A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, supervisou hoxe estes traballos, xunto á delegada territorial da Xunta, Belén do Campo

A Xunta avanza na prolongación da AG-59 co izado das vigas do novo viaduto de Santa Lucía, en Teo

Os traballos para instalar as doce vigas que soportarán o novo viaduto comezaron esta semana e hoxe estase a instalar a quinta viga, coa previsión de ter todas colocadas a finais da vindeira semana

A conselleira lembrou que as obras deste treito de autovía supoñen un investimento de máis de 33 M€, e permitirán habilitar 3,5 novos quilómetros da AG-59. A previsión é que o treito poida estar rematado a finais deste ano

De xeito paralelo ao avance destas obras, a Xunta xa ten en marcha a actuación da nova e última fase desta autovía, entre Pontevea e O Rollo, de 4 km e cun investimento de máis de 30M€, coa previsión de licitar as obras para inicialas este mesmo ano

Unha vez rematados os 7,5km da prolongación desta autovía, libre de peaxe, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada reduciranse a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67M€

Teo (A Coruña), 7 de febreiro de 2025

A Xunta avanza nas obras de prolongación da autovía AG-59 no treito entre Ramallosa e Pontevea, coa previsión de finalizalo este ano. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou hoxe en Teo o izado de vigas do novo viaduto de Santa Lucía que se constrúe neste tramo no que está a traballar a Administración autonómica.

Os traballos para instalar as doce vigas previstas que soportarán o viaduto, dunha lonxitude de 150 metros, comezaron esta semana e hoxe estase a colocar a quinta viga, coa previsión de completar a disposición de todos estes elementos a vindeira semana.

O viaduto de Santa Lucía é unha das seis novas estruturas que se contemplan neste treito de prolongación da AG-59, xunto a tres pasos inferiores e dous superiores. Tamén se proxectan ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo.

A conselleira lembrou que as obras deste treito de autovía supoñen un investimento de máis de 33 M€, e permitirán habilitar 3,5 novos quilómetros da AG-59. A previsión é que o treito poida estar rematado a finais deste ano.

De xeito paralelo ao avance destas obras, Allegue sinalou que a Xunta xa ten en marcha a actuación da nova e última fase desta autovía, entre Pontevea e O Rollo, de 4 km e cun investimento de máis de 30M€.  O proxecto de trazado xa foi aprobado no Consello da Xunta, e prevese licitar as obras para que se poidan iniciar este mesmo ano.

Unha vez rematados os 7,5km da prolongación desta autovía, libre de peaxe, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada reduciranse a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67M€. “Esta actuación da AG-59 -subliñou a conselleira- facilitará a conexión e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2025