O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e a directora xeral desta última área conversaron cun grupo de mozos sobre esta iniciativa pioneira en España
López Campos presenta o Bono emancípate como unha medida “con vocación de continuidade no tempo”
Destaca que “como novidade con respecto a outras políticas relacionadas coa vivenda, pon o foco no esforzo que supón o equipamento dun fogar”
O prazo de solicitudes, para as persoas entre 18 e 35 anos ao que vai destinada a iniciativa, é do 6 de febreiro ao 30 de abril
Esta liña de apoio céntrase en sufragar gastos como os propios da mudanza, os de xestorías e notarías ou a compra de mobiliario, electrodomésticos e outros artigos
Poden acceder a estas axudas as persoas independizadas en réxime de alugueiro ou compra desde maio de 2024, con contías de 1.500 e 3.000€
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, compartiu hoxe cun grupo de mozos e mozas os detalles do Bono Emancípate anunciado pola Xunta e que beneficiará á mocidade “no seu proceso de independizarse nun fogar propio e comezar un proxecto de vida afrontando os primeiros gastos que isto supón”. Neste senso, destacou, “poñemos en marcha unha medida coa que estamos a ter moi boas sensacións e que por iso nace con vocación de continuidade no tempo”.
Así, tal e como lles explicou o representante do Goberno galego aos mozos e mozas presentes, esta iniciativa pioneira en España encádrase “nunha estratexia transversal que pretende acompañar á xuventude nunha decisión complicada como é a emancipación” de maneira que, puntualizou “neste caso, como novidade con respecto a outras políticas, poñemos o foco no esforzo que leva o equipamento dunha vivenda e mesmo outras xestións como as da xestoría ou a propia mudanza”.
Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina un orzamento de 2 M€ a esta liña de apoio para a mocidade que vén complementar outras axudas que teñen que ver co prezo de compra dun inmoble ou a renda do alugamento. Así llo lembrou López Campos á mocidade neste acto, recordando que este incentivo económico está dirixido a persoas entre 18 e 35 anos, ambos incluídos, que cumpran unha serie de requisitos e que estean emancipados tanto nunha vivenda alugada como comprada con posterioridade a maio de 2024, polo que optan a percibir 1.500€ no caso do alugamento ou 3.000€ no caso da adquisición do inmoble.
Beneficios do Bono
Unha vez finalizados os prazos e concedidas e comunicadas as axudas, as persoas beneficiarias poderán facer uso da contía recibida a través dunha tarxeta moedeiro virtual expedida ao seu nome e que deixará de ser válida desde o 31 de decembro de 2025.
Con ela, poderán realizar as súas compras en comercios especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías que teñan establecemento aberto en Galicia, polo que non será aceptada para compras a distancia.
Entre o equipamento subvencionable que se pode adquirir con esta tarxeta atópanse mobles, tanto de salón como de cuarto, cociña ou baño; determinados electrodomésticos de uso esencial como fornos, lavadoras, frigoríficos ou radiadores; artigos de decoración; enxoval de cociña e de baño, e téxtil do fogar como sabas, edredóns ou toallas. Tamén se inclúen os gastos derivados do servizo de traslado de mobiliario e útiles desde unha vivenda anterior e os que teñen que ver cos honorarios da xestoría ou notaría polas xestións de contratos de arrendamento ou compravenda.
Requisitos para os solicitantes
Ao Bono Emancípate poden acceder as persoas menores de 36 anos con nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo. Ademais, as persoas estranxeiras non comunitarias deberán estar en situación de estancia ou residencia regular en España.
Así mesmo, calcularase o nivel de renda para adxudicar as axudas, polo que as persoas solicitantes deberán dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos no momento da solicitude, tendo en conta a suma das rendas no caso de que haxa varias vías. Cómpre salientar que o cómputo dos ingresos varía segundo se trate dunha unidade de convivencia, para o que o baremo será que a suma dos ingresos anuais dos compoñentes sexa igual ou inferior a catro veces o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), ou se trate dunha única persoa, situación na que a suma dos seus ingresos anuais deberá ser igual ou inferior a tres veces o IPREM. Ambos requisitos teñen variantes cando se trata de persoas con algunha discapacidade.
Ademais, os interesados deberán ter en conta tamén que todas as persoas da unidade de convivencia deben estar empadroadas na vivenda, ben sexa arrendada ou en propiedade. No caso do alugueiro os contratos debe ser de polo menos un ano con posterioridade ao mes de maio de 2024.
As solicitudes deberán facerse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta e as bases poden ser consultadas no Diario Oficial de Galicia.