polo Consello da Xunta
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2025
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto para executar novas sendas peonís na estrada AC-433, en Laxe, cun investimento de preto de 940.000€.
O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250124/AnuncioG0181-191224-0001_gl.html
A previsión é aprobar o proxecto a mediados deste ano, para realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións, e licitar a execución da obra.
O obxectivo é a execución de dous novos tramos de sendas peonís na estrada AC-433: un primeiro que parte do núcleo de Castrelo uníndose coa senda xa executada en Serantes; e un segundo, que enlaza este núcleo co de Laxe.
Estes itinerarios, que se desenvolverán pola marxe dereita da citada estrada autonómica, suman unha lonxitude total de 1.903 metros.
De xeito máis concreto, proxéctase un primeiro tramo de senda situado preto de Castrelo, no punto quilométrico 10+494, que finalizará no inicio da senda existente en Cabanas, no punto 11+076.
O segundo tramo permitirá a conexión entre Cabanas e Finllido, discorrendo entre os puntos 11+731 e 12+428. Neste treito prevense dúas zonas de aparcamentos.
Con estas actuacións daráselle continuidade aos itinerarios executados entre os anos 2022 e 2023 na AC-433 en Soesto e Serantes, no municipio de Laxe, conformando así un itinerario continuo e seguro para os peóns.
O proxecto incluíuse na segunda fase do Plan de Sendas en estradas autonómicas, aprobado no mes de decembro polo Consello da Xunta de Galicia, e prevese que sexa cofinanciado con fondos europeos FEDER 21/27.