A Xunta incorpora este luns dúas paradas de autobús na parroquia de San Vicente de Vigo, en Carral, nos servizos que empregan os estudantes do IES David Buján de Cambre
A liña entre Tabeaio e o CIFP Universidade Laboral, de Culleredo, amplíase cun desvío polas novas paradas de Balbén e Taramuño en tres horarios adecuados aos institutos
Os servizos sairán de luns a venres ás 07,35 horas de Tabeaio e ás 14,00 horas desde o CIFP Universidade Laboral, e os luns pola tarde ás 18,00 horas
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025
A Xunta incorpora desde o próximo luns, día 17 de febreiro, dúas novas paradas de autobús na parroquia de San Vicente de Vigo, no concello de Carral, nos servizos que empregan os estudantes do IES David Buján de Cambre.
A liña entre Tabeaio e o CIFP Universidade Laboral, de Culleredo, amplíase cun desvío polas novas paradas de Balbén e Taramuño en tres horarios adecuados aos desprazamentos ao instituto, atendendo unha petición do Concello de Carral para facilitar o acceso ao transporte público aos usuarios destas poboacións.
Como consecuencia da ampliación do percorrido, o horario do servizo da mañá cara a Cambre e Culleredo axústase ao incremento de duración total da liña, para manter as horas de chegada aos destinos dos usuarios.
Así, o servizo da primeira hora da mañá sairá de Tabeaio ás 07,35 horas de luns a venres. Mentres, os servizos de regreso seguirán saíndo do CIFP Universidade Laboral ás 14,00 horas de luns a venres e ás 18,00 os luns. Ademais, para manter a operativa do servizo, a saída do primeiro autobús do día desde Culleredo adiántase ás 06,40 horas.
Con esta decisión, a Xunta reafirma o seu compromiso coa mellora da rede de transporte público regular de persoas viaxeiras por estrada e cos desprazamentos do alumnado na comunidade.
A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.