A Xunta consolida o apoio á contratación de mulleres en sectores masculinizados con 1,7 M€ no 2025

Como novidade este ano estas achegas inclúense no Galicia Emprega (19,7 M€) que busca incentivar a contratación nos colectivos con máis dificultades de inserción laboral e do que se poden solicitar as axudas ata o 30 de setembro

Este programa está enfocado a favorecer a empregabilidade de mulleres, persoas mozas, paradas de longa duración, retornadas, estranxeiras, con discapacidade, en risco de exclusión e maiores de 52 anos

Poden optar aos apoios as persoas empregadoras e empresas —incluídos os autónomos, as sociedades civís e as entidades sen ánimo de lucro— que contraten de xeito indefinido persoas dos colectivos con maior dificultade de inserción laboral

Entre os anos 2018 e 2024, a Xunta investiu neste programa máis de 85,6 M€, con máis de 8.200 empresas beneficiarias que posibilitaron máis de 10.500 contratacións

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2025

O programa da Xunta Galicia Emprega 2025 inclúe como novidade 1,7 millóns de euros para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados, iniciativa que se estreou o ano pasado facendo especial fincapé en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como o da información e comunicación ou en actividades profesionais científicas e técnicas.

O prazo para solicitar as achegas do Galicia Emprega, dotada con 19,7 millóns de euros, está aberto ata o 30 de setembro e esta iniciativa ten como fin incentivar a contratación nos colectivos con máis dificultades de inserción laboral. Coa edición deste ano prevese promover a contratación estimada de 1.700 persoas desempregadas.

Neste sentido, a convocatoria de achegas está dirixida ás persoas empregadoras e empresas calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos os autónomos e as sociedades civís, así como as entidades sen ánimo de lucro, centros especiais de emprego e empresas de inserción.

A actuación ten como fin a contratación indefinida e a tempo completo das persoas de colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como a mocidade, mulleres, persoas paradas de longa duración, de 52 anos ou máis, emigrantes retornadas ou estranxeiras coa finalidade de aproveitar e reter o seu talento.

Importes por colectivo

Así, dos preto de 20 millóns de euros cos que conta o programa, ademais dos xa mencionados 1,7 millóns para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados, 7 millóns de euros están dirixidos a promover a contratación de mulleres e 3,5 millóns de euros para persoas mozas e correspóndese co Galicia Emprega Moz@s, unha das iniciativas que se enmarca na Estratexia Mocidade Activa para impulsar a empregabilidade e captar o talento da xente nova e que —tan só no caso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— estará dotada con máis de 20 millóns de euros.

Para os parados de longa duración e persoas de máis de 52 anos, o importe consignado é de 2 millóns de euros e a mesma cantidade para persoas emigrantes retornadas e estranxeiras. O orzamento dirixido a incentivar a contratación de persoas con discapacidade ou risco exclusión social é de 3 millóns de euros e de 500.000 euros para todas as persoas en entidades sen ánimo de lucro para a contratación de calquera dos colectivos prioritarios.

Todas elas parten dun apoio base de 6.000 euros que se incrementa ata os 10.000 euros  no caso de mulleres que se incorporen a sectores tradicionalmente masculinizados ou de persoas con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social, entre as que tamén se permite a contratación a tempo parcial. Estas contías base por cada contrato que se desenvolva poderán incrementarse nun 15% se o centro de traballo está situado nun concello rural, entre outros supostos acumulables entre si.

Galicia Emprega, así mesmo, contempla incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a tempo completo, para a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e para o incremento de duración dos contratos fixos descontinuos. A contía máxima posible de axuda, de aplicarse todos os incrementos, será de 14.500 euros por persoas contratada.

Cómpre engadir que entre os anos 2018 e 2024, a Xunta de Galicia investiu máis de 85,6 millóns de euros nesta iniciativa, con 8.223 empresas beneficiarias que posibilitaron 10.502 contratacións.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250124/AnuncioG0767-160125-0005_gl.html

Data de actualización: 02/02/2025